Ucraína, goberno ucraíno, pobo ucraíno

Persoas que saen da Ucraína pola fronteira coa República Moldova o 24 de marzo de 2022 © UNICEF/UN0613965//Vincent Tremeau

1, A presentación habitual nos medios de comunicación é a dun enfrontamento entre Ucraína (ou o pobo ucraíno e os seus amigos, que se soe personificar na OTAN) e os “inimigos do pobo ucraíno”, que se soe personificar en Putin. Ou sexa, Ucraína, o goberno ucraíno, o pobo ucraíno e a OTAN contra Putin. Pero, é así? Digamos que Ucraína é unha metáfora, pero podemos identificar pobo ucraíno con goberno ucraíno e, máis aínda, aceptar que a OTAN é “amiga” do pobo ucraíno?

2, Toda a esquerda acepta que houbo un golpe de estado coa participación directa de sectores etnocidas neonazis. Toda a esquerda acepta que o goberno xurdido daquel golpe de estado procedeu a aplicar medidas de limpeza étnica respecto (o que nós imos chamar, para entendernos)  da "etnia rusa", ataques culturais (status oficial exclusivo da lingua ucraína e perda desta do ruso) e limpeza étnica militar directa nas zonas de etnia maioritaria rusa, nas que destacaron sectores do exército, auto-recoñecidos como neonazis e aceptados como parte do exército (é dicir, non é que haxa neonazis no exército, que poderían haber en calquera, senón que hai grupos militares que, autoidentificados como neonazis, están integrados formalmente no exército ucraíno); e isto último provocou a aparición de milicias de autodefensa (co apoio do goberno ruso), o que levou a unha independencia de facto dun par de rexións. Poderiamos completar isto coa prohibición do partido comunista (fundamentalmente por "ser prorruso", ademais de "comunista", é dicir, antiucraíno). Pero iso xa pasou, di certa parte da esquerda; así, por exemplo, as mortes provocadas polos intentos de limpeza étnica son "pasadas", coma se se produciran na Idade Media (e nada que ver coa actualidade). E, para deixar ben clara a ruptura cos gobernos neonazis, insístese en que o actual goberno é produto dunhas eleccións democráticas, na que obtivo unha esmagadora maioría absoluta, mentres que os partidos neonazis recibiron un número ridículo de votos; que, ademais, é moi relevante, tendo en conta a non participación dun gran número de cidadáns ucraínos de etnia rusa, por vivir en territorios semiindependentes do Donbass. Noutras palabras, a gran maioría dos ucraínos "non rusos" (sexa o que sexa iso),  e tamén moitos da “etnia rusa”, votaron masivamente pola nova opción de goberno encabezada polo actual presidente. En resumo, que o goberno actual está claramente lexitimado democraticamente e, polo tanto, é plenamente representativo do pobo de Ucraína.E resulta que ese, este, presidente (o que encabeza o goberno) elixírono, e que tamén se di e que apoia o anterior, cun programa que introducía unha serie de modificacións relevantes da política do anterior goberno golpista. Fundamentalmente, ese programa baseábase na procura dunha, por así dicer, reconciliación entre as "dúas almas ucraínas", a alma máis pro-occidental (para entendernos) e a máis pro-oriental (ou prorrusa); o que respondería en boa medida á real pluralidade étnica do país e que o anterior goberno golpista tratou de eliminar. Esa reconciliación tiña que ser política e cultural, afectando non só á lingua rusa (volvería ser oficial), senón á relación étnica, e sobre todo ás rexións con milicias propias que se autonomizaron do goberno central, para o que se contaba cos “acordos de Minsk”, nunca postos en práctica até o momento. E, como parte do mesmo, unha mellora das relacións co veciño do Leste (Rusia).

