O ano que vén celebraremos o centenario da constitución das Irmandades da Fala. A elas debemos a institución do Día da Patria Galega naquela lonxana data de 1920. Dende aquela, o 25 de xullo é a data referencial da reivindicación dos dereitos de Galiza como nación. Perto dun século no que os nacionalistas acudimos de xeito invariábel a Compostela. Acudimos sempre que puidemos facelo, por que é ben certo que boa parte dese século transitou baixo réximes ditatoriais, que sempre tiveron especial zúnia contra a reivindicación democrática da nosa nación. Primeiro a represión de Primo de Rivera e logo a de Franco asañáronse na prohibición de calquera expresión pública das reivindicacións patrióticas que non fosen a española.
O ano que vén celebraremos o centenario da constitución das Irmandades da Fala. A elas debemos a institución do Día da Patria Galega naquela lonxana data de 1920
Tamén é certo que, malia a represión, non faltaron enxeño e afouteza para celebracións clandestinas –necesariamente minoritarias- na carballeira de Santa Susana xa a fins dos anos sesenta. Tampouco podemos esquecer que, mesmo nos anos da tan loubada “transición política” houbo atrancos para a celebración do Día da Patria e foi preciso persistir durante varios anos para conquistarmos o dereito a transitar a cidade histórica de Compostela e entrar na Praza da Quintana.
Polo tanto, a propia celebración da desta data e o formato dos actos e percorridos que marcan a mobilización do día 25 en Santiago está ela mesma cargada de historia; é historia viva dunha ou varias xeracións de nacionalistas que converteron esta data nun fito político anual. Diría que un verdadeiro rito laico.
É historia viva dunha ou varias xeracións de nacionalistas que converteron esta data nun fito político anual. Diría que un verdadeiro rito laico
É unha data de especial simbolismo para reivindicar a nación e para xuntar a todas as persoas que de xeito activo traballan todo o ano para fomentar a conciencia nacional do noso pobo. Todas as persoas que aspiran a que Galiza sexa recoñecida como nación no mundo e que poida autogobernarse de xeito pleno. Todas as persoas que partillan a vontade de sermos galeg@s e seguir sendo galeg@s, mellorando as condicións de vida colectiva para as novas xeracións e achegando en paz a nosa criatividade colectiva á avenza civilizatoria dunha humanidade afortunadamente diversa.
A celebración do Día da Patria ten este ano algo singular. Por primeira vez desde a caída da ditadura, o acto maior do día 25, a tradicional manifestación que arranca da Alameda e conclúe na Quintana, non vai estar convocada por unha única forza política senón que está convocada e estará encabezada e presidida por un plural colectivo cidadán, secundado por toda a cidadanía galega que reivindica a nación e un amplo abano de forzas políticas galegas, nacionalistas e independentistas. É, polo tanto, unha celebración unitaria, animados polo manifesto “Pola Unidade” asinado por miles de persoas.
O BNG, tradicional convocante desa sempre multitudinaria manifestación, decidiu este ano favorecer e impulsar unha celebración unitaria
O BNG, tradicional convocante desa sempre multitudinaria manifestación, decidiu este ano favorecer e impulsar unha celebración unitaria que permitise xuntar nun mesmo acto a pluralidade de forzas políticas comprometidas coa reivindicación dos dereitos nacionais e, por suposto, de todas as persoas e organizacións sociais, sindicais, culturais, cívicas, etc. É probábel que a algunha xente se lle escape o valor deste xesto por parte do BNG, pero coñecendo a historia desta celebración desde os anos setenta para acá é xusto recoñecer que os actos do Día da Patria entre a Alameda e a Quintana están cargados de simbolismo para @s nacionalistas. Para tod@s. Por iso, atopar o formato para poder celebralo tod@s xunt@s foi o resultado dunha decisión meditada e deliberada e non exenta de complexidades. Estou certo que moita xente comprende ben isto, moita xente desexaba isto e moitísima xente acudirá este 25 a Compostela para celebralo.
Creo que as circunstancias graves polas que atravesa a nosa nación, quer no económico, quer no social, no político, no cultural e tamén no institucional requiren da unidade de todas as persoas que consideramos prioritario antepoñer os intereses colectivos do noso país e do noso pobo.
A nación vai mal, os retrocesos son claros e o futuro negro. A Unión Europea e o centralismo español, co total complicidade desta Xunta ocupada por Feijóo, esganan as nosas potencialidades, impiden aproveitar os nosos recursos e capacidades.
