Turner, o pintor romántico que apostou pola luz

Turner: A desembocadura do río Humber Dominio Público

A pintura dos artistas románticos pasa por ser a expresión das emocións, pero aínda dentro da tradición renacentista, aínda polo rego do figurativismo. Mais o artista William Turner, sendo romántico, rematou por mirar máis aló, e ser quen de reflectir os seus estados de ánimo nas cores que dicía que vía; as tonalidades que captaba segundo fose a luz. William Turner foi un precursor do impresionismo? Foi, acaso, un pintor abstracto?

W. Turner: Lago, 1827 Dominio Público

Turner. La llum és color. Museu Nacional d’Art de Catalunya

Bright star! would I were steadfast as thou art— / Not in lone splendour hung aloft the night, / And watching, with eternal lids apart, / Like Nature‘s patient sleepless Eremite, / The moving waters at their priestlike task / Of pure ablution round earth‘s human shores, / Or gazing on the new soft fallen mask / Of snow upon the mountains and the moors— / No—yet still steadfast, still unchangeable, / Pillow‘d upon my fair love‘s ripening breast, / To feel for ever its soft fall and swell, / Awake for ever in a sweet unrest, / Still, still to hear her tender-taken breath, / And so live ever—or else swoon to death. (J. Keats, Bright star! would I were steadfast as thou art, 1819).

Nestes meses centrais de 2022, ano de guerra para Ucrania e -desgraciadamente- para moitos outros lugares do planeta, o Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) presenta unha excepcional exposición temporal: Turner. La llum és color. Trátase da presentación de máis de cen obras elaboradas polo gran pintor romántico Joseph Mallord William Turner (1775-1851). Entre o cento de pezas a admirar nas salas do MNAC hai óleos e tamén bastantes acuarelas e deseños, ofrecidos agora como o que foron: estudos, apuntamentos para logo elaborar a que se consideraba a obra final: o óleo. Turner. La llum és color é unha produción do MNAC (estaba prevista para uns anos antes, pero seica foi aprazada por mor da pandemia), en colaboración coa Tate Galery de London que alberga nos seus fondos a máis importante colección de traballos de Turner. O pintor en vida decidiu legar ao estado do United Kindom moita da súa obra -e que xa foi aceptada polas autoridades no ano 1856, cinco anos despois do pasamento do artista viaxeiro-; razón pola que agora esta galería posúe uns 400 óleos ( a meirande parte inacabados), así como 35.000 acuarelas e esbozos. Turner tomaba notas de lugares, de fenómenos atmosféricos, daquilo que vira no mesmo intre (en acuarela ou deseños) para logo no estudo elaborar a obra acabada, case sempre ao óleo.

William Turner (1775-1851) é un pintor romántico, por cronoloxía e mais polas maneiras de traballar que demostrou. Sempre tivo un especial interese pola natureza, unha das razóns que explican as súas constantes viaxes por Gran Bretaña e mais por boa parte de Europa. Considérase que a súa época de máis produtividade coincide coa da derradeira etapa da súa vida; entre 1835 e 1851 produciu o máis e mellor da súa pintura. E xa no século XX Turner pasou a ser un dos pintores románticos máis valorados e apreciados, e os seus traballos (rematados e non) influíron en moitos outros artistas, por exemplo en Mark Rothko. A mostra Turner. La llum és color está comisariada por David Blayney Brown, antigo conservador xefe de arte británico da Tate Gallery e todo un especialista na obra de W. Turner.

Mesmo mirando as creacións de William Turner como as manifestacións dun gran artista romántico, soubo combinar pasado e presente. Nas súas obras pódense visitar os máis elaborados episodios da mitoloxía clásica, así como asistir ao paso dun tren ou á navegación dos novidosos barcos de vapor. Este artista, pouco dado ás relacións sociais, acabou por estar obsesionado pola pintura, pola práctica pictórica. Traballou sen descanso en moitos temas e a partires de varias técnicas. Coméntase que -á súa morte- o seu mellor amigo John Ruskin queimou moita obra do artista, entre outras cousas moreas de debuxos eróticos que levaba feitos o autor de Desembocadura do río Humber. Non hai moito, en cambio, comezaron a aparecer noticias que aseguran que Ruskin nunca queimou eses deseños. Onde están, logo?, que persoa ou persoas os poden ter?