Poboación ucraína buscando refuxio nunha estación de metro en Kiev CC-BY-SA

Conclusión: temos un goberno elixido democraticamente por maioría moi absoluta e cun programa, quizais podemos dicer así, de “reconciliación nacional” e de establecemento de novas relacións cos países veciños. Pero que pasou coa política dese goberno elixido por presentar ese programa, programa votado masivamente, como diciamos? Que pasou coas milicias neonazis, contra as que o pobo ucraíno votou en masa? Pois non pasou nada: o goberno democrático mantivo aos neonazis "nos seus postos" no exército. E os acordos de Minsk? Pois seguiron no baúl dos recordos. Que pasou cos dereitos lingüísticos e políticos da minoría "rusa", como o recoñecemento do status oficial da lingua rusa? Pois o mesmo; nada cambiou. E sobre a ilegalización do partido comunista? Pois seguiu sendo ilegal. E a política (cultural e militar) no Donbass? Pois seguiu sendo a mesma. E a mellora das relacións con Rusia? Pois nin estaban (á orde do día) nin se esperaban. Por outra banda, o que si se fixo foi unha ampliación das relacións coa OTAN (léase, con Estados Unidos), dando por feita unha futura solicitude de adhesión a esa organización. Ou sexa, o que se di cumprir o programa electoral. O pobo ucraíno (a cidadanía que participou nas votacións) dixo unha cousa e outra está a facer o goberno. Habería agora unha guerra se o goberno ucraíno aplicase o programa que votou maioritariamente o pobo ucraíno? Por que non o aplicou se el mesmo o presentou e nel radica a súa lexitimidade? O goberno representa ao pobo ou só se representa a si mesmo? É a identificación goberno de Ucraína-pobo de Ucraína unha identificación lexítima? O goberno de ucraína é lexitimamente representante do pobo ucraíno? E a OTAN de quen é “amiga”, do pobo ucraíno ou máis ben do goberno ucraíno?

3. E, por certo, o programa co que o actual goberno gañou as eleccións non sería un bo punto de partida para as negociacións de paz do goberno ucraíno? Non sería “entregarse” ao agresor, nin premiar a súa agresión. Simplemente sería deixar falar ao pobo ucraíno. Non foi iso o que dixo o pobo ucraíno ao ser preguntado no último proceso electoral? Por que non o fai o goberno ucraíno? Por que non quere negociar a paz? Nesa negativa real, retóricas aparte, teñen algo que ver os amigos do goberno ucraíno (negámonos, por todo o dito, a chamarlles “amigos” do pobo ucraíno)? Non será que pensan, o goberno ucraíno e os seus “amigos” que canto máis dure a guerra máis efecto terán as sancións sobre Rusia, aínda que morran máis persoas (un dano colateral) e máis doado será gañala? Quizais algunhas das súas últimas decisións, por exemplo, a ilegalización de toda unha serie de partidos políticos o deixan claro. E fano coa escusa de que son "prorrusos". Pero non eran partidos ucraínos, non os votou o pobo ucraíno? En resumo, a pregunta para o goberno ucraíno é: quen forma, para eles, o pobo ucraíno? As sospeitas quizais apuntan a un interese pola limpeza étnica. Apuntan a iso porque a política do goberno ucraíno elixido democraticamente fai continuidade coa política do goberno ucraíno golpista. Semella que o seu modelo é o modelo croata. Cando gañen a guerra, que esperan gañar coa axuda dos seus amigos, xa terán un bo exército armado por estes amigos da OTAN, da que formarán parte, como da UE; e con Rusia exhausta polas devastadoras sancións, sen capacidade económica nin militar para facerlles fronte (e/ou coa “lección aprendida”), poderán limpar o seu territorio dos que non son “puros ucraínos” (sexa o que sexa iso); como fixo o goberno croata, no seu momento, en Krajina e Eslavonia (“limpala” de serbios), sen que esta limpeza étnica motivase a máis mínima protesta das “democracias occidentais”; xa demonizaran aos serbios, como agora están a facer cos rusos; así que o que lles pasou o tiñan merecido. Pois o mesmo pasará agora, pensa o goberno ucraíno.

Bandeiras dos EUA e de China Dominio Público

4, E quizais o feito de que a OTAN (é dicir, os Estados Unidos e os países satélites) sempre se negasen a admitir á antiga Unión Soviética como parte dunha organización política e militar que podería enfrontarse a conflitos desestabilizadores ten algo que ver coa percepción rusa de acoso e perigo. Gorvachov primeiro, pero xa coa Rusia capitalista, Ieltsin e Putin intentaron que a Rusia se lle admitise nese selecto club como socio colaboradore; cando xa non eran “o outro sistema”, “o inimigo”. E iso despois do incumprimento dos acordos de non extensión da OTAN ao Leste. Por que os Estados Unidos (e os países satélites) continuaron, ou querían seguir, vendo a Rusia como "o inimigo"? Inimigo de quen? Non, desde logo, do capitalismo. E así como numerosos países (antigos países satélites da Unión Soviética) se sumaron á alianza atlántica, rompendo acordos, por que non sumaron a Rusia? Non hai motivos de preocupación por parte dos gobernos rusos? Son os gobernos rusos os que vén como inimiga á OTAN, ou é esta a que quere seguir a contar cun inimigo, e que ese é, fundamentalmente, Rusia? Non é para preocuparse que, con esa percepción da OTAN, queiran rodeala de bases militares e armamento nuclear? 

