O evento, e tamén o proceso, do Foro Social Mundial xa ten todo preparado para aterrar con milleiros de activistas en Tunisia a partir do 26 de marzo e até o día 30. Desta vez comezará cunha asemblea de mulleres “en solidariedade connosco, mulleres tunisianas, e con todas as mulleres da rexión árabe en loita para que o proceso revolucionario en curso sexa o dos dereitos e as liberdades e o da distribución xusta de riquezas”. Non é pouca cousa e marca, sen dúbida, toda a intencionalidade imaxinábel. A xa tradicional marcha das mil cores pechará esa primeira xornada no Estadio Menzah.
O evento, e tamén o proceso, do Foro Social Mundial xa ten todo preparado para aterrar con milleiros de activistas en Tunisia a partir do 26 de marzo e até o día 30
Como evento o FSM segue a ter unha potencialidade sen comparanza posíbel no universo dos movementos sociais planetarios. Hai máis de 4.500 organizacións e 30.000 participantes de 127 países inscritos, máis de 1.000 obradoiros e actividades autoxestionadas despois do proceso de fusión dos dous milleiros longos que se presentaron, ducias de espectáculos culturais e unha enchente de foros paralelos, asembleas de converxencia, marchas e manifestacións de rebeldía. O FSM é, de seguro, a meirande mostra de diversidade activista que existe no planeta.
No entanto, disque como proceso o FSM non atravesa o mellor dos seus momentos. Ou si. É evidente que perdeu a centralidade que tivo na primeira metade da década do 2000 e que a rebeldía mundial se expresa hoxe de múltiples xeitos, en múltiples lugares e con múltiples ollares. Mais isto non debe constituír nin moito menos unha lectura negativa. É unha sorte que os procesos de emancipación dos de abaixo non residan só nun proceso, nin nun lugar, nin nun foro. Se temos un chisco de perspectiva e somos xustos co que se fixo dende aquel Porto Alegre de 2001 deberiamos concluír que os obxectivos –realistas– do FSM fóronse cumprindo.
Facendo balance, ninguén pode negar que o movemento de movementos foi quen de focalizar e espir o inimigo, creou un discurso global, un relato propio e potente
Como di Chico Whitaker, referencia obrigada, “en 2001, e a xeito de síntese, barallabamos catro obxectivos para o FSM. Facer escoitar no mundo un berro de esperanza. En segundo lugar, reflexionar-promover unha nova forma de facer a política e de entender a cultura política. Ademais, recoñecer, evaluar, integrar un novo actor político emerxente, a “sociedade civil” autónoma de partidos e goberno. E en cuarto lugar entender que neste momento histórico da humanidade non é dabondo resistir e protestar, senón avanzar na construción de alternativas concretas ao sistema”.
E facendo balance, ninguén pode negar que o movemento de movementos foi quen de focalizar e espir o inimigo, creou un discurso global, un relato propio e potente, orixinou moitas converxencias, redes e alternativas, e posibelmente sentou as bases para as protestas de hoxe e para as construcións de mañá.
Mesmo está por ver que influencia tivo no estoupido da propia crise, por canto cando o sistema comezou a facer auga tíñamos moi claro por onde saía esta e porque saía, de maneira que as diagnoses estaban feitas anos antes e non puideron agachar a desfeita. Si houbo quen foi quen de predicir a crise, e non estaba no FMI ou o BM, estaba no FSM.
Xa que logo, tratar de ver o FSM e o altermundismo en si como un proceso illado constitúe, ao meu ver, un erro monumental. Todas estas rebelións, as europeas, as norteamericanas, as árabes, son novas expresións das mesmas loitas, enmarcadas nunha outra fase do altermundismo –e antiglobalización– no seu sentido máis amplo, sen consello internacional nin eminentes ONG que o gobernen, caracterizada por unha mudanza de escenarios e cun insólito panorama de crise sistémica global. O espírito e a cultura política e activista que facilitou o FSM pertence aos movementos, estean estes en Tahrir, Sol, Wall Street ou Syntagma, e hoxe maniféstase de mil maneiras.
Todas estas rebelións, as europeas, as norteamericanas, as árabes, son novas expresións das mesmas loitas, enmarcadas nunha outra fase do altermundismo
E por que en Tunisia? A celebración dun FSM no Magreb-Mashreq comezou a se xestar no evento de Dakar en 2011, que coincidiu no tempo coa efervescencia das primaveras árabes e en concreto coa caída de Mubarak. Era unha aposta por levar este proceso de facilitación da rebeldía a onde, probabelmente, máis sentido pode ter, se cadra tratando de provocar, malia que poida resultar ilusorio, a mesma evolución emancipatoria que o FSM axudou a crear no seu berce latinoamericano. Ogalla!