O BNG nacía en 1982 como a casa común do nacionalismo galego coa dobre intención de, por unha banda, construír un proxecto unitario de país capaz de superar os antecedentes inmediatos de sometemento de Galicia e de, por outra banda, superar xuntos os límites do sistema electoral e acceder ao goberno para facer posible e real ese proxecto. A el se sumaron forzas políticas de ideoloxías diferentes, dende a dereita ata a esquerda; con bases sociais distintas, dende o rural galego á intelectualidade universitaria pasando polas elites empresariais ou os grupos obreiros; cunha masa crítica social moi heteroxénea, dende o sindicalismo ata as elites empresariais, pasando por parte do tecido asociativo máis activo do país.
En todo este tempo, ademais, froito dunha crecente capacidade de atractivo, impulsada en parte polo seu proxecto político e en parte polo seu éxito socioelectoral, o BNG foi caldo de cultivo para novos proxectos: ideolóxicos, políticos ou programáticos. En certo sentido, a casa común foi tamén a porta a través da cal o nacionalismo incorporou as innovacións políticas dun contexto tremendamente vivo, con fortes e importantes cambios aínda por analizar a fondo en toda a súa importancia. Unha dinámica de innovación que fixo que aquel proxecto político inicial fose volvéndose tamén cada vez máis diverso, máis heteroxéneo, máis rico… e por iso cada vez máis complexo de xestionar e de consolidar sobre a mesma base unitaria do primeiro Bloque –en esencia actualmente vixente.
O cambio do entorno e o cambio interno non se corresponderon con novas formas de organización e de participación capaces de dar cabida e saída, eficazmente, a toda esa pluralidade. A XIII Asemblea Nacional vivíase para colectivos e militantes como unha oportunidade de articular a reorganización que permitise conseguilo, creando espazos para a expresión plural, para o debate, para a participación viable de correntes ou grupos heteroxéneos que enriquecían ao BNG –se ben non ata o número de representar unha alternativa ao goberno da fronte. Entre a xestión da pluralidade e o goberno da maioría existía unha nebulosa zona intermedia para o equilibrio, para o encaixe de bolillos, necesitada de diplomacia e man esquerda para a súa materialización. Os anceios desa posibilidade moveron á militancia cara á Asemblea Nacional, a frustración diante a súa imposibilidade motiva a súa saída agora do BNG.
Coa lenta marcha de colectivos e militantes, o BNG inicia a etapa máis delicada da súa historia. Os nostálxicos botan a vista atrás e recordan a importancia dos dous obxectivos fundacionais, para atacar dende a incomprensión aos que, incómodos coas posibilidades de expresión que a organización lles concede, deciden coller as maletas. Estas voces esquecen que para a existencia dun proxecto común, ante ca un proxecto, debe existir un común. Aínda máis, no momento no que se esgotan as vías para a construción do común o proxecto deixa de ser de todos, para ser o duns cantos –de moitos ou de poucos pero non de todos.
O BNG exerceu durante tres décadas de incubadora para a modernización e a innovación do nacionalismo e do galeguismo. Do seu seo xorden moitos máis proxectos políticos dos que nun comezo o constituíron. Unha riqueza sociopolítica que agora afronta o reto de presentarse en solitario, coa certeza de que o seu proxecto sintoniza con Galicia mellor do que a maioría interna do BNG foi capaz de facelo nas últimas convocatorias.
Un espazo político difuso
A lenta disolución do BNG deixa á organización nunha situación crítica, e quizais unha das peores nas que se podería atopar chegada a esta solución. A perda de militancia implica a redución desa riqueza ideolóxica, desa masa crítica, deses referentes sociopolíticos que nos últimos anos traballaron e significaron ao BNG. Con eles e o seu poder, social e institucional, pérdense tamén vías de acceso á sociedade, pérdese base socioeconómica para o financiamento e o mantemento da organización, e se perden canles de comunicación con parte dos seus principais nichos electorais. A magnitude e as consecuencias destas perdas só o tempo axudará a calibralas, pero en todo caso superar a súa falta non resulta cousa sinxela.
Pola outra banda, aqueles que marcharon ou matinan na posibilidade de facelo, sen dúbida as perspectivas son moito mellores do que suporía comezar un proxecto ex novo, pero tampouco o contexto semella fácil. As eleccións autonómicas aproxímanse, sen un referente organizativo claro, sen tempo case para deseñar afondo e presentar un proxecto á opinión pública, e coa única baza do tecido social e dos referentes sociopolíticos. A necesidade de poñer o primeiro pé sobre as persoas, e moito menos sobre as ideas, supón un reto comunicativo e organizativo ao que estes colectivos deben prestar no futuro inmediato unha especial atención.
Sen embargo, o principal elemento de interese está en cómo dixerirá este proceso o espazo sociopolítico galeguista e nacionalista e, en especial, as persoas que o ocupan. E resulta interesante por tres motivos. Primeiro, porque a presenza case única do BNG durante tres décadas impediu ver cal é a súa construción ideolóxica interna, medir o peso social das distintas e diversas ideoloxías agregadas tralo BNG. Segundo, a Galicia do s. XXI vén amosando síntomas de demandar novos proxectos políticos que, coa actual diversificación, quizais podan callar e construír novos polos de debate e de proposta política –veremos a ver se se consolidan. E terceiro, a capacidade destas novas formación de conectar cos caladoiros alleos aos que tan eficazmente chegaba o BNG, pero que dun tempo a esta parte parece estar devolvendo aos seus espazos de orixe máis por deméritos propios que por méritos alleos.
Por último, non debemos esquecer que os espazos políticos son dinámicos. O sentimento galego ten cambiado ao longo do tempo, e a súa transformación política tamén. Dende aqueles “sectores básicos produtivos” da década dos ’90 teñen pasado vinte anos, que son moitos, de modernización e innovación. Os últimos datos parecen sinalar que a sociedade galega comeza a analizar a súa galeguidade a través doutros prismas e doutros discursos, a cuxo encaixe concorrerán varias formacións políticas cun reto común: sen quen de estimular, agrupar e recoller os apoios destes novos grupos sociais.
O nacionalismo galego afronta neste 2012 unha nova e decisiva andaina co obxectivo declarado, e decisivo, de renovar o seu proxecto, de ser útiles e necesarios para a Galicia do s. XXI na que estamos entrando a fume de carozo. Faino ademais cunha ventá de oportunidade aberta ante si, pois as forzas políticas tradicionais parecen non ser quen ou non querer aínda afrontar este, antes ou despois, ineludible camiño de renovación sociopolítica. Os vindeiros anos serán dunha importancia clave para o futuro de Galicia. Manteñan os ollos ben abertos.