Un conto de gánsters

Queredes comprender o que está a acontecer na Ucraína, mais non vos presta ler longas análises? Enténdovos perfectamente. Non as leades. En primeiro lugar, porque son aborrecidas, e en segundo lugar, porque na maioría dos casos non teñen nada a ver coa realidade. En vez diso, mellor será que vos conte un conto. Un conto interesante, escrito no estilo noir. Lembrades os filmes de gánsters da época da lei seca? Os chapeus, os casacos, o jazz, as metralladoras Thompson, que chamaban os violíns de Chicago. Todo iso esperta a fantasía e fica lonxe dabondo no tempo para que o perigo se transforme en romantismo.

O anterior goberno non foi quen de facer fronte á crise. Al Capone promete acabar co desemprego. E a xente di: “Se ten cartos a esgalla, será porque sabe como gañalos. Antes só os repartía coa súa banda, mais agora terá que os compartir con todo o país"

Pídovos que fagades un esforzo coa imaxinación. Non vos preocupedes, non vai durar moito. Abondan uns poucos minutos. Imaxinade a América da Grande Depresión. Apoiándose no descontentamento da xente, o vencedor das eleccións presidenciais é... Al Capone. E por que non? Cústavos acreditar niso? Por algo vos pedín un esforzo coa imaxinación. Neste caso nin sequera hai que se esforzar tanto. O anterior goberno non foi quen de facer fronte á crise. Al Capone promete acabar co desemprego. E a xente di: “Se ten cartos a esgalla, será porque sabe como gañalos. Antes só os repartía coa súa banda, mais agora terá que os compartir con todo o país.” Non é tan difícil de imaxinar.

O que se seguiu á súa vitoria nunhas eleccións limpas tampouco é complicado de imaxinar. Sobre todo se sabedes quen era Al Capone. Con efecto, o presidente comeza a gañar aínda máis diñeiro. Como varias ordes de magnitude máis. Por todo o país, os seus bares ilegais continúan a vender whisky. Só que agora a policía xa non fai alí redadas. Porque son do presidente. Porén, ao mesmo tempo, ninguén ten intención de anular a lei seca, pois ela lle permite encerrar os seus competidores. Ademais, grazas á lei seca, o alcohol é caro mesmo nos bares presidenciais. Porque é ilegal.

Para a nosa sorpresa, o presidente non parece ter présa por compartir co país. Todo o contrario: introduce novos impostos, duplica a débeda pública

Este xenial esquema de negocio xera cada ano millóns de dólares de lucros. E, para a nosa sorpresa, o presidente non parece ter présa por compartir co país. Todo o contrario: introduce novos impostos, duplica a débeda pública, e empresas como a General Electric, a Standard Oil ou a General Motors mudan de dono como por acaso. Casualmente, os novos propietarios pertencen ao círculo máis íntimo do presidente. Tiveron moita sorte: non tiveron que pagar nada por elas. Os antigos propietarios regaláronlles as súas empresas. Sei que isto é ben difícil de crer pero, máis unha vez, lembrade quen era Al Capone e iso facilitaravos as cousas.

Imaxinástelo xa todo? Magnífico. Xa non queda moito. “A xente non aturaría ese tipo de abusos durante moito tempo”, dicides. E razón non vos falta! Nin sequera vos pedirei que imaxinedes tal cousa. A xente indígnase e vai aos tribunais. Mais agora até os máis independentes e máis xustos dos tribunais americanos só sentencian a favor do presidente e dos seus acólitos. Porque os gánsters fan aos xuíces proposicións que é imposíbel recusar. Nun dos pratos da balanza un bo feixe de diñeiro. E no outro... Como dicía un dos personaxes de Mario Puzo: “Ou asinas ti este papel coa túa firma ou asinámolo nós cos teus miolos.” Os xuíces tamén son persoas. Eles tamén queren vivir, e tamén gostan do diñeiro. Non hai nada de estraño niso. Neste caso non hai que facer ningún esforzo.

E logo os xuíces non podían denunciar as ameazas? Chamar a policía? Desculpade, esquecín advertirvos. É que como altos cargos da policía Al Capone colocou persoas da súa confianza. E estas impuxeron alí semellantes condicións de traballo que, en poucos anos, todos os que entendían o significado das palabras honradez e conciencia deixaron de traballar na policía.

Ben, pois agora chega o desenlace. É tan previsíbel que podedes desligar por agora a imaxinación. Millóns de estadounidenses normais saíron ás rúas das cidades para protestar de xeito pacífico. As manifestacións foron brutalmente dispersadas polos mercenarios da mafia, e aos activistas máis teimosos envolvéronlles as pernas en bólas de cemento e botáronos ao lago Michigan.

Porén o presidente gánster non tivo en conta unha cousa. O país estaba cheo de armas, e nin todas eran dos seus amigos. Os americanos tiñan ben aprendidas as palabras de Jefferson, que dixera que a árbore da liberdade debía ser regada de cando en vez co sangue dos tiranos. Al Capone tentou esmagar a revolta, mais morreu subitamente por exceso de chumbo no organismo. Din que foron poucas balas - apenas un par de ducias -, mais mesmo así o coitado non as deu dixerido.

E con isto remato o meu conto, mais non sen antes vos pedir un derradeiro esforzo.

