TRUMP, AS RAÍCES ECONÓMICAS DA EXTREMA DEREITA
As que se ven a si mesmas como forzas progresistas levan décadas promovendo políticas económicas favorábeis ao capitalismo no seu modo de regulación neoliberal. Estas políticas fan máis difícil a vida das clases subalternas: perda de poder adquisitivo, precariedade laboral, mercantilización da protección social
A vitoria de Donald Trump nas eleccións estadounidenses é un elo decisivo no avance global da extrema dereita. Os media progresistas hexemónicos desenvolven unha explicación centrada en cuestións relacionadas co xénero, a cultura e a emigración. Sublíñase como elemento explicativo a diferenza de nivel académico. Os votantes de Trump serían menos cultos e por iso susceptíbeis de aceptaren alternativas simples para problemas complexos que son incapaces de comprender. No entanto, subestiman as raíces económicas do malestar existente entre as clases traballadoras estadounidense e europea. As que se ven a si mesmas como forzas progresistas levan décadas promovendo políticas económicas favorábeis ao capitalismo no seu modo de regulación neoliberal. Estas políticas fan máis difícil a vida das clases subalternas: perda de poder adquisitivo, precariedade laboral, mercantilización da protección social. Ademais, ao adheriren ao campo semántico da narración neoliberal facilitaron a alienación destas clases do espazo supostamente progresista e a súa identificación cos que “falan coma eles” e a dimisión da vida pública pasándose á abstención. En 2020, Biden obtivo 81 millóns de votos por 74 de Trump; en 2024 Trump gañou apenas 1 millón de votos, e Harris caeu até 68 millóns, perdendo 13 millóns. O campo semántico dos progresistas inclúe competitividade, innovación, gañadores-perdedores, alta cualificación, reinvención ... ningún lexema co que poidan sentirse identificados as traballadoras e traballadores manuais que desempeñan os traballos máis precarizados e de salarios inferiores, absolutamente imprescindíbeis para o funcionamento da economía e da vida.
CUANTIFICAR O ESTOUPIDO DA DESIGUALDADE
A clase capitalista, o 1% máis rico, duplicou nestas catro décadas a súa participación na renda total, desde o 10% ao 20%
A partir da información ofrecida pola Base de Datos sobre a Desigualdade Mundial (WID) promovida por Thomas Piketty elaborei dous gráficos sobre a evolución da distribución da renda nos Estados Unidos desde 1980 até 2023, as catro décadas de hexemonía neoliberal despois da destrución do pacto fordista. A WID fornece datos sobre a participación na renda total antes de impostos do 1% máis rico, o 10% máis rico, o 40% intermedio e o 50% máis pobre. Para a miña análise identifico o 1% máis rico coa clase capitalista; o 9% seguinte coa clase dos xestores encargados da organización da produción e o consenso social; o 40% intermedio coa clase das ocupacións profesionais, clase media; e o 50% inferior coa clase traballadora.
A clase das profesións intermedias perde 6 puntos na renda total, a clase traballadora perde case 7 puntos. O resumo das dúas gráficas é unha transferencia do traballo ao capital de 13 puntos na capacidade de consumo e aforro
A clase capitalista, o 1% máis rico, duplicou nestas catro décadas a súa participación na renda total, desde o 10% ao 20%. Un triunfo histórico que reflicte a intensificación brutal da taxa de explotación das clases subalternas. A clase xestora e responsábel de garantir o consenso social, o 9% seguinte, mellorou a súa porción en 2,5 puntos. En total o 10% superior, as dúas clases hexemónicas, aumentou a súa cota en case 13 puntos.
A clase das profesións intermedias perde 6 puntos na renda total, a clase traballadora perde case 7 puntos. O resumo das dúas gráficas é unha transferencia do traballo ao capital de 13 puntos na capacidade de consumo e aforro. O malestar das clases traballadoras estadounidenses non é unha consecuencia do seu nivel cultural e académico, senón a conciencia de que a orde social realmente existente as discrimina e explota. Conciencia tamén alienada, por incapaz de ver a raíz da desigualdade, e por iso vulnerábel.
En 1980 a renda por persoa da clase capitalista (1% máis rico) multiplicaba por 26 a da clase traballadora (50% inferior); en 2023 o múltiplo era xa de 77 veces
A partir dos datos da WID calculei o número de veces que a renda por persoa do 1% máis rico (a clase capitalista) e a renda do 9% seguinte (a clase xestora) multiplica a renda por persoa do 50% inferior (a clase traballadora) en 1980 e 2023.
En 1980 a renda por persoa da clase capitalista (1% máis rico) multiplicaba por 26 a da clase traballadora (50% inferior); en 2023 o múltiplo era xa de 77 veces.
En 1980 a renda por persoa da clase xestora (9% despois do 1% máis rico) multiplicaba por 6 a das clases subalternas (90% inferior); en 2023 o múltiplo era de 11 veces.