5, Pero, dise, cada país (país, pobo, goberno, é o mesmo?) é soberano para decidir (quen? O “país”, o pobo ou o goberno?) o seu futuro e a súa pertenza ou non a unha alianza militar; ou sexa, que iso dos patios traseiros, zonas de influencia, ou países satélites, quedou para o pasado. Seguro? Pero, claro, como a resposta obvia é que non, entón engádese, por parte de certa esquerda, que se rexeitamos a súa existencia no ámbito de dominio dos Estados Unidos, tamén debemos facelo, por coherencia, nos demais lugares; debemos opoñernos a que Rusia queira recuperar o que antes tiña a Unión Soviética (e que agora só ten Estados Unidos, pero teno). Criticar só aos Estados Unidos e aceptar o mesmo para Rusia sería antiamericanismo infantil. Pero máis ben semella que esa “esquerda” cae nun proamericanismo senil; pois, no fondo, a pesares de que se pretenda criticar o realismo político que supoñería estar disposto a aceptalo para Rusia, recoñécese como un feito que si haxa patios traseiros dos Estados Unidos, por realismo; é dicer, non imos esixir tal modificación na política exterior norteamericana, sería de ilusos. E, efectivamente, seríao. Fagamos algo de historia. A crise dos mísiles dos anos 60 resolveuse non traendo mísiles nucleares a Cuba pola Unión Soviética e retirando os Estados Unidos de Turquía os que tiña alí despregados. Non se trataba de ampliar o patio traseiro con Cuba por parte dos Estados Unidos (aínda que lle gustaría), nin de converter a Turquía nun país satélite da Unión Soviética (aínda que lle gustaría). Simplemente era unha cuestión de seguridade, de non ter mísiles nucleares dirixidos desde un país limítrofe ou próximo. E, engadimos, quizais Austria, Suecia ou Finlandia, por exemplo, como países neutrais que son, sexan patio traseiro de non se sabe quen? De que estamos a falar?

6, Agora ben, independentemente do escenario “doméstico” que se represente o goberno ucraíno, o relevante é o escenario que se representen os Estados Unidos e Rusia, os reais contendentes. O pobo ucraíno e o pobo ruso poñen os mortos, seguramente máis o primeiro que o segundo, pero son os gobernos norteamericano e ruso os que están, ou deben estar, no deseño dos acontecementos. E resulta difícil determinar até onde teñen ambos os dous proxectado a nova (des)orde mundial. Pois as medidas de guerra tomadas pola OTAN afectan a toda a orde económica mundial, a institucións internacionais que están perdendo o seu carácter, converténdose en “institucións de parte”, de modo que o desenvolvemento desta guerra, e non digamos o resultado final, atinxe a moito máis que ao escenario inmediato, abranguendo ás mesmas relacións económicas internacionais. Naturalmente, o esperábel é que estea previsto polo goberno ruso as medidas que os seus “inimigos” poderían tomar; e todos, supostamente, as consecuencias, que cada vez está máis claro que recaerán moito máis alá dos lugares onde se está a dar o enfrontamento bélico. Pero, ademais, a caída, a derrota de Rusia, non o será exclusivamente dela, de darse, senón que afectaría tamén ao seu aliado oriental, China, que tería claro que o seguinte acoso e intento de derribo sería contra ela; isto é, que a reorientación económica do novo sistema-mundo oriental (centrado na China), desprazando o centro do mesmo dos Estados Unidos é o que está por detrás destes acontecementos. E o goberno chinés sábeo, polo que dificilmente permitirá a caída de Rusia. Até onde chegarán as apostas e até onde chega o deseño e até onde está disposto a utilizar o recurso máis importante que lle queda (o militar) o goberno dos Estados Unidos para intentar evitar ou, con máis realismo, atrasar o seu declive é o que debe estar no centro das preocupacións. Finalmente, o que está suficientemente claro, e xa agora, e a absoluta satelitización da Unión Europea, sempre incapaz de representarse unha política autónoma e sempre disposta a patentizar, na súa política económica, a súa inanidade. Ela é a clara primeira vítima das sancións devastadores e resulta patético que o presunto “sancionador” acabe sendo o primeiro “sancionado”. De pena.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.