A Unión Europea e o centralismo español, co total complicidade desta Xunta ocupada por Feijóo, esganan as nosas potencialidades, impiden aproveitar os nosos recursos e capacidades
Nós non podemos aceptar esa colonización financeira que fai que o noso aforro emigre, engordando os mercados financeiros globais no canto de facilitar investimento e crédito no país. Non podemos aceptar que espolien a nosa electricidade e logo aqui teñamos a tarifa eléctrica máis cara de europa, penalizando as familias e as empresas produtivas. Non podemos aceptar que controlen e colonicen os nosos mercados as grandes cadeas comerciais madrileñas e europeas (Carrefour, Mercadona, Lidl, El Corte Inglés, etc). Non podemos aceptar que as grandes empresas do lobby madrileño (ACS, FCC, Sacyr, Gas Natural, etc) vampiricen os nosos orzamentos públicos, nas obras e servizos privatizados da Xunta, Deputacións e concellos.
Nesas condicións non temos futuro; asi non é posíbel crear emprego no país. Por iso temos que mudar radicalmente o marco. Hai que mudalo para frear esa sangría migratoria que mata o país, que hoxe expulsa a mancheas a nosa xente nova formada, que nos converte no país máis avellentado do mundo e deixa as tres cuartas partes do territorio gravemente despoboado.
Nesas condicións non temos futuro; asi non é posíbel crear emprego no país. Por iso temos que mudar radicalmente o marco
Tampouco podemos aceptar que a nosa lingua esmoreza, que a nosa cultura sexa colonizada por unha cultura española que conta co amparo de todo o aparato de Estado, das grandes empresas madrileñas e dos seus grandes aparatos mediatico-culturais.
Os nacionalistas queremos capacidade para decidir as nosas políticas, con soberanía, para que a democracia teña substancia. Non podemos aceptar que as resolucións unánimes do Parlamento Galego sexan brindes ao sol por falta de competencias ou por falta de capacidade ou vontade para efectivizalas. Sen soberanía a escenografía democrática queda reducida a mero decorado; un simulacro sen ferramentas para converter as decisións en actos que acaba por perder eficacia e lexitimidade.
En fin, son multitude as razóns polas que, hoxe máis que nunca, precisamos un proxecto nacionalista que defenda este pobo. E os que, ademais, somos de esquerdas sabemos que para levar adiante políticas sociais verdadeiramente ambiciosas precisamos ferramentas soberanas que permitan romper coa servidume da hiperglobalización neoliberal.
A mudanza que precisamos só é posíbel se temos moita cidadanía comprometida. Por iso temos claro que hai que reforzar ese proxecto con máis enerxías, con máis persoas
A mudanza que precisamos só é posíbel se temos moita cidadanía comprometida. Por iso temos claro que hai que reforzar ese proxecto con máis enerxías, con máis persoas, con xente nova que colla a bandeira desta nación con ilusión.
No BNG somos moi conscientes da necesidade de sumar, a empezar para afrontar retos de grande importancia que temos por diante de xeito inmediato.
Queremos que todo o nacionalismo poida sumar forzas para facer un proxecto atractivo para moita xente, nacionalista e mesmo non nacionalista que ve a necesidade de defender o país con forza en Madrid
Este ano vanse celebrar unhas eleccións xerais que van ser trascendentais para o noso país e nós apostamos por construir unha gran candidatura nacional e unitaria. Queremos que todo o nacionalismo poida sumar forzas para facer un proxecto atractivo para moita xente, nacionalista e mesmo non nacionalista que ve a necesidade de defender o país con forza en Madrid. Queremos conseguir colocar un grupo palamentar propio e soberano en Madrid para defender os intereses da nosa economía e das nosas xentes para poder saír de verdade da crise. Diante o esgotamento do autonomismo e da ambición re-centralizadora de Madrid é preciso impulsar un cambio institucional que permita o recoñecemento como nación de pleno dereito, para poder finalmente dotármonos das ferramentas dun autogoberno pleno; coa capacidade de decisión e as pancas para desenvolver o país e construír un escenario de futuro digno para as novas xeracións.
Por iso esperamos encher de esperanza e ilusión as rúas de Compostela este Día da Patria. E estou certo de que esa ilusión reverberará por todas prazas e corredoiras do país para poder afrontarmos, coa forza que da a unidade, os retos que temos por diante de xeito inmediato. Neste país hai ambición de futuro, pero require confianza nas propias forzas, xenerosidade e altura de miras para construilo. Por nós non vai quedar.