AS ELITES DEMÓCRATAS SON CÓMPLICES DAS POLÍTICAS DA DESIGUALDADE
Innumerábeis estudos documentan esta evolución. As elites do Partido Demócrata non poden alegar ignorancia
Innumerábeis estudos documentan esta evolución. As elites do Partido Demócrata non poden alegar ignorancia. En 2011 poderían ler a Atkinson, Piketty e Saez alertando sobre o estoupido da desigualdade no longo prazo desde unha perspectiva funcionalista. En 2012 poderían comprender a Mohun que emprega unha perspectiva marxista de clase, “o principal achado é que a desigualdade de renda en termos de clase é agora superior a calquera momento desde 1918”. En 2017 a David Autor relacionando a caída os salarios coa auxe das compañías xigantes. Tampouco souberon ver o gráfico xa clásico que mostra a desconexión entre o incremento da produtividade e o crecimento dos salarios dos traballadores sen funcións de supervisión que se produce a partir de 1973.
Gary Gerstle describe no seu magnífico Auxe e caída do neoliberalismo como Bill Clinton, “a partir de 1994, converteuse no presidente neoliberal de Estados Unidos por excelencia” promovendo a política económica que se coñecería como Consenso de Washington
As elites demócratas non poden alegar ignorancia, son cómplices do estoupido da desigualdade. Gary Gerstle describe no seu magnífico Auxe e caída do neoliberalismo como Bill Clinton, “a partir de 1994, converteuse no presidente neoliberal de Estados Unidos por excelencia” promovendo a política económica que se coñecería como Consenso de Washington. Dous fitos da súa presidencia foron a derrogación da Lei Glass-Steagall e a aprobación da Lei de Telecomunicacións. A Lei Glass-Steagall fora aprobada baixo a presidencia de Roosevelt en 1933 para afastar a banca comercial da banca de investimento. A súa derrogación en 1999 foi decisiva para alimentar a exuberancia financeira que desembocou na Gran Crise Financeira Global de 2007-2008 con terríbeis consecuencias económicas e sociais. A Lei de Telecomunicacións de 1996 cedeu a explotación das tecnoloxías da información, a comunicación e os datos a unhas poucas compañías que como advertira o xornalista Marvin Kitman “van a acabar por posuílo todo”. O protagonismo de Elon Musk na campaña de Trump, a súa capacidade de decisión sobre a liberdade de información e a evolución da guerra en Ucraína son manifestacións explícitas do poder acumulado polas grandes tecnolóxicas. Un outro poder dos que ameazan a democracia. Moi significativamente as dúas primeiras empresas estadounidenses por facturación, Walmart e Amazon, desenvolven agresivas e antidemocráticas prácticas antisindicais. Empregan 2 millóns e millón e medio de traballadores dos que extraen valor para converter á familia Walton na máis rica do mundo e a Jeff Bezos no terceiro multimillonario mundial. O intento de rectificación de Biden, desde o Plan de Empregos para América coas reiteradas alusións ao emprego de calidade e aos sindicatos até a súa presencia nos piquetes da folga do automóbil, chegou tarde.
Son tamén innumerábeis as advertencias sobre a desconfianza crecente respecto da democracia. Apenas o 54% dos cidadáns estadounidenses consideran que o seu país o sexa. Unha maioría do 70% responde que o goberno traballa en beneficio dunha pequena minoría da que fan parte as corporacións globais e as grandes tecnolóxicas. O 76% identifica como principais ameazas para a democracia a desigualdade e a corrupción. A maioría dá prioridade á loita contra a pobreza por diante do gasto en defensa. Este diagnóstico é acertado. Chama a atención que proveña dunha institución tan de orde, Alianza de Democracias, que o seu fundador foi un antigo secretario xeral da OTAN.
UNHA LECCIÓN DAS ELECCIÓNS ESTADOUNIDENSES PARA AS ESQUERDAS GLOBAIS
As dereitas extremas gobernan xa importantes países de América do Norte, América Latina e Europa. Para combater eficazmente a súa irrupción será necesaria unha política económica radicalmente distinta que se propoña mudar profundamente a relación de forzas entre traballo e capital
As dereitas extremas gobernan xa importantes países de América do Norte, América Latina e Europa. Nos próximos meses e anos comprobaremos os custos das súas políticas en dereitos laborais e sociais, na vixencia das liberdades democráticas, nos dereitos das mulleres e das comunidades LGTBI, nas políticas relacionadas coa crise ecolóxica e a mudanza climática. Que facer para enfrontalas é unha cuestión de extraordinaria dificultade e complexidade que necesita dunha reflexión colectiva. Porén, si me atrevo a afirmar que para combater eficazmente a súa irrupción será necesaria unha política económica radicalmente distinta que se propoña mudar profundamente a relación de forzas entre traballo e capital.