Un achegamento ao dereito a decidir

Entre os novos conceptos e categorías sociais, xurídicas e políticas cos que abrolla o novo século, o dereito a decidir está a significar un referente macizo na reivindicación da participación democrática. Aínda que o seu uso abrangue un amplo abano de decisións, tanto de índole individual coma colectiva, voume centrar no xorne relativo ás comunidades políticas cuxas cidadanías procuran estabelecer as condicións presentes e futuras da súa existencia coma pobos.

Os inicios do uso desta expresión achámolos en declaracións de movementos de Escocia, Flandres, Quebec, Euskadi -a partires do Plan Ibarretxe- e fundamentalmente en Catalunya após a creación da Plataforma pel Dret à Decidir, no ano 2006, e as multitudinarias manifestacións que se sucederon desde aquela. Cabe definir este dereito como o que lle corresponde a un determinado demos, entendido como comunidade política, para adoptar as decisións sobre os aspectos que lle atinxe, sen restricións de entrada ou preexistentes, incluíndo a posibilidade de constituirse nun novo Estado e estabelecer relacións soberanas e libres. Ten coma contido o de ser canle da expresión dos membros dun pobo sobre o seu futuro político e territorial. Os principios sobre os que se asenta son, fundamentalmente, o democrático e o do Estado de dereito así como os dereitos de expresión e participación políticos.

A influencia da resolución da Corte Suprema de Canadá no asunto de Quebec, ou prácticas resolutorias de conflitos como a consulta en Escocia, percíbense nidiamente en que se exclúe de principio a  ruptura constitucional ou declaración unilateral de independencia sen tentar antes un proceso de negociación que sexa produto da expresión clara da vontade popular. O que si conleva o dereito é a que esta decisión maioritaria, expresada con garantías xurídicas, sexa tida en consideración polo Estado aínda que supoña unha ruptura co modelo constitucional en vigor. Xa que logo se derivarían tres tipos de obrigas para os poderes públicos: a) non impedir a comunicación ou difusión da proposta, b) poñer a disposición da cidadanía os instrumentos de consulta correspondentes para que a decisión goce de todas as garantías xurídicas e c) tomar en consideración a opinión maioritariamente expresada e iniciar unha negociación para que esta se poida facer efectiva.

O dereito de autodetermianción é un dereito colectivo, dos pobos ou nacións, mentres que o dereito a decidir formúlase coma un dereito individual de exercicio colectivo

Podemos percibir que este dereito, aínda que con semellanzas, diferénciase do dereito de autodeterminación. O dereito de autodetermianción é un dereito colectivo, dos pobos ou nacións, mentres que o dereito a decidir formúlase coma un dereito individual de exercicio colectivo. O dereito de libre determinación está positivizado no ordenamento internacional mentres que o dereito a decidir concíbese como derivado da potencialidade interpretativa das normas democráticas dos sistemas constitucionais. O dereito xurdiría así cando unha maoiría territorialmente concentrada amosa o desexo de se arredar a través dun referendum ou consulta legal. O que conta é a vontade dos membros dunha comunidade territorial de se asociar nunha unidade política, independentemente dos trazos que os definan ou non como nación. De feito hai quen denominou este dereito como autodeterminación 2.0 ou autodeterminación do século XXI.

Porén as cousas son algo máis complexas. Por que, logo, esta nova formulación? Para contestar esta pregunta temos que ter en conta que desde os círculos, fundamentalmente académicos, nos que se elabora esta figura considérase que o dereito de autodeterminación, tal coma ven sendo interpretado, dificilmente pode ser aplicado en espazos representados por democracias consolidadas nas que non existe unha dominación colonial clásica e a representación política está garantida. Deste xeito as minorías cunha identidade colectiva liberaríanse de ter que probar dita identidade, nin os trazos identitarios serían condición de exercicio do dereito a decidir. O fundamental é a vontade democrática dunha cidadanía institucionalizada que, funcionando democraticamente, pretende levar até o límite as súas capacidades de autogoberno. Certo que isto exclúe, como xa vimos, o dereito a unha decisión unilateral obrigando a encetar un proceso de decisión e negociación posterior a non ser que se impedira teimudamente e de mala fe aquel proceso.  Aínda que considero que non existen razóns xurídicas para unha lectura restritiva do dereito de autodeterminación como demostran as constantes resolución da ONU, que se refiren ao mesmo sen limitacións de ningunha caste, ou como demostra a Sentenza da Corte Internacional de Xustiza respecto a Kosovo desmontando o mito da integridade territorial dos Estados ao reducilo a un asunto entre os mesmos, penso que o dereito a decidir, complementado co dereito de libre determinación dos pobos, ten enormes potencialidades.

A formulación do dereito a decidir posibilita unha ampla capacidade de adhesión logrando unha mobilización política e social de grandes dimensións

Hai que recoñecer que a formulación do dereito a decidir posibilita unha ampla capacidade de adhesión logrando unha mobilización política e social de grandes dimensións. Apela á capacidade de decisión, como cidadáns, en todos os aspectos da vida incluído o estatus político-territorial. É unha apelación á extensión e ao profundamento da democracia reclamando instrumentos de participación directa coma os referendos ou as consultas populares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.