Un adianto electoral innecesario

As crises sistémicas teñen por costume variar proxectos xa decididos, de xeito que a túa folla de ruta pase en cuestión de días de ser un salvoconduto pechado e lacrado, a un mero papel mollado.

Algúns destacados politólogos desta terra, teiman nestes días sobre a posibilidade dun adianto electoral das eleccións autonómicas, baseando a súa argumentación nos efectos da crise sobre a decisión dos cidadáns cos seus sufraxios. No partido que sustenta ao goberno galego, as opinións son variadas en calquera dos seus estratos, aínda que mentres destacados alcaldes opinan que o mellor para a formación popular sería un adianto canto antes mellor, outros pensan que o outono pode ser vendido mediaticamente como un “adianto técnico”, fórmula utilizada no seu momento xa por anteriores Presidentes da Xunta.

Sempre que escoito en determinados cenáculos falar de datas electorais, doume conta que as prioridades partidarias son inversamente proporcionais ás do país. Nun contexto como o actual, é pouco defendible que tendo unha consolidada maioría absoluta, os representantes do pobo elixidos nas urnas, xoguen con posibilidades viciadas polo interese dunhas siglas políticas. O anuncio do Presidente da Xunta de non estar no debate esta cuestión, é unha verdade a medias, dende o momento no que podendo ser o seu lexítimo desexo, a realidade indica que existen todo tipo de presións para o contrario.

Todos os datos apuntan a que até o derradeiro trimestre do ano, a recesión económica vai a provocar que a situación das contas públicas nas partidas de ingresos diminúan, co cal novos recortes farán que a axitación social que empezamos a ver estes días con forza, medre exponencialmente. Son tempos para políticos valentes e comprometidos, que deberan saber que a tesoira debe meterse no superfluo, mais nunca nos dereitos sociais que tanto custou conseguir, como son a educación e a sanidade pública. O contrario sería a política do seguidismo “panxermánico”, a costa dos dereitos dos cidadáns.

Marzo de 2013 debe ser pois a data duns comicios, nos que se as previsións económicas se cumpren, serán nun escenario macroeconómico mellor, e a decencia política agradecería non ter caído nos “cantos de serea” dos que piden por interese propio “non cometer o mesmo erro nas datas que Touriño”, ou “aproveitar que os partidos da oposición están en situación interna terminal…”, porque do contrario o efecto búmerang pode facer que o mesmo  motivo polo que o lanzaches, faga que remate batendo na túa propia faciana.

Ou non?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.