W. Turner: Lúa Nova. 1840 Dominio Público

Turner. La llum és color. Romanticismo. O trunfo da cor

Poets and painters, as all artists know, / May shoot a little with a lengthened bow; / We claim this mutual mercy for our task, / And grant in turn the pardon which we ask; / But make not monsters spring from gentle dams– / Birds breed not vipers, tigers nurse not lambs. (Lord Byron, Athens: Capuchin convent, 1811)

O apaixoado espírito de William Turner amaba a natureza (como xa se apuntou) e mesmo as manifestacións extremas da mesma; aquelas situacións que os humanos non poden controlar: galernas montañosas no mar, tempestades de neve e vento, etc. E nas súas obras -se aparece- é posible que a ou as figuras humanas se amosen pequenas, ben cativas en relación aos elementos naturais que as envolven. Aínda naquelas pinturas que menos deberían responder a este propósito como son algunhas mitolóxicas (como pode ser esta de Apollo and Daphne, que está agora en Montjuïc) o artista recrea unha paisaxe tan colosal que as figuras humanas -sendo divinas e todo- apenas se distinguen no conxunto.

Tense dito -e no MNAC está recollido- que Turner é o máis importante paisaxista do romanticismo. Serao en todo caso con permiso de Caspar David Friedrich, o gran pintor alemán mitificador de montañas e mares. Pois tamén Friedrich resalta o ananismo dos humanos fronte á Natureza, a pouca cousa que se deben sentir os humanos fronte ás forzas da Natureza. Para comparar ambos artistas, baste citar Der Mönch am Meer, obra sublime na que o ceo e mais o mar impoñen as súas inmensidades, e -outra volta- sorprende o diminuto monxe que se aproxima ao cantil. Nesta obra mesmo se diría que Friedrich está a dicir a quen a contemple que é a Humanidade enteira a que está mirando os abismos. Os abismos e misterios da existencia?, a inmensidade dos seus medos e interrogantes?

William Turner -para quen non o saiba- é o autor da obra A derradeira viaxe do Temeraire. O impoñente navío de vela e de guerra (buque insignia da armada británica que participara na batalla de Trafalgar) vai tirado por un flamante barco de vapor, no medio e medio dun vermello solpor que tingue de traxedia toda a escena. John Ruskin, amigo e defensor de Turner, escribiu sobre a pintura: É o máis patético que se ten pintado nunca… a nave deslízase cara a súa tumba… Nunca máis o sol de solpor pousará sobre el o seu vestido de ouro. Esta pintura foi escollida polos británicos (2005) como a súa obra nacional máis importante. Un exemplo perfecto de pintura romántica, chea de simbolismos: o paso do tempo a muda xeracional, unha época que morre fronte a outra que xa chega; a fin da navegación a vela e os comezos das naves a vapor. Como corresponde a un pintor romántico, a escena está idealizada, e o Temeraire (aínda que vai “morto”) loce a súa magnífica fábrica.

W. Turner. Going to the Ball (San Martino) Dominio Público

William Turner non é un pintor romántico ao uso. Non é un Delacroix, por exemplo, ou un Géricault; non se limita a imprimir tensión, dramatismo a pinturas de feitura figurativa, clásicas nese senso. Turner aposta pola cor. A súa prioridade non é o debuxo, a definición de volumes. Vai máis aló e procura xogar coas cores; unha paleta de cores que van do máis escuro e apagado a aquelas tonalidades máis fortes e cálidas. Turner foi un gran experimentador, procuraba mesturas novas, mirando de atopar aqueles tons que se lle resistían. Contan que andaba sempre á procura de novos pigmentos aos que logo xuntaba con elementos tan espaciais como a goma arábiga, ou azucre ou mel. Algúns deste experimentos teñen a consecuencia de que agora algunha das súas pezas vaian perdendo eses pigmentos mal fixados sobre telas e papeis.

Foi Turner un impresionista? De certo non. Pero si se pode aseverar que foi un precursor dese movemento que se iniciará uns vinte anos despois do seu pasamento. Turner comezou a experimentar á plein air como logo farán Monet e compañía, aínda que o autor de O gran tren do Oeste logo remataba a súa obra no obradoiro, cousa que os impresionistas xa non farán. Faltoulle a Turner vivir nos tempos en que a industria química fabrica tubos de chumbo coas cores xa preparadas, feito que permitirá a quen o queira facer levar esas pinturas á natureza e pintar directamente do natural.

Turner. La llum és color. Acuarelas e óleos. O sol é deus

I weep for Adonais -he is dead! / O, weep for Adonais! though our tears / Thaw not the frost which binds so dear a head! / And thou, sad Hour, selected from all years / To mourn our loss, rouse thy obscure compeers, / And teach them thine own sorrow, say: “With me / Died Adonais; till the Future dares / Forget the Past, his fate and fame shall be / An echo and a light unto eternity! (Percy Shelley, Adonais, 1821).

