Non adoito escribir este tipo de artigos, pero son un cidadán accidentado e preocupado, e, dadas as datas nas que estamos, crin acaído facelo.
Estes días cumpríronse 2 meses desde que volvín nacer. O 14 de marzo sufrín un accidente cruzando por un paso de peóns cando ía xantar, o cal me ocasinou varias fracturas e lesións que me cambiaron moito -agardo que temporalmente- a miña forma de vida
Estes días cumpríronse 2 meses desde que volvín nacer. O 14 de marzo sufrín un accidente cruzando por un paso de peóns cando ía xantar, o cal me ocasinou varias fracturas e lesións que me cambiaron moito -agardo que temporalmente- a miña forma de vida. Era un martes calquera máis, un día rutineiro no que pensaba xantar, rematar de traballar e ir facer algo de exercicio como estou afeito (en concreto, ir correr). Non sabes o que che pode cambiar a vida en 5 segundos ata que che pasa algo así…
Polo de agora non podo camiñar e ando nunha cadeira de rodas, aínda que, cada día que pasa, teño mellor mobilidade. Malia que espero recuperarme, non teño nada claro cando poderá ser. O que si teño claro é que estou vivo por sorte e, se podo volver ter o tipo de vida que tiña, será grazas a varios factores que comentarei máis adiante.
Despois desta introdución, quero aclarar que este artigo non trata sobre seguridade vial, senón sobre algunhas reivindicacións que considero moi importantes.
Temos un sistema de saúde (case, pero cada vez menos) público e universal que, malia ser peor que hai anos, segue a ser unha marabilla.
Temos un sistema de saúde (case, pero cada vez menos) público e universal que, malia ser peor que hai anos, segue a ser unha marabilla
Estiven 22 días “aloxado” no CHUAC, o hospital público da Coruña, xa que, tralo accidente, decidín que a ambulancia me levase alí e non a un hospital privado. Sabía que as e os mellores profesionais, as mellores máquinas, os mellores coidados… seguimos a telos -polo de agora- na Sanidade Pública.
Podo dicir con coñecemento de causa que é incrible como funcionan Urxencias, Observación, Traumatoloxía… Tratáronme e operáronme as e os mellores médicos; coidáronme as e os mellores enfermeiros e auxiliares; trasladáronme as e os mellores celadores; o mellor persoal de limpeza mantivo impecable a habitación miña e do meu compañeiro.
É incrible como a profesionalidade, esforzos, vocación e dedicación desta xente consegue enmascarar a crecente mingua de recursos, de compañeiras e compañeiros, e de alicientes para seguir coidando das e dos nosos doentes (os de todas e todos). Non podo dicir unha mala palabra de ninguén que me atendese durante e despois da miña dura estadía no hospital.
Así mesmo, deberiamos ter en conta que, de continuarmos por este camiño, un dos mellores servizos que temos no país non seguirá aquí para as nosas vindeiras xeracións
Se hoxe podo estar a escribir estas liñas é grazas, en gran parte, á sorte que tiven no accidente, que, polo aparatoso que foi, ben puido ter un remate moito peor. Pero se consigo volver valerme por min mesmo, camiñar, correr…, será grazas a toda esta xente marabillosa, na que inclúo tamén ao persoal das ambulancias; grazas ao meu fisioterapeuta; grazas á miña mente cuadriculada; e sobre todo grazas ao apoio da miña familia, amigas e amigos (moitos tamén familia). GRAZAS de corazón!
Así mesmo, deberiamos ter en conta que, de continuarmos por este camiño, un dos mellores servizos que temos no país non seguirá aquí para as nosas vindeiras xeracións; xa que hai partidos políticos que, malia a que se erixen coma os adaís da Sanidade Pública, unha vez que acadan o poder, ou manténdose nel logo de moitos anos, non fan máis que privatizar e asemade minguar os recursos públicos.
Isto pódese extrapolar a outros moitos servizos públicos, pero hoxe tocoume defender o que máis me está a “doer” actualmente.
