Escribo estas liñas minutos despois de que o meu fillo máis grande subise no tren para marchar vivir a Compostela para empezar os seus estudos universitarios. O primeiro que penso é que o tempo é unha cousa cruel: estes primeiros dezaoito anos pasaron veloces de máis. E logo, véndoo sair pola porta, non podo evitar a lembranza daquel día xa moi afastado no tempo no que eu fixen idéntica viaxe. E a sensación non é de melancolía polo tempo ido, senón dun certo amolamento ao me decatar de que, como era de agardar, moitas cousas mudaron, mais, no que a expectativas se refire, que en realidade cambiaron para peor. E iso si que non era de esperar.
Cando eu comecei a carreira (mediados dos oitenta do século pasado) os que iamos á Universidade tiñamos claro que era cuestión de tempo que rematasemos traballando no noso
Quero dicir, que cando eu comecei a carreira (mediados dos oitenta do século pasado) os que iamos á Universidade tiñamos claro que era cuestión de tempo que rematasemos traballando no noso. Vía oposición ou por conta allea, mais sabiamos que era certo aquilo que tanto nos repetiran de que cun título universitario debaixo do brazo atopabas cunha altísima probabilidade de éxito traballo relacionado coa túa especialidade. Que podías exercer naquel sector profesional para o que te prepararas. Mais hoxe, non podemos contarlle ese conto aos nosos fillos e fillas porque saben que, precisamente, é un conto o que estamos a lles contar. Porque o certo é que o estado español é o lugar da Unión Europea onde máis licenciados hai traballando de camareiros, só por poñer un exemplo ben ilustrativo.
Pero hai máis.
Cando eu comecei, as tasas universitarias eran algo máis ou menos asumible pola meirande parte da xente, e, senón, había unha racional política de axudas en forma de bolsas
Cando eu comecei, as tasas universitarias eran algo máis ou menos asumible pola meirande parte da xente, e, senón, había unha racional política de axudas en forma de bolsas que, na práctica, facía moi difícil que calquera quedase fóra do sistema. Hoxe, as tasas iniciais de matrícula convertíronse nunha cousa imposible para moitas alumnas e alumnos que se ven así obligados a non participar do sistema formativo a máis alto nivel. E así, nesta tesitura, o que se asume é que nin sequera a universidade pública vai ser realmente para todos.
E cando eu comecei os meus estudos, a emigración era un asunto que estudabamos co alivio de saber que estabamos diante dun asunto histórico, unha etapa felizmente superada. Hoxe, a inevitabilidade da marcha para case que todos, aniñou no corazón de toda esa rapazada que, como o meu fillo, antes de empezar xa teñen claro que, cando menos sobre este asunto que agora nos ocupa, calquera tempo pasado si que foi mellor.