Ferrol non teme o seu futuro. Non teme mirar cara ao mañá. Non teme ao “despois de agora, qué”. Ferrol non teme a nada. Foron tantos e tantos golpes que agora parece unha cidade indolente, unh acidade apática, unha cidade resignada.
Primeiro foi unha reconversión. Despois unha falta total de solucións. A continuación, a reconversión da reconversión. E, logo, o desmantelamento do público. Todo iso edulcorado con algúns momentos -escasos- e iniciativas solventes, case sempre vinculadas á consecución de carga de traballo para os nosos estaleiros da ría.
E así transcorreron as últimas décadas. De 91.764 habitantes de 1981 a 68.308 que cuantifica o INE para pechar este ano; isto é 23.456 homes e mulleres menos. Ferrol, no últimos vinte anos, perdeu un de cada seis habitantes. Esta especie de caída libre non se freou en ningún momento e, a pesar dos esforzos que non dubido que fixeron as diferentes administracións ao longo dos anos, demostrouse que non foron suficientes nin eficaces porque a tendencia segue sendo á baixa.
Rúas baleiras e con locais comerciais pechados -máis de 700 desde 2010-, vivendas deshabitadas -case 8.500- e, sobre todo, unha poboación envellecida porque a mocidade “foxe” ante a falta de oportunidades laborais -o desemprego é o máis elevado das cidades galegas-. Ferrol parece estar sumido nunha especie de morte lenta e agónica.
Pero non todo o que parece, é. Porque detrás de cada ferrolá e de cada ferrolán hai unha esperanza. Fronte a gobernos que fracasaron en moitas das súas políticas, subxace a capacidade e a forza dunha cidadanía que se aferra ao seu “ferroliño” e que non renuncia a levantar a cidade na que naceron e na que desexan que os seus fillos e fillas poidan vivir con dignidade.
E con esa xente, coa que confía en moitas e diversas potencialidades de Ferrol -o seu sector naval, a súa ría, o seu porto, a súa industria, a súa universidade, o seu patrimonio arquitectónico e natural-, coa que se nega a claudicar, coa que sempre mira para diante, coa xente de progreso, é coa que seremos capaces de levantar a nosa cidade. De abaixo a arriba.
Por iso Ferrol non teme o seu futuro. Por iso non teme mirar cara ao mañá. Por iso non teme ao “despois de agora, qué”. Ferrol non teme a nada porque a súa xente sabe que hai un mañá, que hai un futuro. Fagamos da nosa cidade un Ferrol vivo. E fagámolo dende os valores e principios que defendeu ata a morte un dos nosos ferroláns máis senlleiros, Pablo Iglesias: dende a igualdade de oportunidades, dende a defensa a ultranza do público… dende o socialismo.