Cada vez máis servizos non internos ou esenciais están en mans de empresas privadas. E isto non é máis có comezo dunha estratexia de cambio de sistema a longo prazo
Por que digo isto? Porque estou farto de escoitar que o Sergas está moi ben, que é das mellores… Bla, bla, bla. Será… Non digo que non o sexa, pero, por ser mellor có resto, non significa que sexa todo o bo que debería. Xa se sabe: “No país dos cegos, o chosco é o rei”. Estou canso de escoitar que se destinan todos os recursos que se pode, cando as cifras din xustamente o contrario: invístese cada vez máis diñeiro público na sanidade privada. Cada vez máis servizos non internos ou esenciais están en mans de empresas privadas. E isto non é máis có comezo dunha estratexia de cambio de sistema a longo prazo.
É sinxelo facer unha busca en internet que avale estas palabras, pero non é tan doado desmaquillar as cifras. Aínda así, animo a calquera a investigar un pouco.
Este sector, igual có da educación, cada vez ten máis escaseza de recursos, precariedade e falta de investimento a prol do sector privado (o cal proporciona uns beneficios máis que substanciais a una minoría, certo é).
Creo que pouca xente hai polo mundo con dúbidas sobre cales son os partidos políticos que defenden o público e cales non. Así que autoconvencerse e comprar os discursos falsos dos que nunca defenderon o público non me parece o máis axeitado
Alén a miña opinión, teñamos ben claro que o que me ocorreu a min poderíalle pasar a calquera. E calquera ten que ser atendido igual de ben que o fun eu, sen importar se é alto, baixo, negro, branco, gay, hetero, trans, galego, vasco, peruano, vietnamita, guineano, magrebí, neozelandés, etc. Pero sobre todo sen importar se ten cartos ou non. O Sistema Público de Saúde, universal e gratuíto, creo que é algo para estar máis ca orgullosos e que hai que seguir mantendo entre todas e todos.
Cada quen que pense e opine sobre cal é o mellor sistema, pero que non merque as mentiras e enganos dos que din ser unha cousa e resultan ser xusto o oposto.
Así a todo, a día de hoxe, creo que pouca xente hai polo mundo con dúbidas sobre cales son os partidos políticos que defenden o público e cales non. Así que autoconvencerse e comprar os discursos falsos dos que nunca defenderon o público non me parece o máis axeitado.
Eu son dos que pensan que tanto coa sanidade como coa educación non se debería facer negocio. Son dereitos das persoas, necesidades das mesmas que deben ser sufragadas por todas e todos.
E este tema, coma todo neste mundo, é un tema ideolóxico, incluíndo, claro está, os cartos como parte da ideoloxía.
Estamos a piques dunhas eleccións que, nesta ocasión, son municipais e ben certo é que competencias como, por exemplo, as de Sanidade non corresponden aos concellos. Pero a liña ideolóxica dos gobernantes municipais afecta a todo, incluso a aquilo relacionado con temas coma este
Por iso, aparte da defensa da Sanidade e Educación públicas, este artigo trata precisamente sobre a importancia da IDEOLOXÍA.
Estamos a piques dunhas eleccións que, nesta ocasión, son municipais e ben certo é que competencias como, por exemplo, as de Sanidade non corresponden aos concellos. Pero a liña ideolóxica dos gobernantes municipais afecta a todo, incluso a aquilo relacionado con temas coma este, ao seren os concellos os que administran e dan soporte, por exemplo, á asistencia a dependentes, aos servizos socias, etc.
Algunhas políticas e políticos que se presentan ás eleccións municipais din que a ideoloxía é secundaria ou irrelevante nas municipais. Isto non pode ser máis falso. É importante, e moito!
A política municipal é o contacto máis directo dos representantes públicos coa xente de a pé, coa veciñanza; e é a que pode dar solucións máis axeitadas directamente ou en colaboración con outras institucións “superiores”, ao ter máis coñecemento das necesidades de cada quen. E o dar ou non dar axuda á veciñanza e o xeito de como se dá NON atende a outro factor que non sexa ideolóxico.
Como non vai importar a ideoloxía dos partidos e das persoas que os conforman? Claro que importa, e moito!
A ideoloxía dos partidos, nunhas eleccións municipais, determina que os cartos públicos do Concello se invistan nas e nos máis necesitados, nos máis novos, nos pequenos comercios, nos maiores, nos servizos sociais, na protección da natureza, na cultura, na defensa da igualdade...
