Un breve retrato da realidade

Se nos acercamos á realidade de hoxe con ánimo de coñecer os elementos fundamentais que a dinamizan e tentan lexitimala, seguro que sinalaremos os mercados e os movementos en defensa das identidades étnicas, culturais e relixiosas. A carón, milleiros de individuos cada vez máis illados, máis indefensos, sen futuro e mermados en dereitos. Nada semella sobresaír na actual realidade global con máis claridade e determinación.

A realidade quedou colonizada polos grandes mercados financeiros globalizados e en oposición, só o mundo identitario tenta, dramaticamente, preservar a súa singularidade

Así, vemos que os conflitos ideolóxicos, outrora vigorosos, hoxe viven anémicos, faltos de substancia, e o que realmente sobrevive con forza é a loita desapiadada polo diñeiro e a defensa das identidades: o mercado e a tribo, os dous grandes deuses do momento histórico actual. Daquela, a realidade quedou colonizada polos grandes mercados financeiros globalizados e en oposición, só o mundo identitario tenta, dramaticamente, preservar a súa singularidade, case sempre dende posicións de debilidade que o arrastran, a máis das veces, á irracionalidade.

Xa que logo, o mundo financeiro case que manda sen límites sobre unhas democracias cada vez máis desvalorizadas, e a política,  xa semella sen pretensións de cambiar o rumbo das sociedades. Como consecuencia, os parlamentos perderon gran parte do seu papel de representación das grandes demandas sociais e os gobernos e as elites dos partidos políticos máis representativos, son, cada vez máis, uns simples xestores, uns técnicos dunha política fría e se alma que vén marcada por institucións que están fóra das súas fronteiras ou ben, responden só a dinámicas que ninguén controla como a dos mercados financeiros.

Cómpre construír un novo paradigma que nos leve a outra forma de ver e de facer  política que responda realmente ás necesidades da nova realidade

En definitiva, a vontade dos cidadáns exercida ao traveso das furnas está a ser secuestrada polos grandes poderes económicos, pasando a converterse nun mito a sacar a pasear polos partidos en épocas electorais. En consecuencia,  as democracias están a baleirarse de contido de maneira alarmante e sen resistencias significativas; mentres, a uniformidade do pensamento neoliberal enseñoreándose polo espazo social e político de Occidente. Este novo escenario que está a dominar a realidade  condiciona que a política, en bastantes ocasións, máis que nunha nobre tarefa, se converta nun espectáculo lamentable. Por desgraza, deste escenario indesexable, sempre acaban emerxendo desprezables movementos fascistas que outra volta volven a ensinarnos o nariz polo horizonte europeo.

Xa que logo, en base a unha nova diagnose, cómpre construír un novo paradigma que nos leve a outra forma de ver e de facer  política que responda realmente ás necesidades da nova realidade. Talvez os movementos cidadáns sexan ese novo xerme.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.