O 8 de marzo é o día internacional da muller e, un ano máis, volven aparecer as denuncias sobre as desigualdades sufridas polas mulleres en todo o mundo, en todos os eidos da vida, e os argumentos recorrentes ao respecto. Nos últimos tempos o 8 de marzo e o 25 de novembro empezan a parecerse ao día da marmota que sufría Bill Murray pero cun ano de desfase, erguémonos e sabemos perfectamente en que día estamos pero resulta difícil dicir de que ano, como moito apostaríamos polo século XXI pero pouco máis.
Escollemos, xa que logo, continuar co reparto inxusto e desigual de riqueza e poder ou queremos vivir noutro mundo onde o status e a consideración estean baseados noutros valores? A igualdade non é o lugar de chegada, é o propio camiño
O resto dos días do ano nada muda, non se producen os cambios materiais nin simbólicos que son precisos para que o ritual teña algún significado real de vez, para que ademais de reivindicar poidamos celebrar e, canto máis falamos de crise, máis adiamos as mudanzas pois en ningún momento se fala delas como parte imprescindible da solución.
Nestes tempos convulsos buscamos un destino para a nosa viaxe e esquecemos que o destino non está marcado, será un ou outro segundo o camiño que tracemos, dependendo da opción que escollamos en cada encrucillada. Queremos andar levando a todo o mundo, agardando e axudando a aquela persoa que o precise, contando cos recursos e as necesidades de cada quen ou preferimos saír correndo para chegar antes que as demais (chegar onde?)? Escollemos, xa que logo, continuar co reparto inxusto e desigual de riqueza e poder ou queremos vivir noutro mundo onde o status e a consideración estean baseados noutros valores? A igualdade non é o lugar de chegada, é o propio camiño.
Cando hai que pedir unha colaboración rara vez é unha muller a primeira persoa que lle vén á mente a ninguén
Para mudar os valores e repartir o poder cómpre cedelo, ofrecer espazos e escoitar voces distintas. Achegándonos ao 8 de marzo párome a mirar as páxinas de opinión de tres xornais dixitais en galego, por tanto medios de comunicación non de masas e subversivos, xa só polo feito de usaren a nosa lingua, e me dedico a contar o número de homes e de mulleres que escribiron os 20 últimos artigos de opinión. En dous deles hai 19 artigos escritos por homes e 1 artigo escrito por unha muller, no terceiro xornal hai 17 artigos asinados por homes e 3 por mulleres. Este reparto non é anecdótico, é a tónica habitual nos medios de comunicación, cando non peor. Non é o camiño que me gustaría que seguísemos, a verdade. Sinceiramente preferiría ter a oportunidade de ler tamén o que outras mulleres teñen que dicir.
Sobre esta ausencia da opinión das mulleres no espazo público dixéronse xa moitas cousas. Desde que non hai mulleres ás que chamar para pedirlles artigos ata que non queremos escribilos. Seguramente as dúas cousas son certas. Con moitísimas dificultades aínda para entrar e manternos no espazo público, somos menos e menos visibles. Cando hai que pedir unha colaboración rara vez é unha muller a primeira persoa que lle vén á mente a ninguén, só pode marcar a diferenza o tema, no caso de que sexa un dos feminizados, pero ata para iso temos voces masculinas, entre os artigos que recontei había un sobre o 8 de marzo escrito por un home. Que non me parece mal, por certo, non é ese o problema, espero que quede claro.
Ademais tampouco nos gusta dar a nosa opinión, estamos educadas así. Non somos impositivas, somos colaborativas, buscamos interacción e resposta ao noso discurso, non deitamos sentenzas senón que propoñemos posicións e, aínda por riba, dubidamos da autoridade e da importancia da nosa opinión. Antes de falar preguntámonos "que teño que achegar eu que non fora dito xa?" "a quen lle vai importar o que eu diga?". Para falar, opinar e dicir o que hai que pensar xa están outros. Nós marcamos tendencia só nos blogs de moda.
Para que unha muller teña sitio nun espazo ocupado por homes, cando non pode competir en igualdade de condicións, hai que cederllo
Sempre que pretendamos contar con todos e con todas o esforzo ten que darse polos dous lados. Para que unha muller teña sitio nun espazo ocupado por homes, cando non pode competir en igualdade de condicións, hai que cederllo. Aquel home que ceda poder deberá ser valorado e non castigado, aquela muller que gañe poder deberá ser apoiada e non expulsada. Honestamente un e outra terán que facer uso da súa nova posición para mudar as cousas. Se queremos sumar o esforzo só pode ser en positivo.
As mulleres imos facendo o noso traballo, desde hai tempo, e grazas a iso mudaron moitas cousas
Temos que convencernos, todos e todas, de que é preciso ser positivas e propositivas. As mulleres imos facendo o noso traballo, desde hai tempo, e grazas a iso mudaron moitas cousas, que as que non o fixeron non sirvan de coartada para os homes que non se suman simplemente para non perder poder. Non sirven as escusas, todo é cuestión de vontade. Atopei esta semana dous exemplos que me gustaron moito, a exposición de 25 artistas galegas “Creamos(Nós); mulleres artistas en 1ª persoa”, que xoga no seu título co binomio crer/crear, e a aparición da plataforma de crítica literaria A Sega, facendo algo útil da palla, segando e sementando o país no que queremos vivir. Eu quero vivir nun país no que se teña conta de todo o mundo, no que o status e o poder non veñan postos de fábrica, onde todas teñamos voz.