O déjà vu é unha experiencia na que, por un momento, un sente como se xa tivese vivido unha situación actual no pasado. Esta sensación é común, pero a miúdo desconcertante.
O 8 de abril de 2019, acordouse a constitución do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia (CT), como órgano colexiado no que estarían representados, entre outros colectivos: sociedades científicas, colexios profesionais, asociacións profesionais e sindicatos. De acordo coa acta de remate das negociacións para a resolución do conflito xurdido logo da desconvocatoria de folga dos días 9, 10 e 11 de abril do 2019 no ámbito de Atención Primaria (AP), creáronse 15 comisións técnicas, con 209 persoas nelas. O obxectivo era poñer as bases do Novo Modelo de AP de Galicia realizado polo Grupo de Traballo da Comisión Sectorial número 9: “Multidisciplinar, para establecer os mapas de competencias dos diferentes estamentos profesionais de AP do CT de AP de Galicia”.
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) formou parte deste organismo dende o primeiro minuto e presentou as súas propostas. Traballamos seis anos no proceso. En decembro de 2024, a propia Consellaría decide continuar coa Comisión número 9 para terminar de elaborar o novo modelo de AP. Por consenso, fomos elaborando as conclusións cun informe final, a partir das alegacións de cada unha das entidades. Dende a AGDSP queríamos que participaran (e participaron) psicólogos clínicos, logopedas, terapeutas ocupacionais, farmacéuticos, fisioterapeutas, odontólogos, persoal de Servizos Xerais, etc. Deberiamos ser capaces de realizar unha atención integral nos centros de saúde e PACs.
O 19 de xuño do 2025, quedou aprobado o informe na Comisión número 9, por UNANIMIDADE das 23 entidades que formamos parte do Grupo de Traballo e da Consellaría de Sanidade”. A AGDSP, valorou o traballo realizado, pero dixemos que “os resultados veriámolos co paso do tempo”. Comprometímonos dende 2019.
Queríamos unha mesa de negociación e a Administración fixo 15 comisións técnicas. Consideramos que a Comisión número 9 era a idónea para elaborar o Novo Modelo de AP. Non foi así. Despois de seis anos, temos unha segunda oportunidade. A última palabra, como sempre, téñena os políticos que deciden estes temas. Aos técnicos pouco caso se nos fai... O Novo Modelo de AP farase con este goberno ou co goberno que veña posteriormente.
Solicitabamos, entre outras cousas: aumentar ao 25% o orzamento para a AP, a creación das xerencias de AP en cada área sanitaria, desburocratización das consultas, eliminar a sobre demanda, incorporación de novas entidades aos centros de saúde e, algo moi importante, que o Grupo de Traballo tivese continuidade (dixeron que si e puxemos a seguinte xuntanza para a segunda quincena de setembro do 2025) e que puidésemos facer seguimento do que fai (e do que non fai) a Administración, así como poder avaliar o feito. A última xuntanza foi o 19 de xuño do 2025.
No documento final están medidas para implementar xa, que non precisan recursos económicos e outras que si. Necesitabamos unha memoria económica para levar a cabo o que propoñíamos. Resumo neste artigo os catro puntos nos que nos baseamos e as liñas estratéxicas: acabar coa marxinación da AP e a pobreza de recursos. Dotala de autonomía de xestión. Desmedicalizala, potenciando e ampliando os equipos multidisciplinares para poder prestar unha Atención Integral. Transformala, de verdade, no eixo vertebrador do sistema, orientando a súa actividade a satisfacer as necesidades reais e sentidas polos profesionais e a poboación. Como? Aumentando os recursos e o persoal. Mellorando a capacidade resolutiva. Incrementarndo o papel e a responsabilidade da AP nos plans e programas de saúde. Mellorando a accesibilidade aos centros. Con cambios organizativos para garantir a xestión integrada. Políticas de incentivación, formación e investigación en AP.
Cada apartado ten un desenvolvemento, imposible de meter neste artigo, pero que na súa maior parte coinciden cos puntos da convocatoria de folga actual, que se ve reflectida no sucedido hai seis anos, e que esperemos teña mellor final que o CT. Á hora de escribir este artigo, tiñamos unha xuntanza convocada, con tres meses de atraso, que foi posposta de novo. Como vedes, o déjà vu é evidente. A tomadura de pelo á cidadanía, tamén. O conselleiro afirmou que a Xunta afronta o diálogo cos profesionais de AP con “mente aberta”, aínda que “non tan aberta como para que se nos caia o cerebro ao chan”. Mal imos!