Un acordo europeo con claros sobre moitos escuros

Como veño repetindo reiteradamente ao longo destas páxinas de PRAZA PUBLICA os edificios da UE (Unión Europea), e mais en concreto o da UEM (Unión Económica e Monetaria), están moi mal construídos dado que se apoian en piares que non favorecen a unión entre estados moi diferentes senón que, pola contra, estimulan os movementos centrífugos como, por caso, vimos de comprobar recentemente cando as difíciles negociacións do recente Cumio Europeo, do 21 de xullo, convocado co gallo de aprobar o chamado Fondo de Recuperación (NGE) que ten como obxectivo axudar a compensar os efectos recesivos da pandemia.

Así resulta moi significativo que nun acordo fiscal e monetario de tanta importancia o Banco Central Europeo non participe no mesmo. Unha posición radicalmente diferente a mantida tanto polo Banco de Inglaterra como pola Reserva Federal que acordaron dar practicamente barra libre aos seus respectivos gobernos na loita contra a pandemia. Esta ausencia do BCE deixa de novo en evidencia como as autoridades europeas, incluso en situacións tan dramáticas como as actuais cando está en xogo a saúde das persoas, seguen preferindo utilizar como ente financiador aos mercados financeiros privados (basicamente a grande banca) que a unha entidade pública como o BCE. Cando se vai a manexar unha inxente cantidade de recursos e na vez de utilizar como prestamista, en última instancia, ao BCE os gobernantes europeos deciden que a banca privada sega facendo negocio incluso en situacións da máxima gravidade. 

Destaca tamén, en sentido negativo, que dada a dimensión do dano provocado pola pandemia (as fontes mais cribles apuntan a unha caída récord do PIB na eurozona tal que se aproximará ao 8%: case 1 billón de euros) o gasto aprobado (750.000 millóns de euros) resulta claramente insuficiente, feito mais relevante cando as transferencias directas se quedan en 390.000 millóns de euros, sendo o resto en forma de créditos.

Como nova proba de que estamos diante dun edificio mal construído compre subliñar outros aspectos preocupantes relacionados con este acordo. En primeiro lugar que a Unión Europea segue reaccionando con moi lentitude aos problemas que se lle presentan o que vai en detrimento das medidas aprobadas que perden así moita da súa eficacia. Lembremos que fora o 11 de marzo cando a OMS declaraba a pandemia mundial e pasarían, xa que logo, mais de catro meses antes de que a UE aprobe medidas relevantes para facer fronte ao seu impacto.

Unhas medidas que, a pesar da gravidade da situación, en ningún momento cuestionan acordos anteriores como os tratados austericidas (MEDE, TECG) que tiveron un impacto tremendamente negativo. Seguir condicionando as axudas ao cumprimento de tales obxectivos austericidas (déficit, débeda) será afondar na grande recesión. Non hai ningún apartado no texto que subliñe o mantemento desas obrigas pero tamén é certo que non hai nada que indique o contrario. 

As sumarísimas negociacións volveron a poñer en evidencia a forza dos movementos centrífugos. As encontradas posturas entre estados europeos do norte e do sur, os duros enfrontamentos con descualificacións inaceptables fixeron cambalear, unha vez mais, a unión. As desconfianzas mutuas parecen, hoxe por hoxe, moi fortes e desestabilizadoras. Haberá que estar a espreita do que sucede, por caso, tanto no Parlamento europeo como nos parlamentos nacionais.

Nembargante o anterior, e sen caer en cualificativos que considero esaxerados e, xa que logo, inexactos cabe afirmar con rotundidade que o acordo e globalmente positivo para o conxunto da UE (Unión Europea). Positivo por que non é posible evitar o pensar que de non terse producido a situación podía seren a dunha catástrofe. Positivo por que se van introducir na economía europea un volume de recursos públicos como nunca xamais se fixera na historia de UE. Por que se poñen en marcha rompendo o que parecía un paradigma da UEM como a negativa ás débedas mancomunadas que estaba provocando que se dispararan as débedas públicas soberanas en toda a UE pero moi especialmente nos estados europeos do sur.

Esta acordo vai supoñer que os estados europeos, e moi especialmente España e Italia seguramente os mais favorecidos polo acordo, podan poñen en marcha algunhas políticas expansivas que poñendo o acento no investimento público provoquen efectos positivos sobre a actividade e o emprego moi castigados pola pandemia.

Como resume non podemos deixar de sinalar que si ben é certo que a Unión Europea dou, con este acordo un paso adiante, non despexou moitos dos nubarróns que ateigan aos estados europeos. Por caso que vai pasar cunhas débedas públicas cada vez mais elevadas?, que sucederá con outras partidas de gasto tamén moi relevantes (por caso, a PAC)?, haberá finalmente unha condicionalidade fiscal para estas axudas?, seguirán vixentes os ríxidos criterios para os déficits?...

Teremos que agardar a que se poña en marcha esta acordo para saber que camiño se segue. Será entón cando teremos respostas as preguntas anteriores. De momento démoslle a benvida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.