Traer ao rego

Comprobo nos artigos de Praza unha teima coa necesidade de conseguir a unión para unha única candidatura. Non digo oxalá porque abomino dos fundamentalistas de Alá, tamén dos de Acá, pero o penso. Mais a política do desexo non dá resultados.  

Sen saír da miña experiencia vital, vin como, no ano 1963, a ilusión de aglutinar politicamente á mocidade galega, non tarda en ser estragada pola man poderosa dun patriarca galego. (Por moito que reconforte situar os inimigos fóra, abondan os voitres veciños para coutar o voo).

O único momento no que percibín un achegamento de persoas distintas por un obxectivo común foi na loita dos 70 contra a ditadura

O único momento no que percibín un achegamento de persoas distintas por un obxectivo común foi na loita dos 70 contra a ditadura. O proletariado mobilizouse pero a clase media, e non tan media, tamén se arriscou, prestou a súa colaboración e levou porrazos se cadraba. Venceremos nós.

A transición sería o momento do despegue. Pero non. Cumpría traer ao rego á sociedade galega. No momento glorioso no que a lingua se incorpora ao ensino por primeira vez na historia, e pode integrarse e escribirse, co rol e a categoría de ser a orixinaria, entre os seis millóns de persoas que a falan no mundo, hai quen manobra para que non saia do rego creoulo, colonizado, en contra da integración que defende a maioría dos académicos e da autoridade en lingua e literatura máis importante naquel momento. O selo é dialectal, óso/oso, hai de quen!, non só para a lingua. Xente pequena prefire a parroquia onde poder mandar. Non aspira a medirse con outras dimensións. O noso é o rural, a saudade, os dous de sempre, a terra nai que fora celta e despois artúrica. Os eidos poéticos, só para nós. Para o pobo, o noso referente político, por quen arriscamos exilio, cadea, incluso a vida, ou parte dela, para ese pobo, cando a democracia lle permitiu votar...votou dereita. Son propietarios rurais. Os que traballan na fábrica, á hora de votar, a casa polo que vale. Proletariado simbiótico. Quitáronlle o sono a Lenin, e a vida aos que o bolchevismo tivo que vencer pola forza.

A fraude, claro está, non é do pobo real que non se mete en política. É de quen fai política fóra da realidade, da verdade, sen ter en conta que a política é a arte das posibilidades, non dos desexos.

O pobo? Unha fraude. Non sabía que me estaba enterrando en máis de trinta anos de goberno de dereita. A fraude, claro está, non é do pobo real que non se mete en política. É de quen fai política fóra da realidade, da verdade, sen ter en conta que a política é a arte das posibilidades, non dos desexos.

Así foi. A máis fracaso máis fracción. Fóronse dividindo en parroquias cada vez máis pequenas e odiándose como só se consegue en familia. Síntoo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.