Tragando sapos

No verán non diminúen as noticias senón o persoal dos medios, as ganas de informar ou o grao de atención. As axencias e gabinetes corporativos cuspen serpes informativas coma o Pokemon Go ou as guerras por colocar o parasol en primeira liña das praias do Mediterráneo e o xornalista de garda trasplántaas para saír do paso, pero noticias hainas, vaia se as hai!. Hai serpes e hai sapos, hai breves que se venden como acontecementos e acontecementos que se fan pasar por breves. A seguir van algunhas que desfilaron polos medios desde o 25 de xullo.

Seica British Petroleum acaba de avaliar os danos do seu vertido hai uns anos no Golfo de México en 61.000 millóns de dólares. Non é que os americanos lle pidan iso, iso é xa o que eles ofrecen!!

Que vos parece? Nós aquí imos ter que conformarnos con non pagar as costas por pleitear e facerlles perder o tempo a petroleiras, bandeiras de comenencia e aseguradoras. O alcalde de Fisterra mesmo nos tranquiliza dicindo que a continua chegada de chapapote ás praias é normal, etc. Xa se dicía co Prestige, que a marea negra era mesmo un atractivo turístico.

Día da Patria Galega, Día Nacional de Galicia, Día de Galicia. O PP reivindica un “patriotismo aberto e cosmopolita”. Núñez Feijóo critica que se aproveite ese día para manchar a convivencia organizando actos políticos!, só lle falta poñer unha coroa de flores, repartir marihuana, facer o símbolo da paz e entoar o mantra Menos é máis. Horas máis tarde dá exemplo e o goberno galego desaparece no día do seu país.

A mellor celebración de Galiza é para o PP a que non existe.
 
Podemos reclama un “galeguismo reflexivo” ?? e ponnos a pel de galiña ao engadir “para mellorar a vida das persoas do noso territorio”. Ah! Ou sexa que era iso? O noso territorio? Aclárano aínda máis co poema en prosa de que “a nosa patria é a xente: os mariñeiros, os gandeiros, o persoal da sanidade e do ensino, os autónomos...”

Quen lle aquelou estas perlas? Gayoso? O comentario lémbrame a outro que me fixera unha amiga de Podemos, dicindo que ela quería unha candidatura que incluíse os nacionalistas porque era partidaria de “tocar todos os paus”.

O PSOE, por boca do seu flamante secretario xeral, reivindica “o autonomismo”. Segundo un xornalista que fai a crónica en Rianxo, Leiceaga “facturou un discurso desacomplexadamente autonomista”. Case nada! Reléase a cita. Estamos fronte a unha figura retórica descoñecida? Porque isto... imos ver, explicádeo vós que a min dame a risa. Ao novo voceiro do PSOE seguro que lle gusta a crónica porque el mesmo definíu a Galiza como “nacionalidade histórica global”, e aí queda iso, tamén sen nota a pe de páxina nin nada, el déixao aí e nós despois xa... A ver, globais hoxe somos todos, queirámolo ou non. Mesturando iso con nacionalidade histórica, que dá?

Entendo que escribir discursos protocolarios querendo dotalos de sentido, proporcionar o titular e enriba ser orixinal... debe ser duro.

En páxinas interiores, moi interiores, sen fotografía de acompañamento, sen abusar de espazo nin esaxerar co tamaño da letra, leo que unha xuíza abre proceso oral definitivamente contra o PP polo caso dos ordenadores de Bárcenas, por obstrución á xustiza e por destrucción de probas. Os xornais de papel que todos lemos obvian o asunto nas cubertas, os analistas xustificaríano dicindo que o efecto na opinión pública xa estaba descontado. Ademais, na cuberta non cabe todo e xa estaban os mozos e mozas que ían asistir a un acto co papa en Polonia, o restaurante que Messi abre no Eixample de Barcelona, a saba que John Lennon pintara cando o comparaban con Xesucristo...

E así é como o PP negocia a súa investidura, sen interferencias.

Por cuarta vez en menos de dous anos a Xunta de Galicia vai devolverlles aos funcionarios parte do adebedado polas pagas extras suprimidas en anos anteriores, e por cuarta vez vaino facer apenas semanas antes dunhas eleccións.

