Transición a ningures

En semanas pasadas foron diversas as homenaxes á IIª República e moitos os recoñecementos ás persoas que sacrificaron as súas vidas pola liberdade e pola democracia. Pero é claro que a verdadeira homenaxe que merecerían xa non é evitar o revisionismo histórico tan de moda nos últimos anos sobre o que significou a República, tamén é dignificar, recuperar e  recoñecer ás miles de persoas que por todo o territorio do Estado  aínda a día de hoxe seguen soterradas en cunetas e en fosas comúns.

É preciso sacar a luz e falar claro do que de verdade significou o franquismo. Algo para o que en teoría naceu a Lei da Memoria Histórica, pero que finalmente  parece ser nun mero brinde ao sol, puro voluntarismo político. Unha Lei derrogada de facto polo goberno do PP por carecer de fondos.

A nosa democracia ten unha débeda clara cos “derrotados”, coa vítimas da barbarie, cos asasinados. Pero será capaz unha democracia nacida no seo do franquismo recoñecer esa débeda? Unha democracia e un Estado na que un ditador recompón á monarquía, logo de dar un golpe de estado ao réxime democrático da República. Unha democracia e un Estado onde o xefe de Estado nomeado polo ditador nomea a dedo ao presidente do goberno,  quen debe dirixir esa transición cara a democracia. E que  elixido sexa o santificado Adolfo Suárez que foi presidente do Movemento Nacional  e que dirixiu RTVE durante o franquismo.

Nesa transición non houbo referendo sobre a forma do Estado, nin da monarquía que foi introducida con calzador nun texto constitucional baixo a ameaza dun novo golpe de Estado militar. Un referendo que non tivo lugar porque tal e como foi revelado a través dunhas gravacións de Adolfo Suárez non estaban seguros de gañar.

Unha transición, unha grande mentira, un gran mito,  na que os “derrotados” foron de novo os grandes perdedores. Un proceso que só significou unha “transicións” das elites do réxime cara a ser elites na “democracia”.  Unha transición de auto-condonación dos crimes do franquismo e da súa oligarquía. Tal é así que aínda a día de hoxe cando se fala de restituír a memoria das vítimas asasinadas durante a ditadura sempre escoitamos que “non é preciso reabrir feridas”. De que feridas falamos? Das feridas aínda abertas dos familiares das vítimas?

Esa transición é a que explica que nunha democracia existan “delitos de opinión” que funciona de xeito unidireccional. É delito facer mofa de Carrero Blanco ou do Valle dos Caídos, pero se a mofa vai nun sentido cara a esquerda parece que isto é diluído no esquecemento.

Pero tamén explica como é permitido ese revisionismo histórico que se practica dende as elites do réxime do 78, comparando o réxime democrático que significou a república, ao réxime franquista. Algo que explica como dirixentes do PP saen a dicir que é igual que lucir unha bandeira republicana que unha franquista ou pre- constitucional. O insulto institucionalizado permanente.

Un Estado democrático no que a ONU a través da Convención Internacional sobre Desaparicións Forzadas (2010) é obrigado a  buscar aos desaparecidos do franquismo, así como a asignar recursos, persoal técnico e financeiros suficiente para a busca e o esclarecemento da sorte desas persoas. Pero a Lei de Amnistía e a “prescrición” dos delitos foi o parapeto e a resposta do goberno do PP.

España non é Uganda, pero si parece ser Camboxa, xa que España é o segundo país do mundo no número de desaparicións forzadas,  logo deste país asiático. Pode un Estado que se nomea así mesmo democrático obviar esa realidade? Pode unha democracia construírse sobre a mentira e a impunidade dos crimes cometidos durante o franquismo? Pode unha democracia e un Estado permitir que as vítimas sexan sepultadas no esquecemento?

“Somos os derrotados, pero nunca os vencidos” (Joan Tardá, ERC)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.