A ideoloxía dos partidos, nunhas eleccións municipais, determina que os cartos públicos do Concello se invistan nas e nos máis necesitados, nos máis novos, nos pequenos comercios, nos maiores, nos servizos sociais, na protección da natureza, na cultura, na defensa da igualdade, nas campañas de concienciación anti-xenófoba, anti-racista, anti-homófoba, etc. Ou que se asuman pagos de servizos ou obras que corresponden a outros organismos pero que é preciso asumir axiña por mor de ser problemas urxentes que afectan directamente á veciñanza. E un longo etcétera. Ou que, pola contra, se invistan cantidades inxentes de orzamento en facer festas, en pagar salarios -canto menos ilexítimos-, en hipotecar as arcas en concesións precipitadas e mal calculadas, en mandar os cartos lonxe dos negocios da localidade, etc. En definitiva, en volver a esas políticas antigas, casposas e, en moitos casos, do ladrillo, que como en escuras épocas anteriores só benefician a unhas selectas minorías.
Algunhas políticas e políticos preséntanse baixo siglas de partidos para recibir os nosos votos e, unha vez son elixidos como representantes públicos, traizoan vilmente aos votantes aliándose cos representantes de formacións antagónicas. Que sei eu por que motivos…
Na política hai que dialogar, discutir, chegar a acordos e, sen dúbida, pactar se é preciso. Sempre desde a lealdade, o respecto á democracia e ás persoas, e, evidentemente, sen traizoar á cidadanía e aos principios. E nunca a calquera custo e sen importar a ideoloxía, xa que NON TODO VALE
Eu son dos que pensan que na política hai que dialogar, discutir, chegar a acordos e, sen dúbida, pactar se é preciso. Sempre desde a lealdade, o respecto á democracia e ás persoas, e, evidentemente, sen traizoar á cidadanía e aos principios. E nunca a calquera custo e sen importar a ideoloxía, xa que NON TODO VALE.
Que si, que ninguén se sorprenda, temos unha democracia representativa e os gobernos xurdidos dos pactos son tan lexítimos como os das maiorías absolutas, ou máis aínda. So faltaría!
Por suposto que importa con quen se pacta e como se pacta. E é moi importante aclarar que son os representantes públicos os que pactan, pero pactan en función das ideoloxías dos partidos polos que se presentaron e que representan ás e aos votantes que os apoiaron. O que se fai fóra dese marco é antidemocrático e non é lexítimo (e menos mal que non o é, por certo). Si o sería, por exemplo, dimitir.
Para as e os políticos que levan a cabo movementos e accións fóra das ideoloxías polas que foron elixidos existe unha substantivo na RAG que os define: tránsfuga.
O correcto é apoiar cos nosos votos aos partidos que sempre defenderon e defenden os principios e ideas que din defender, e non traizoan aos seus votantes; aquelas formacións que non teñen a súa historia manchada por corrupción e/ou transfuguismo, e sobre todo aquelas formacións que intentan defender o de todas e todos, e non o de só unhas e uns poucos
Outros din que non importan as etiquetas. Pola contra, eu creo que as palabras en si mesmas e os conceptos que definen deberían ser o máis importante, tamén na política. Por suposto que nos debería importar que os representantes que vaiamos elixir sexan de esquerdas ou de dereitas; comunistas; socialistas; conservadores; democristiáns; liberais; fascistas ou nazis; centralistas; independentistas; nacionalistas; ou federalistas… Por suposto que importan as ideas de base que defenden os partidos, aínda nas eleccións municipais. En definitiva, por suposto que importa a IDEOLOXÍA dos partidos e das persoas que os conforman.
Dito todo isto, gustaríame facer un dobre chamamento a todas as veciñas e veciños de todos os concellos:
Primeiro, ide votar! E, segundo, valorade con moito tino que papeleta ides depositar na urna o 28 de maio. É a reponsabilidade máis grande que temos como cidadás e cidadáns. É o que vai marcar o rumbo que seguirá o goberno municipal durante os vindeiros 4 anos, que nos afectará a nós e ás nosas veciñas e veciños tamén.
Creo que o correcto é apoiar cos nosos votos aos partidos que sempre defenderon e defenden os principios e ideas que din defender, e non traizoan aos seus votantes; aquelas formacións que non teñen a súa historia manchada por corrupción e/ou transfuguismo, e sobre todo aquelas formacións que intentan defender o de todas e todos, e non o de só unhas e uns poucos.