Todo para o precariado sen o precariado

Dominio Público

O activismo convértese no reto de transformar o cansazo en compromiso para quen só pode exercelo tras unha longa, extenuante e esgotadora xornada laboral, cando aínda debe ocuparse, ademais, da casa, da familia, da compra ou das mascotas

A clase, o xénero, a capacidade económica ou a posición social determinan a posibilidade real de implicación social na vida política para a maioría da poboación. Quen se atreve a negar esta realidade sen se ruborizar faino ben por ignorancia, ben dende unha burbulla de privilexio.

A participación activa nunha organización política, sindical, veciñal ou de calquera outro tipo, en movementos como o da vivenda ou o LGTBIQA+, e aqueles que nacen para esixiren accións concretas, requiren tempo de calidade. Tempo para estar, asistir e intervir, si; pero tamén para informarse, estudar, ler e aprender. 

Como implicas no constante ritmo dunha organización a quen traballa a quendas? A que hora fas unha asemblea, para que quen ocupa a caixa dun súper, que pecha ás dez da noite, teña tamén voz e implicación no proceso de acumulación de forza que debe alimentar a construción dunha utopía desexable? Cando le prensa ou documentos, informes e libros unha persoa, cuxa capacidade de atención está absolutamente consumida ao final da xornada de traballo?

O activismo convértese no reto de transformar o cansazo en compromiso para quen só pode exercelo tras unha longa, extenuante e esgotadora xornada laboral, cando aínda debe ocuparse, ademais, da casa, da familia, da compra ou das mascotas.

A redución da xornada laboral é unha oportunidade de ouro para liberar tempo. Para a familia, para o ocio, para o descanso e as tarefas. Pero tamén para a implicación naquelas loitas e iniciativas que nos preocupan e ás que con gusto dedicaríamo​s máis tempo, caso de telo

A redución da xornada laboral é unha oportunidade de ouro para liberar tempo. Para a familia, para o ocio, para o descanso e as tarefas. Pero tamén para a implicación naquelas loitas e iniciativas que nos preocupan e ás que con gusto dedicaríamo​s máis tempo, caso de telo.

A militancia política e social debe deixar de ser un reduto reservado á mocidade universitaria, pensionistas, rentistas ou persoas traballadoras ben situadas con convenios vantaxosos e bos salarios. E, na súa maior parte, homes, dado que a dobre xornada laboral e doméstica segue a afectar, moi ao noso pesar, especialmente ás mulleres.

Debemos esforzarnos en abandonar este novo despotismo ilustrado (todo para o precariado, pero sen o precariado) e establecer marcos e lóxicas de funcionamento que permitan a implicación de todas as capas da sociedade en todos aqueles ámbitos de participación que lles son propios. 

A redución da xornada abre unha porta neste sentido: a liberación de tempo permitirá gañar información e participación, permitirá ensanchar a democracia. Hoxe, o tempo é escaso, e o maior agasallo que podemos darnos como sociedade é liberalo.

Chegou o momento de conquistar a xornada laboral propia do século XXI. Vémonos nas asembleas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.