Pekín,1995: IV e última Conferencia Mundial das Mulleres. Trinta anos pasaron dende que se sementou o xerme do apoderamento feminino actual. Máis de 30.000 activistas propuxeran unha axenda -adiantada ao seu tempo, visionaria e transformadora- pola igualdade de dereitos das mulleres e das nenas
Pekín,1995: IV e última Conferencia Mundial das Mulleres. Trinta anos pasaron dende que se sementou o xerme do apoderamento feminino actual.
Por esa data eu tiña 5 anos e era inconcibible para min, para unha nena que neses intres arrincaba a súa andaina escolar, que nun lugar do mundo, máis de 30.000 activistas propuxeran unha axenda -adiantada ao seu tempo, visionaria e transformadora- pola igualdade de dereitos das mulleres e das nenas.
Unha axenda, por certo, respaldada a escala mundial, que actuaba e actúa como guía en doce esferas de especial preocupación para rachar coa discriminación feminina en eidos como a pobreza, a educación, a participación política, a saúde, a economía ou o medio ambiente. E tamén a violencia contra a muller.
A conferencia impulsou unha gran transformación social: as mulleres comezaron a asomarse ao espazo público sen medo, aquelas que foran silenciadas durante moito tempo entoaron un berro ao unísono e transfronteirizo.
A conferencia impulsou unha gran transformación social: as mulleres comezaron a asomarse ao espazo público sen medo, aquelas que foran silenciadas durante moito tempo entoaron un berro ao unísono e transfronteirizo
Ninguén cuestiona (ou non debería cuestionar) hoxe en día, que os dereitos das mulleres son dereitos humanos. Pero foi hai tres décadas cando Hillary Clinton, na súa condición de primeira dama dos EE.UU. puxo na palestra o lema “os dereitos humanos son dereitos das mulleres e os dereitos das mulleres son dereitos humanos”, que se converteu no clamor multitudinario das feministas que asistían a dita conferencia. Por aquel entón Hillary era a primeira muller en ocupar un cargo executivo nunha firma de avogados e volvería a romper as barreiras 20 anos despois cando foi nomeada a primeira candidata á presidencia dos EE.UU. por un dos grandes partidos. Que gran avance para o país, o mesmo que viu que o seu contrincante e actual presidente electo salpicou aquela campaña electoral con comentarios sexistas.
Conmemorar esta data, Pekin +30, significa celebrar o camiño percorrido, celebrar todo o que avanzamos, pero tamén significa unha chamada de atención para os desafíos pendentes
Conmemorar esta data, Pekin +30, significa celebrar o camiño percorrido, celebrar todo o que avanzamos, pero tamén significa unha chamada de atención para os desafíos pendentes. Porque “habelos, hailos”, xa que a día de hoxe non alcanzamos a igualdade real entre mulleres e homes. Pekín + 30 significa unha oportunidade para revitalizar eses compromisos da conferencia e cumprir tamén os Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible establecidos na Axenda 2030, que por certo, tamén está de aniversario neste 2025.
Precísanse medidas concretas e esa concreción necesita dunha vontade política, que unicamente se transforma en realidade se aparece recollida nos Orzamentos das institucións. Galicia parece quedar escorada nesta posición. Aquí non temos Instituto Galego da Muller dende que o goberno popular o aniquilou no 2010. Foi tamén un goberno popular o que prescindiu da Secretaría Xeral de Igualdade e o que desarmou os Centros de Información á Muller.
Aquí non temos Instituto Galego da Muller dende que o goberno popular o aniquilou no 2010. Foi tamén un goberno popular o que prescindiu da Secretaría Xeral de Igualdade e o que desarmou os Centros de Información á Muller
Hai que lembrar que nesa conferencia se estableceu a necesidade de incorporar a dimensión de xénero en todas as actuacións públicas dos poderes públicos, o denominado mainstreaming de xénero.
Pero ese xerme continúa tres décadas despois. Detrás dos logros de todas esas nais, avoas, tías… o feminismo actual loita contra a discriminación sen deixar a ninguén atrás. Mulleres de todas as idades, mulleres rurais, mulleres con diversidade ou mulleres migrantes entre outras, queren e esixen esas medidas concretas. Este é o noso alegato. E farémolo xuntas porque temos futuro. Sabedes porqué? Porque temos pasado.