Unha noite que sentei moi tarde a cear, acabei vendo na tele a única peli que atopei que comezaba a esas horas, que viña sendo Tres metros sobre el cielo, adaptación da primeira novela de Federico Moccia, ese iluminado ao que se lle ocorreu comparar as relacións amorosas con fechos e as vontades con chaves que se tiran ao río. Non me decepcionou en absoluto. Agardaba todo tipo de estereotipos sexistas e deume aínda máis.
Agardaba todo tipo de estereotipos sexistas e deume aínda máis. Machos alfa, rapazas submisas, frases lapidarias de control e dominación, obxectualización das mulleres, ruptura das mozas cos seus contornos, maltrato ás nais, violencia en xeral
Machos alfa, rapazas submisas, frases lapidarias de control e dominación, obxectualización das mulleres, ruptura das mozas cos seus contornos, maltrato ás nais, violencia en xeral... era un contínuum de estímulos visuais e auditivos para crear imaxes e símbolos que despois se reflicten perfectamente nas enquisas que mostran que os adolescentes non detectan as actitudes da violencia de xénero. E logo mostramos sorpresa porque as rapazas digan que ven os celos como un acto de amor, que non falen dunha situación de violencia de xénero senón de problemas sentimentais co seu mozo, que identifiquen os malos tratos grazas ás campañas, pero que non é iso o que lles acontece a elas. Como vai ser iso, se elas só queren ser como as protagonistas de 3MSC?! Esta película, en 2010, foi a de maior recadación do ano, con máis de 1,3 millóns de espectadores, e se xuntamos os espectadores de 2011 falamos de máis de millón e medio de persoas que foron vela aos cines. Non se me ocorre maior normalización da dominación e submisión das mulleres que esta. E con perspectiva de futuro, dirixida ás rapazas novas e con segunda parte, Tengo ganas de ti.
Non damos relacionado a teoría e a práctica, non damos estabelecido tampouco a relación causa-efecto entre os modelos e referentes nas relacións privadas e os acontecementos que rematan ocupando as páxinas de sucesos dos xornais
Oxalá só fosen estas películas! Son as cancións, son as series de televisión, son os anuncios, son os xoguetes, son as parellas reais, de carne e oso, que seguen a manter e mesmo reforzan os roles de xénero... E seguimos a preguntarnos como poden acontecer as cousas que acontecen porque a teoría témola máis que clara. Pero non damos relacionado a teoría e a práctica, non damos estabelecido tampouco a relación causa-efecto entre os modelos e referentes nas relacións privadas e os acontecementos que rematan ocupando as páxinas de sucesos dos xornais. Os asasinatos de mulleres, as violacións que son non só xustificadas senón aplaudidas, as nenas encerradas na casa para que non as secuestren pederastas nos parques e as normas de bo comportamento no espazo público para non gañarse unha violación son sucesos, contos, que nos deixan en estado de shock ata a seguinte noticia.
Teño unha filla de 6 anos e ás veces dime cousas que me deixan pensando de onde as sacaría, está claro que teño que estar máis atenta