Todo isto é fascismo?

Os servizos públicos privatízanse e acaban sendo peores e máis caros, os dereitos laborais sofren un ataque permanente (recortes salariais, precarización, deshumanización), os sindicatos padecen un proceso de debilitación, medra a inxusta e ineficiente desigualdade. Porén, o retorno a un marco keynesiano é algo do cal a Unión Europea foxe como da peste mentres se incrementa o control policial e ideolóxico da cidadanía. Moitos dos nosos políticos aproveitan este contexto degradado para convertérense en expertos en manexar os seus partidos como máquinas clientelares. E o clientelismo non é ningunha parvada. De feito, desideoloxiza e desmobiliza a cidadanía, induce a desconfianza nas institucións, fomenta a corrupción e resulta ruinosa. Son compatíbeis coa democracia a aposta polo desmantelamento do Estado do benestar e mais a cultura política do clientelismo e da corrupción?

Por outra banda, e malia que España ten un nivel de descentralización que nalgúns aspectos supera o de varios Estados federais importantes, a realidade plurinacional deixou obsoleto o sistema autonómico. O caso catalán é hoxe o máis evidente. O Parlament leva desde 1989 afirmando a identidade nacional catalá mentres Madrid se dedica, non só a paralizar sine díe o desenvolvemento estatutario, senón tamén a laminar as competencias autonómicas co beneplácito do Tribunal Constitucional. É máis: o PP, alén de dedicarse desde hai anos a unha silandeira práctica recentralizadora, non descarta que unha eventual reforma da lei fundamental contemple o estreitamento do marco competencial autonómico, sobre todo en materia educativa, sanitaria e policial. E, por suposto, os partidos sistémicos españois descartan radicalmente a renuncia ao principio da soberanía única, aínda que iso faga moi difícil un novo pacto entre Cataluña e España. Un pacto que pasaría por atender a demanda de polo menos seis de cada dez cataláns de poderen elixir entre un xeito de integración en España e a independencia. Así, as tensións propias dunha nación como a española, que se caracteriza por albergar identidades nacionais combinadas (sobre todo de dobre pertenza, tamén en Cataluña), están lonxe de seren canalizadas. Son compatíbeis coa democracia a aposta polo desmantelamento do Estado autonómico e mais o rexeitamento de referendos sobre o autogoberno reclamados maioritariamente?

Finalmente, non é casual que se estea a pór en dúbida a independencia do poder xudicial. Certamente hai razóns poderosas para a preocupación. Para empezar, o nomeamento dos cargos máis altos da maxistratura pode estar politicamente contaminado. Son rechamantes as múltiples complicidades, tamén persoais, existentes entre os poderes executivo e xudicial. Que nestes momentos haxa unha serie de políticos independentistas cataláns investigados por rebelión na Audiencia Nacional –que se cadra nin sequera é competente neste caso–, cando o certo é que nada do que fixeron implicou o uso da violencia –elemento esencial do delito tipificado no artigo 474 do Código penal–, pon de manifesto a perigosa facilidade con que o principio de legalidade penal pode ser ignorado con fins políticos espurios. Tales fins políticos foron precisamente os que inspiraron a reaccionaria lei mordaza, que supón un grave problema para a nosa liberdade de expresión, cuxo exercicio se intenta limitar mediante sancións administrativas e penais. É extremadamente inquietante que a intensidade da persecución de manifestantes, de cómicos ou de autores de artigos, viñetas e chíos dependa do talante máis ou menos progresista dos xuíces, que observan como as últimas sentenzas do Tribunal Supremo en materia de redes sociais amosan unha tendencia a coartar a liberdade de expresión. É compatíbel coa democracia a aposta contra a independencia xudicial e contra os dereitos fundamentais?

O capitalismo neoliberal, o clientelismo e a corrupción, unha gobernanza multinivel disfuncional, un poder xudicial cuestionado e a liberdade de expresión ameazada: velaquí algúns dos máis graves problemas que temos, malia sermos unha democracia que en catro décadas, e tras unha longa e brutal ditadura, experimentou un avance asombroso. Para ser críbel, un achegamento crítico á realidade non pode recorrer ao rexistro populista e demagóxico e mais á caricaturización propagandística. Todos os nosos problemas son tan doadamente subsumíbeis nas categorías de franquismo e fascismo, como nos queren facer crer aqueles que coas súas mentiras procuran manipularnos? Estamos no medio dunha crise sistémica de cuxa gravidade aínda parecemos non ser plenamente conscientes. Non deberiamos concentrarnos en diagnosticar con rigor e en combater con decisión a involución democrática que realmente padecemos?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.