Na mostra Turner. La llum és color que agora se pode ver no MNAC, grazas ao convenio coa Tate Gallery londiniense, están presentes tanto acuarelas como óleos. As acuarelas eran, mormente e no caso deste pintor, traballos preparatorios, apuntamentos feitos na natureza. Despois, no obradoiro, o artista empregaba eses esbozos, a memoria daquilo que vira, e a imaxinación. Turner -como romántico- non deixa de andar á procura de efectos especiais, xa atmosféricos, xa paixóns humanas, que lle permitan transmitir estados de ánimo, as humanizacións tan ao uso no romanticismo. Á marxe dos tres grandes poetas románticos británicos dos que aquí se reproducen anacos das súas poesías (Keats, Byron e Shelley) outro tanto se pode dicir do quefacer de Espronceda cando se dirixe ao sol e mándao parar na súa perpetua viaxe polos ceos: Para y óyeme ¡oh sol! yo te saludo, ou algunhas das leyendas de Becquer. (A Canción del pirata dedicoulla Espronceda ao derradeiro pirata do Mediterráneo: Benito Soto, natural de Pontevedra).

W. Turner. Paisaxe con auga Dominio Público

William Turner procurou estudar a luz que en tantas formas se manifesta na Natureza para, de aí, extraer as cores que só el vía. Por iso lle agradaban tanto os fenómenos meteorolóxicos extremos. O pintor ten contado que, nunha ocasión, fíxose atar ao mastro dun barco para poder vivir en directo a treboada que se lles viña enriba, e ser quen -no obradoiro- de reproducir toda a magnificencia da mencionada tormenta. As creacións de Turner son atmosféricas. Non hai fidelidades ás perspectivas impostas no Quattrocento, prefire que os seus óleos respiren, que se poida sentir o vento e o frío na tempestade de neve. Por iso -e por guiarse pola imaxinación- hai nas súas obras visos de teatralidade; como se no obradoiro estudase como facer a posta en escena daquel tema que tanto lle interesa. Foi iso, e a vaporosidade da cores, o que tanto lle gustou a Vasili Kandinsky na súa etapa máis expresionista?

Na traxectoria creativa de Turner hai unha progresión, loxicamente. E nos derradeiros vinte anos, o pintor foi máis prolífico e tamén foi cando abandonou máis o figurativismo e tendeu aínda máis aos puros xogos de luces e cores. Semella que nas pinturas dos anos 40 William Turner vai empregando menos elementos, simplificando escenografías, reducindo as prioridades ás tonalidades atmosféricas. Quere isto dicir que tamén Turner acabou por ter un estilo tardío, uns xeitos serodios de creatividade?

W. Turner. Festival de Venecia Dominio Público

A existencia, ou non, do chamado Estilo tardío ten levantado polémicas e facer correr ríos de tinta. O primeiro estudoso que reflexionou sobre este concepto foi Theodor W. Adorno, cando se refería ás últimas composicións de Beethoven e á simplificación de formas e propostas que denotaba no compositor. Logo, quen mirou de estruturar e dar forma máis elaborada a tal maneira de crear foi E. W. Said, atendendo á produción de escritores e músicos. Segundo os teóricos do Estilo tardío tal cousa pode darse só nos grandes creadores, nunha etapa final da súa vida, onde se mesturan a debilidade física, o cansazo e a actitude consciente do artista de que calquera cousa nova que faga pouco ou nada vai aportar á súa traxectoria artística. Esas últimas creacións caracterízanse por apostar por esencialismos e mais pola simplificación. O Estilo tardío prodúcese (no caso que tal cousa aconteza) nun intre no que o artista, a pesar de ser dono absoluto do seu medio, abandona a comunicación coa orde social establecida da que forma parte e alcanza unha relación contraditoria e alienada con el mesmo (Adorno). Algúns estudosos observan esas especificacións do Estilo tardío nas derradeiras creacións de Picasso, cando ataca con forza os seus temas esenciais, ou na queima de lenzos por Miró, xa con 80 anos, ou nas pinturas negras de Goya. Ou naquelas telas que Renoir elaborou xa nos finais da súa vida.

É o caso de William Turner? Os puros efectos lumínicos nas derradeiras pezas do mestre da paisaxe e mais da luz semellan mostrar ese vieiro. É o que acontece coa obra (reproducida a carón destas liñas) Festival de Venecia? Evidentemente, Turner é un gran mestre.

Con estilo serodio ou sen el, o que paga a pena é achegarse ao Palau Nacional de Montjuïc, alí onde vai para noventa e cinco anos tivo a sede principal a Exposición Universal de 1929, e admirarse coa contemplación dos esbozos e creacións finais de William Turner, o mestre que, pouco antes de morrer, manifestou O sol é deus.

 

EXPOSICIÓN: Turner. La llum és color

Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC)

ata o 11 de setembro de 2022

 

Este texto publicouse orixinalmente no blog Praza Catalunya

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.