Espertador. Claridade borrosa. Cama en ruínas. Sacudo os soños da almofada e prendo unha orquestra na radio. Un chisqueiro para acender a banda sonora do día…
Son as oito da mañá nas rúas dunha cidade galega. 98.8 da FM. E eu agardo a chegada dun transporte que me leve a clase antes de que remate o amencer. Música nas orellas e… Vaia! Non me gusta o tema que me impón o transistor, así que cambio para a lista de reprodución que creei. Agora si; Grândola, vila morena / terra da fraternidade… Xusto cando aparece o bus; razón pola que apago o mp3 e pago un billete “a PRAZA PÚBLICA, por favor”.
Ese é o leitmotiv en marcha da nosa xeración; resistir antes de ser aniquilados para sempre; “sobrevivir” como habitantes de Ningures
Dentro, moita xente moza; estudantes, posibles emprendedores e “parados” que nunca se deteñen. Mais, sobre todo, algo común en cada un de nós; que ninguén “existe” de verdade. E ese… Ese é o leitmotiv en marcha da nosa xeración; resistir antes de ser aniquilados para sempre; “sobrevivir” como habitantes de Ningures. Nada entre nós e os que virán; nada despois dos que nos antecederon. Queren converternos no preludio dunha fuga silenciosa ou, de maneira máis radical, nun “ERRO DO SISTEMA”, cal gralla de Matrix.
Somos unha xeración que nunca será. Somos “en potencia”; actores que carecen de escenario, arquitectas que nunca van edificar, escritores sen un libro onde caer vivos, médicos agardando pacientes e investigadoras que agonizan en salas de espera
Somos unha xeración que nunca será. Somos “en potencia”; actores que carecen de escenario, arquitectas que nunca van edificar, escritores sen un libro onde caer vivos, médicos agardando pacientes e investigadoras que agonizan en salas de espera. Efémeros e intranscendentes, como a realidade que nos rodea, “actualizacións” virtuais que caducan cada día ou dereitos que esvaecen antes de ser gozados. O único que nos queda, pois, é o noso lamento de monicreques orfos…
Ou non. Un momento! Hai algo en todo isto que se me antolla incomprensíbel. Por natureza, os novos, cando van medrando, substitúen aos que os precederon. Así, todas as xeracións tiveron o seu momento para tomar as rendas do país por primeira vez. E nós? Nós tamén temos a competencia, a responsabilidade e a formación suficiente como para facelo. De quen depende, entón, o futuro que nos tratan de roubar? Por que estamos pendentes, cada día, do que van decidir para nós? Acaso non deberíamos conquistar, como colectivo, o porvir que por xustiza nos pertence?
De quen depende, entón, o futuro que nos tratan de roubar? Por que estamos pendentes, cada día, do que van decidir para nós? Acaso non deberíamos conquistar, como colectivo, o porvir que por xustiza nos pertence?
Non, non se asusten. Nin formamos parte dun clan de preguiceiros compulsivos nin sufrimos síndromes de Peter Pan. Incluso respectamos aos maiores e nos esforzamos en aprender deles. É máis, temos a mesma capacidade de traballo que o resto dos humanos e sabemos que podemos aportar novas ideas á sociedade. Iso se nos deixaran “entrar”, claro, porque desde fóra resulta imposible actuar; prohibíndonos a participación xamais saberán do que somos capaces.
En vez de aceptar o rol de “vítimas”, seríamos os protagonistas da nosa propia obra; no canto de someternos ao guión que nos deseñaron, teríamos voz
E “eles”? Quen son “eles”? Eles non son os traballadores antigos que quedan no paro, nin os que seguen exercendo para axudar aos demais. Non; “eles”, a diferenza de nós, EXISTEN; aínda que o queiran disimular baixo máscaras de vocabulario capitalista. “Eles” non fan uso do transporte público, nin se moven nos lindes da subsistencia. Por iso non os vemos agora, aquí… E esa é xustamente, unha das bases do seu poder; o falso “anonimato”. Por tal motivo, pode que para “descubrilos”, só sexa preciso nomealos, como se seguísemos a teoría poética de Juan Ramón Jiménez (apelar co fin de visualizar). Dese xeito, en vez de aceptar o rol de “vítimas”, seríamos os protagonistas da nosa propia obra; no canto de someternos ao guión que nos deseñaron, teríamos voz.
Achégase o noso destino; próxima estación? A Praza pública. Ou “Esperanza”, na boca de Manu Chao. Baixo do bus e volvo a poñer os cascos; continúa a lista de reprodución… O POVO É QUEM MAIS ORDENA / DENTRO DE TI Ó CIDADE