Un goberno falto de valor toma decisións con opacidade e disimulo, sen informar escrupulosamente nin entrar a fondo nas cuestións. O Partido Popular (PP) vén de facer isto mesmo coa redución das pensións que supón, de facto, o repago de fármacos por parte dos pensionistas: pois o ingreso por fármacos neutraliza a subida anual, reduce o poder adquisitivo, e sanciona con especial dureza a aqueles dos nosos maiores que peor saúde teñen –e que nunha especie de círculo vicioso son habitualmente quen peor calidade de vida tiveron durante a súa vida laboral.
O noso cálculo comparativo do antes e o despois do repago farmacéutico para os nosos pensionistas ten como base a pensión media en Galicia, a máis baixa de todas as comunidades autónomas españolas: 692,71 euros ao mes, segundo datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Para a comparación imos usar dous datos relevantes: a subida das pensións do 1% que aprobou o goberno de Mariano Rajoy en decembro 2011 (antes da medida), e o tope máximo de pago para os pensionistas coa renda máis baixa de 8 euros ao mes (despois da medida).
Así, vemos que, da pensión media galega actual, 6,92 euros/mes corresponden á subida de 2011, mentres que a medida de repago lles quitará de media aos pensionistas unha cantidade superior a esta cifra
Así, vemos que, da pensión media galega actual, 6,92 euros/mes corresponden á subida de 2011, mentres que a medida de repago lles quitará de media aos pensionistas unha cantidade superior a esta cifra. Fagamos unha conta rápida: 6,92 (de subida) menos 8 (de pago farmacéutico) dános -1,08. Ou sexa, a medida de repago lles quita aos pensionistas toda a subida de 2011 máis 1,08 euros cada mes. Se, ademais, temos en conta a inflación -pois a suba do 1% de 2011 non compensaba tampouco o total da suba do custo da vida- vemos que o pensionista medio galego perdeu, nos cinco meses que van dende decembro de 2011 a abril de 2012, un 2% da súa renda mensual dispoñible.
O Pacto de Toledo cae en saco roto, por tanto. Non se garante o poder adquisitivo das pensións. Debilítase o principio de solidariedade. Empeórase a equidade do sistema
O Pacto de Toledo cae en saco roto, por tanto. Non se garante o poder adquisitivo das pensións. Debilítase o principio de solidariedade. Empeórase a equidade do sistema. Unha medida aparentemente enfocada sómente á atención sanitaria, acada afectando directamente a outro eixe do benestar social: o sistema de pensións. Velaí a difícil arte gobernativa de facer que as cousas parezan unha cousa que, en realidade, é outra ben diferente. Os gobernos covardes actúan a traizón. Velaquí outro acto máis.
A ideoloxía do recortar impide pensar en mellorar
A ideoloxía do recorte leva a buscar una liña de puntos pola que pasar a tesoira a case calquera parte. O goberno do PP permanece parapetado na redución do gasto sen pensar noutras actitudes e noutras saídas, mellores e máis viables a medio e longo prazo. Quizais porque o rédito político a curto resulta menor, ao mellor porque locen menos e non resultan tan vistosas, quizais porque no inmediato esixe un investimento que a súa ideoloxía non lles permite nin considerar. Estoume a referir ás melloras de xestión.
O goberno do PP permanece parapetado na redución do gasto sen pensar noutras actitudes e noutras saídas, mellores e máis viables a medio e longo prazo. Quizais porque o rédito político a curto resulta menor
A medida do repago oriéntase aparentemente á redución do consumo farmacéutico, e de feito sabemos que toneladas de fármacos caducan ou se destrúen por falta de uso cada ano. Pero, é o pagar máis a única saída? Curioso resulta, por exemplo, que para males de duración media moi limitada –unha dor de cabeza, todos os formatos de medicamento dispoñibles exceden en moito a duración do tratamento –apenas unhas horas. Entón temos que preguntarnos, ata que punto non pagamos en exceso por medicamentos que dificilmente usaremos completos dentro da súa data de caducidade? Non podería a industria farmacéutica adaptar os formatos á duración media dos males que tratan? Sobrarían tantas menciñas se fixésemos así? Aforraríamos algo? Se estimásemos as cifras das respostas, posiblemente nos sorprenderíamos.
Quen di mellorar a xestión a través dunha maior racionalización da industria farmacéutica, tamén di aumentar os ingresos controlando (ou, directamente, suprimindo) os plus salariais do persoal médico
Quen di mellorar a xestión a través dunha maior racionalización da industria farmacéutica, tamén di aumentar os ingresos controlando (ou, directamente, suprimindo) os plus salariais do persoal médico, acabar co dobre emprego público-privado do persoal sanitario, modernizar a táboa de prezos públicos dos servizos sanitarios e alugar o seu uso a clínicas ou centros privados, mellorar a xestión dos pacientes mutualistas e doutros réximes distintos ao da Seguridade Social… ¿son o pagar máis ou o recortar as únicas saídas? Claramente, a resposta é non. A mellora resulta unha saída máis sólida, e que resta ineficiencias e mellora a calidade da atención aos pacientes. Todo é querer e poñerse. Claro está.
Demasiado caro para ingresar tan pouco
Outro aspecto a ter en conta está na desigual distribución do consumo farmacéutico. Quen consume máis fármacos? Quen máis fármacos necesita. Quen precisa de máis fármacos? Quen ten a súa saúde nunha peor situación. Quen se atopa nunha peor condición de saúde? Aquí temos dous factores que inflúen máis ca outros: a peor calidade durante a vida laboral e a maior idade. O primeiro factor é o que explica que a maior parte dos afectados polo repago farmacéutico sexan pensionistas cunha renda inferior aos 18.000 euros anuais –afectados entón polo tope de 8 euros, pois polo xeral a peor calidade de vida laboral corresponde tamén aos salarios e rendas máis baixas. O segundo factor incorpora tamén ás rendas máis altas, pero só na medida en que fan uso do sistema público.
A falta de audacia e compromiso ético deste goberno resulta alarmante
O resultado de todo isto é un sistema de xestión complicada, cuxo custo non creo compense o que vai ser capaz de ingresar e, sobre todo, as complexas consecuencias sociais que xerará a súa posta en marcha. Pois, aínda que existe un pretendido efecto renda na exclusión de pensións máis baixas e non contributivas, o cupo de sostemento do sistema será aquel das rendas entre o mínimo de subsistencia e os 18.000 euros. Nada alentador se, ademais, reducen o seu poder adquisitivo e afectan directamente ao seu benestar.
Deste xeito, este goberno toma unha mala decisión con consecuencias nefastas, mentres seguen pendentes as reformas farmacéuticas e de xestión que garantan a compatibilidade entre a mellora da calidade da atención e o aumento dos recurso financeiros. A falta de audacia e compromiso ético deste goberno resulta alarmante.