É coma o gag dos pallasos e a torta de merengue. Cando vemos aparecer a torta en escena sabemos perfectamente que vai acabar nos morros do que non a leva na man. Cando isto finalmente acontece escachamos coa risa coma se nos collese absolutamente por sorpresa. Hai gags que funcionan sempre, por que iamos cambialos?

Investigadores italianos levaron a cabo un estudo do que se conclúe que as familias máis ricas da cidade de Florencia, berce do capitalismo, son as mesmas que aló polo 1400.

Velaí o resultado de seiscentos anos de énfase na iniciativa persoal, valoración dos méritos individuais e o espírito emprendedor. Aos que seguen querendo meternos dobrada a milonga das oportunidades hai que espertalos cun sonoro: “É o capitalismo, estúpido!”

Un artigo no Faro de Vigo informa de que en Alemaña a media de horas anuais por traballador é inferior en 300 á media do estado español.

Titular do artigo: “As vacacións estivais en España superan en dous días ás de Alemaña”.

“O Ministerio de Fomento vixiará que se cumpran os prazos e as calidades nas obras de ampliación da ponte de Rande”... e para iso contrata unha consultora privada por máis de un millón de euros. A ver... xa é un feito que os prazos non se cumpriron nin se van cumprir, non me xeres un sobrecuste para dicirme o que xa sei. Claro que así poderás xustificar a laxitude en base a un informe técnico externo, etc etc. Sobre todo etc, etc. O que faga falta con tal de non ficar co cu ao aire e ter que enfrontar a alternativa de recuperar a concesión por incumprimento das condicións e fraude manifesta na adxudicación da obra.

Estas cousas van como van, expresouno mellor que ninguén a conselleira de infraestruturas: “A Xunta espera que as obras poidan rematarse canto antes”. Ole! Ole! Ole!
       
“As axencias de colocación privadas son catro veces máis eficaces que o INEM”. O primeiro que sorprende é que xa non lles chaman ETT’s. Bótase en falta unha definición precisa de “eficacia” pero dóuvola eu: o que o redactor entende aquí por ser eficaz é “asinar contratos”. Non se para en se estes son de lixo ou de cartón, dun ano ou de seis horas, axeitados para o perfil da persoa ou non, cobrando ou non, no lugar de residencia ou a 300 quilómetros, repartindo o montante que lle corresponde ao traballador coa ETT e o empresario... ou non.

Como non van preferir as empresas este tipo de contratacións? Como van preferir, se a legalidade llelo permite, ser supervisados con lupa antes que facer o que lles pete?

Feijóo apura o paso para non ser reprendido pola xunta electoral e anuncia un observatorio para o problema demográfico, un plan para potenciar a lingua no tecido económico ata o 2020, carga de traballo para os estaleiros ou un proxecto de industria láctea para o 2019 que solventará todos os problemas actuais, “o Citroën do leite galego” . Xa sabedes, o futuro é ese tempo no que finalmente todo irá ben, un mundo de fantasía ao que lle vai pintado o nome deste proxecto: Goodleit. Collédelo?

De momento as explotacións abandónanse a ritmo de metralleta e o prezo do leite para o gandeiro acada os niveis máis baixos nunha década, pero no 2019... a rehostia!

O exministro que non lembraba as súas empresas e contas en Panamá ou en Jersey, José Manuel Soria, é proposto para o cargo de director executivo no Banco Mundial e móntase unha barafunda inexplicábel polo impropio da proposta.

Inexplicábel a non ser que creamos nos reis magos e no traballo polo ben común do PP e o Banco Mundial. No FMI estivo Rato, na OCDE está Wert, na UE Arias Cañete. Os seus nomeamentos deberían ser pedagóxicos e impulsarnos a esixir a liquidación desas covas de ratas. As ratas fan o que poden e o que lles deixan. Pobres. 

Ata xullo o Imposto de Sociedades (fermoso nome, non si? Mellor que Imposto sobre os Beneficios Empresariais) recadou en Galiza 22 millóns de euros, tras unha caída do 88%. Pola contra, entre o IRPF e o IVE... máis de 3000 millóns. Isto é, de cada cen euros investidos en hospitais ou estradas, tamén en propaganda institucional ou en subvencionar a grandes fortunas, 95 euros saen das nóminas e o consumo, 4,5 de outros impostos e 50 céntimos dos beneficios empresarias.

50 céntimos? Aí queda marxe. Se vén Apple de Irlanda, pagámoslle por instalarse.

Feliz verán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.