Transparencia e memoria de 150 mortos

CC-BY NIAID

Que a administración non dea información fiable está a provocar mortes

Calquera diría que, con todo o resto da actividade económica, política, cultural ou deportiva detida, teriamos unha información completa sobre o maior acontemento mundial en décadas. E porén, non. Fáltanos información crucial. E esa falta de información custou e está a custar vidas. E vai levar por diante a memoria de moita xente.

Sabemos extensamente sobre as medidas de protección individuais (anque probablemente o soubemos moi tarde). E temos unha boa perspectiva da epidemia a nivel macro, de curvas que se achandan ou non. Pero a administración, que é a que controla toda a difusión da información, está a fallar escandalosamente no que tamén lle toca: dicirnos como está a afectar a pandemia no nivel micro, nas nosas rúas e carreiros. 

Porcentaxe de homes sobre o total de defuntos nos principais hospitais © Xabier Cid

Os datos din que está morrendo moita xente, día a día, tamén en Galicia. Canta non o sabemos, porque nin sequera os datos dos finados son precisos

Durante os últimos días estiven recopilando datos publicados para saber onde está a epidemia en Galicia, a quen está afectando, e, o que é máis importante, como nos contaxiamos. Eses datos son terriblemente incompletos. Que a administración non dea información fiable está a provocar mortes. Hai dous argumentos empregados estes días para controlar a información. Un, explícito ou implícito, é librarnos do horror. Facer máis doce o noso confinamento. Se os cadáveres desaparecen rapidamente, se non hai funerais, se non se di quen morreu, onde morreu e que facía antes de morrer, parece como que non está pasando. Esta sensación de irrealidade, de privación dos sentidos que é estar confinado, increméntase. O ocultamento da morte é constante en todas as administracións, pero o que necesitamos é todo o contrario. O outro argumento é o trampuzán recurso á protección de datos, de quen ignora que esta é unha lexislación que protexe os vivos e non os defuntos, que os datos se poden dar con autorización e que se poden anonimizar. Acabamos de suprimir liberdades fundamentais durante tempo indefinido coa escusa de achandar unha gráfica, e non somos capaces de facilitar a protección dos cidadáns vivos e de salvar a memoria das vítimas desta epidemia. 

Sabemos soamente que hai algunhas diferenzas, quizais relevantes, na idade e no sexo das persoas que morren en Galicia con respecto ás do conxunto do estado ou China: hai algunha razón ou é simplemente un problema mostral?

Os datos din que está morrendo moita xente, día a día, tamén en Galicia. Canta non o sabemos, porque nin sequera os datos dos finados son precisos. Máis dun cento, menos de duascentas (polas miñas contas, agora mesmo 138). Pero esas cifras chegan para saber que é unha das grandes causas de morte: aínda por detrás do corazón e do cancro (4 e 3 veces máis, con referencia aos datos de 2018), pero moi por riba de alzheimer, o sucidio ou os accidentes, e ata 20 veces máis ca da gripe estacional (este último dato ten varios asteriscos, que desenvolvo noutro sitio).

E non sabemos quen ten un maior risco de morrer (e isto é importante, porque son as persoas que debemos protexer máis). Os datos de comorbilidade facilitados polo Sergas son ridículos, e a nosa referencia segue a ser o estudo feito en Wuhan (que aí si, publicaron resultados). Sabemos soamente que hai algunhas diferenzas, quizais relevantes, na idade e no sexo das persoas que morren en Galicia con respecto ás do conxunto do estado ou China: hai algunha razón ou é simplemente un problema mostral?

Distribución por grupos de idade dos falecidos © Xabier Cid

Sabemos que hai focos de contaxio en residencias, pero non alcanzamos a ver o grave da situación

Pero máis importante aínda: non sabemos onde nin como está a morrer a xente. Sabemos que os datos do hospital da Coruña son terroríficos, e que os de Vigo, por exemplo, son (ou eran) moito mellores inicialmente. Pero non sabemos se están morrendo os anciáns da cidade ou da aldea, se están morrendo os que viven sós ou os que viven en familias ou comunidades. E isto é moi importante para salvar vidas e para acompañar da mellor maneira posible as persoas os que marchan e os que quedan.

Sabemos que hai focos de contaxio en residencias, pero non alcanzamos a ver o grave da situación: sabemos que entre as cifras facilitadas pola administración de maneira discreta e o que intuímos, os anciáns mortos contaxiados nas residencias deben supor un terzo dos defuntos oficiais. Ou sexa, que un de cada tres mortos vivía nunha residencia de anciáns. Con amarga desolación intuímos que estas cifras serán máis elevadas.

A memoria temos que salvala xa e é responsabilidade da administración abrir eses datos para que nós, cidadáns confinados, poidamos poñer a nosa peza, axudar a previr contaxios

Tamén intuímos (isto non o sabemos, pero hai comentarios de persoas afectadas que apuntan a isto) que as viaxes do IMSERSO tiveron un papel importante na dispersión da enfermidade: Dositeo Rodríguez, Marta Soto e un señor de Lalín chegaran hai poucos días de Lloret e de Torremolinos. Está a administración monitorizando as persoas que foron en viaxes do IMSERSO? É unha hipótese errónea? Como podemos os cidadáns autoorganizarnos se descoñecemos esta información que é obriga e responsabilidade da administración facilitar? Non, como cidadáns estámonos limitando a aplaudir á hora que din que hai que aplaudir. E a delatar a quen pasea só.

Esta linguaxe que exudan boa parte dos nosos medios e, por suposto, a administración, con comparecencias públicas de militares incluídas, leva a unha obvia resposta: cando dentro duns anos miremos a isto non imos saber a verdade. É o que pasa na guerra. A memoria temos que salvala xa e é responsabilidade da administración abrir eses datos para que nós, cidadáns confinados, poidamos poñer a nosa peza, axudar a previr contaxios e salvar a memoria dos que, dentro dunhas semanas ou meses non van estar con nós.

Distribución de defuntos por hospitais (datos dos hospitais e centros de Vigo, pendentes de confirmación) © Xabier Cid

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.