Unha das frases máis coñecidas da cultura pop americana fai referencia ao uso do poder. “Un gran poder leva unha gran responsabilidade”, díxolle o tío Ben a Peter Parker, pouco antes de ser asasinado. Este mandato moral guía as actuacións dun mozo Spiderman ao longo dos cómics e das películas -desde Tobey Maguire até o actual Tom Holland-. Esta mensaxe, profundamente política, aparece na Biblia (Lucas 12:48) - A todo aquel a quen se lle deu moito, moito se lle demandará- pero tamén durante a Revolución francesa. O Plan de traballo, de seguimento e correspondencia proposto polo Comité de Saúde Pública o ano 1793 durante a Convención Nacional francesa afirma que os representantes “teñen que contemplar que unha gran responsabilidade é o inseparable resultado dun gran poder”.
A dominación electoral de Felipe González en España foi tan asfixiante que converteu ao PSOE nun gran partido de Estado, con intereses compartidos a miúdo co poder económico
O estudo, o límite e a observación do exercicio do poder preocupa aos e as politólogas e a outros científicos sociais, especialmente en tempos de polarización como o actual. Os anos 80 e 90 produciron sistemas políticos onde grandes forzas hexemónicas dominaban o panorama político sen necesidade de grandes cesións, só con pequenas alianzas preelectorais ou postelectorais. A dominación electoral de Felipe González en España foi tan asfixiante que converteu ao PSOE nun gran partido de Estado, con intereses compartidos a miúdo co poder económico: desde a banca, pasando polas construtoras ou as eléctricas. Aquela etapa de dominio, como tamén pasou en Cataluña co pujolismo converxente, traduciuse en corrupción e malas prácticas. Un gran poder comportou un gran roubo para o cidadán.
Por esta razón, defendo que os gobernos de coalición e a fragmentación do poder -cun claro control parlamentario e cidadán- contribúen ao bo goberno; transparente e centrado no interese xeral. E é por iso que a coalición parlamentaria que apoia ao goberno central, co concurso de Unidas Podemos e o apoio externo de Esquerra Republicana e Bildu, é unha oportunidade para cambiar dinámicas a nivel de Estado. Esta posibilidade, pero, conta cunha clara resistencia por parte do Partido Socialista, que actúa como freo conservador cando se trata de abrir a lata das cuestións sociais máis importantes, por exemplo o límite aos prezos da vivenda ou a reforma laboral.
As forzas políticas afeitas a ocupar as institucións teñen a miúdo actitudes paternalistas e agresivas contra os seus socios parlamentarios e de goberno
As forzas políticas afeitas a ocupar as institucións teñen a miúdo actitudes paternalistas e agresivas contra os seus socios parlamentarios e de goberno. Só así se entende a degradación de rango que sufrirá a vicepresidencia de Unidas Podemos -pasará de segunda a terceira-. A Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, manterá a súa carteira pero pagará o prezo da degradación vicepresidencial. A actitude bully do PSOE contravén a lóxica básica de calquera pacto de coalición; pero isto a Sánchez e a Iván Redondo non lles importa demasiado: quixeron aproveitar a saída do goberno de Iglesias para gañar espazo político.
Este xeito de ostentar o poder tamén o reproduce o Partido Popular en Galicia. No seu caso non necesitou nunca de pactos para chegar á Presidencia da Xunta, pero transmite a mesma mensaxe a competidores de todo tipo. Por unha banda, Feijóo aprazou a posibilidade de reunirse coa líder da oposición (Ana Pontón, do BNG) para avaliar conxuntamente o avance da crise da COVID. Ademais, en redes o PP galego aproveitou a crise de goberno en Madrid e Murcia para lembrar que en Galicia non necesitan a Cs ou a VOX para facer goberno.
Cataluña non é allea a esta patrimonialización do poder. É tristemente coñecida a frase de Marta Ferrusola, cando Pasqual Maragall chegou á Presidencia da Generalitat. Coma se nos entraran a roubar en casa.
Cataluña non é allea a esta patrimonialización do poder. É tristemente coñecida a frase de Marta Ferrusola, cando Pasqual Maragall chegou á Presidencia da Generalitat. Coma se nos entraran a roubar en casa. Así se sentía a nai superiora da familia Pujol. O que pasa é que no espazo posconverxente esta actitude, en maior ou menor medida, foise reproducindo en diferentes etapas. A insistencia para configurar unha lista conxunta con Esquerra Republicana a case todas as eleccións -ante o medo a perder a hexemonía no espazo independentista- é un síntoma deste fenómeno. Na actualidade, Junts per Catalunya parece non dixerir o resultado electoral se temos en conta as trabas á negociación dun goberno favorable á autodeterminación e a amnistía. En cambio, a CUP e Esquerra Republicana si fixeron os deberes cun preacordo que inclúe o aumento do orzamento de saúde, a definición dun novo modelo de seguridade pública, a supresión dos proxectís de foam ou o impulso dunha nova axenda lexislativa en materia de vivenda.
Son tempos de táctica e de mirada curta, como ben saben Díaz Ayuso e Iglesias en Madrid
A acción política e a presenza nas institucións comportan unha gran responsabilidade. Especialmente con aquelas e aqueles que máis sofren. Que o PSOE bloquee a posibilidade de limitar os prezos do aluguer é unha vergoña. Que Junts sexa incapaz de negociar de boa fe unha coalición de goberno despois dos resultados do 14F é certamente preocupante. Queda lonxe a moralidade e a estratexia a medio prazo. Son tempos de táctica e de mirada curta, como ben saben Díaz Ayuso e Iglesias en Madrid.