Teño vergoña de ser cidadán dun dos países máis corruptos do mundo. Vergoña dos meus compatriotas que votaron nos gánsters nas eleccións

Imaxinade que todo o que escribín está a acontecer aquí, no noso país. Non é unha exaxeración. Sei que é difícil de crer, mais esa é a realidade en que nós vivimos; por iso, facede un esforzo e acreditade no que vos di unha testemuña. E o facto de estarmos no século XXI fai que a situación sexa aínda máis tráxica. Porque somos conscientes de que non se pode vivir así, de que iso é unha barbarie e unha vergoña. Teño vergoña de ser cidadán dun dos países máis corruptos do mundo. Vergoña dos meus compatriotas que votaron nos gánsters nas eleccións. Vergoña daqueles para quen democracia é unha palabra malsoante.

E tamén teño vergoña das persoas que, en pleno século XXI, cando descobren alguén que realmente está a loitar contra unha tiranía, comezan a examinalo cun microscopio. E non gostan do que ven. É normal. Non somos brancos nin suaves. Tivemos que deixar medrar cairos e gadoupas. Cheiramos a chamusco. Porén todo o que exiximos e polo que loitamos é o cumprimento das leis e a construción do noso país de acordo coas normas que hai moito tempo imperan en todo o mundo civilizado.

Tamén teño vergoña das persoas que, en pleno século XXI, cando descobren alguén que realmente está a loitar contra unha tiranía, comezan a examinalo cun microscopio. E non gostan do que ven. É normal. Non somos brancos nin suaves

No entanto, somos acusados de fascismo, racismo e antisemitismo. Que máis cousas hai que sexan consideradas inaceptábeis no mundo contemporáneo? O tráfico de crianzas? A caza ás focas? Supoño que non tardarán en nos acusar tamén diso. Despois diso, as acusacións de extremismo semellan un pequeno detalle, un toque final, case unha tautoloxía. Evidentemente, uns fascistas-racistas-antisemitas non poden non ser uns extremistas. Por outra banda, os clixés propagandísticos son un amoado que non se estraga por lle botar un pouco aceite, e por iso adoitan acrecentar tamén o de “extremistas”.

O principal obxectivo destas acusacións é mostrar ao mundo que os manifestantes ucraínos non merecen a súa atención nin a súa preocupación

O principal obxectivo destas acusacións é mostrar ao mundo que os manifestantes ucraínos non merecen a súa atención nin a súa preocupación. É como se estivesen a dicir aos espectadores: “Non olledes para alí. É suxo, é horríbel, e de todos os xeitos non entenderiades nada. Dixéronvos que alí matan xente? En primeiro lugar, non matan a ninguén. En segundo lugar, é unha especie de tradición nacional. E en terceiro lugar, non son xente. Son extremistas. Ollade por exemplo para ese rapaz. Ten unha máscara cubríndolle a cara e un pau na man. É evidente que se trata dun simple vándalo. O único que sabe facer é devastar, destruír e queimar. Que o entrevistan en inglés? Non debestes escoitar ben. Seguramente nin saiba falar. Que se laia de que a policía está a secuestrar e torturar persoas? Iso é completamente absurdo! Sabedes perfectamente que a policía é incapaz de facer unha cousa así. Porque o sentido da existencia da policía é precisamente defender a lei. Que di que exixe a dimisión do presidente? Home, xa sabemos como son os políticos. Son iguais en todas as partes. Se cadra vós tampouco estades satisfeitos co voso presidente, pero ese non é motivo para guindar cócteis molotov.”

E os espectadores, eses millóns de persoas dos que supostamente nada depende, aínda que sexan eles quen cargan co mundo sobre os seus ombros, fan que si coa cabeza. “Si, con certeza. Os políticos menten en todas as partes, mais é un disparate ir ás barricadas por iso. E a policía, é claro, nin sempre se comporta como nós quereriamos, mais ese é o seu traballo. Ademais, para algo están as leis, e se alguén pensa que os seus dereitos foron violados, sempre se pode ir queixar ao seu avogado. Mais o que fan eles - en máscaras, con paus e garrafas cheas de mesturas inflamábeis, é sen dúbida extremismo. Estamos, a final de contas, no século XXI. Hai que ir aprendendo a dialogar. Por que non organizan unha mesa redonda e discuten o problema?”

Están a propor que organicemos unha mesa redonda para falar con gánsters? É que iso xa o fixemos. E ningunha das nosas demandas foi atendida

Están a propor que organicemos unha mesa redonda para falar con gánsters? É que iso xa o fixemos. E ningunha das nosas demandas foi atendida. O tempo que pasamos a negociar, aproveitouno o goberno para perpetrar novos secuestros, malleiras e arrestos. Ouvistes falar algunha vez de que no mundo contemporáneo, nun país europeo (polo menos xeograficamente aínda nos encontramos na Europa) fose legalizada a tomada de reféns? Aquí iso xa aconteceu.

Non tedes por que gostar de nós. Se cadra é que a nosa aparencia é extrema de máis para sermos obxecto de sentimentos positivos. Mais por favor, sede honestos connosco. Se non podedes axudarnos, polo menos non mintades sobre nós. E non axudedes a quen mente. Para que só teñamos que sentir vergoña do noso propio Estado.

Texto traducido ao galego por Briaxis Fernández Méndez. O orixinal ucraíno pódese consultar nesta ligazón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.