Un amigo ilustrado e unha ilustrada desenganada

Non vou falar de ningún coñecido, non. Acabo de ter un encontro íntimo, non de erotismo corporal, senón de erotismo neuronal, cun home que non coñezo e co que, sen embargo, comparto unha comuñón ideolóxica (de la hostia), pasen disto. O humor me traizoa. Ao que vou. Trátase de Anthony Pagden, autor dun libro de 542 paxinas, titulado A Ilustración. Combina a investigación sobre os elementos distintivos das Luces, coa apaixonada defensa do que nos legou, da chispa que abriu as mentalidades, da lucidez.

Se nos consideramos progresistas, tolerantes, se non nos asustan a investigación con células madre e nos horrorizan as crenzas relixiosas e os fundamentalistas, considerámonos ilustrados

Anthony Pagden cre, coma min, que o mundo mellora e que, debido á ciencia e ao coñecemento, todo tempo pasado foi peor. Se nos consideramos progresistas, tolerantes, se non nos asustan a investigación con células madre e nos horrorizan as crenzas relixiosas e os fundamentalistas, considerámonos ilustrados. Nega, Anthony Pagden, o relativismo e afirma que a hai unha ética que todo ser humano pode entender, e que a xustiza é igual en Dinamarca que en Kenia, porque, aquí e acolá, nos asiste a condición e os dereitos humanos, tanto se nacemos negros ou brancos, tanto se nacemos mulleres coma homes. 

Non hai nada que seduza máis aos privilexiados que ver as mulleres hiperbolizando e preservando as súas calidades xenéricas, afirma Mónica Bar

Ai! Neste punto apáganse as luces do meu amigo. As mulleres, somos outredade absoluta. Pertencemos a unha esfera privada, cun réxime contractual incoherente, que non está incluída no campo da política. Fixadas por un cordón umbilical ao orixinario, a relación do home coa natureza é a relación do home coa muller dixo Karl Marx. Publiquei o ensaio Anti natura, para contrariar este atraso. Debo recoñecer que con escaso éxito. Nunca vin unha sociedade na que as mulleres fosen máis naturalistas que na actualidade, gratificando a homes e gobernos. Non hai nada que seduza máis aos privilexiados que ver as mulleres hiperbolizando e preservando as súas calidades xenéricas, afirma Mónica Bar. Parir, como primitivas, envolver a cría nunha palestina e aleitala cando o reclame, o tempo que sexa, como galdrumada despois de o rapaz comer luras fritidas e raxo encebolado. Dou fe. Teta en boca e razón expelida: desconfían da ciencia, da investigación, non vacinan as crianzas, conciben a política como unha ampliación do doméstico, decidida nos patios veciñais, cunha dialéctica de pobres e ricos, e o coco ianki para asustar á infancia.   

Xa ves, querido Anthony Pagden, como a Ilustración está doente e como é necesario recuperala. "As luces só se curan con máis luces" dixo Madame de Stäel

Xa ves, querido Anthony Pagden, como a Ilustración está doente e como é necesario recuperala. "As luces só se curan con máis luces" dixo Madame de Stäel. Os focos poden chegar a iluminar todas as diferenzas humanas, pero da produtividade do traballo e da natureza das mulleres, ningún goberno está disposto a prescindir. As mulleres seguen alienadas no primitivismo, falando con cans cando xa non teñen criaturas, como lles recomenda a psicóloga. Andamos ás apalpadelas. Sen luceiros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.