Co final do verán chega o remate do que parece ter sido o culebrón xornalístico desta tempada. Nas redes sociais reprodúcense os debates, pouco ricos de argumentación as máis das veces, sobre o presunto delito de violación acontecido en Málaga e que a prensa, nun exercicio de noxento amarelismo, relata agora con ánimo de cupabilizar á rapaza de poñer unha denuncia falsa. Obviando o caso concreto e sen ningún ánimo de xulgar o que aconteceu naquel lugar e naquela data, cabe aínda facer unha reflexión máis profunda sobre a actuación da Administración de Xustiza, e sobre todo, dos medios de comunicación.
A prensa, nun exercicio de noxento amarelismo, relata agora con ánimo de cupabilizar á rapaza de poñer unha denuncia falsa
Moral Panic. Tal foi o termo que en 1972 Stanley Cohen empregou para delimitar o efecto que os medios de comunicación causan nunha sociedade cando acontece algún episodio violento de certa transcendencia. Estes efectos adoitan ser maiores cando os acontecementos están relacionados coa seguridade dalgún sector da poboación ou coa da sociedade no seu conxunto, e tenden a estigmatizar e estereotipar a vítimas e causantes de males que atentan contra os intereses comúns ou a integridade das persoas. Tamén son obxecto de pánico moral aqueles crimes relacionados coa sexualidade, precisamente pola súa enorme carga emotiva e moral. Acotío, adoitan ser períodos curtos de gran tensión social (o pederasta de Ciudad Lineal, por exemplo), procuran demonizar a un grupo de persoas e acompáñanse de imaxes e estudos de caso, ou a relación con casos semellantes, polo xeral claramente tendenciosos e sen ningunha representatividade. Os medios de comunicación actúan dirixindo a percepción da poboación, delimitando que casos merecen que nos escandalicemos e cales non, e construíndo unha potencial ameaza aínda cando non exista realidade estatística que avale esta percepción.
Os medios de comunicación actúan dirixindo a percepción da poboación, delimitando que casos merecen que nos escandalicemos e cales non
No caso do Estado Español, o Índice Delictivo sitúa a España entre os vagóns de cola da criminalidade no marco da UE, sendo o seu índice 15 puntos máis baixo que a media Europea, o mesmo poderiamos dicir da proporción de axentes de policía no Estado Español, a terceira máis alta de toda Europa despois de Montenegro e Chipre. Sen embargo, o Estado Español ten construído un dos Códigos Penais máis ríxidos e duros de toda Europa, en parte polo gran número de crimes relacionados coa loita armada, pero tamén pola acción do pánico moral.
Baixo a lóxica do moral panic agóchase o sustrato da lexitimación das estruturas patriarcais da nosa sociedade, comezando primeiramente polo Estado
En todo caso, baixo a lóxica do moral panic agóchase o sustrato da lexitimación das estruturas patriarcais da nosa sociedade, comezando primeiramente polo Estado. A súa labor está orientada en dúas direccións, a primeira destas:
- Xustificar a existencia de órganos de control social, e a presenza de corpos e forzas de seguridade que manteñan o status quo. Nun claro retorno á concepción do Estado coma un Leviatán como única garantía de que a sociedade non se converta nunha guerra constante de tod*s contra tod*s, e as persoas podan vivir en paz sen ter que destinar esforzos a súa propia defensa. Neste sentido a Lei Contra a Violencia de Xénero revélase como a gran innovación en materia de lexitimación do establishment punitivo ao categorizar ás mulleres como receptoras dunha especial protección por parte dun Estado que debe ter acceso a todos os recunchos da vida dos individuos coa fin de defendelos de si mesmos.
Hipersensibilizar a poboación en determinados temas impide construír a imparcialidade necesario para que as sociedades xestionen por si mesmas o castigo da desviación social
- Imposibilitar o exercicio de xustiza desde posicións horizontais, non enmarcadas no ámbito estatal. Hipersensibilizar a poboación en determinados temas impide construír a imparcialidade necesario para que as sociedades xestionen por si mesmas o castigo da desviación social. Desta forma a acción dunha estrutura patriarcal tórnase precisa para evitar que o exercicio de xustiza se converta en simple vinganza. A este caso responde, por exemplo, a petición da pena de morte. A irrupción dunha estrutura formalmente instituída é desexábel para evitar o “ollo por ollo”.
O poder estabelecido sabe sacar moi bo proveito destes momentos de alarma social, sacando a relucir en determinados momentos un interesado populismo punitivo, fundamentado na percepción dunha ameaza irreal en termos de representatividade estatística, pero moi real en canto ao que a percepción social se refire. Son precisamente os crimes sexuais os que máis suxeitos están a esta percepción, debido á cultura xudeo-cristiá da que procedemos, que fai do sexo non destinado á reprodución un tabú moralmente desprezábel.
O poder estabelecido sabe sacar moi bo proveito destes momentos de alarma social, sacando a relucir en determinados momentos un interesado populismo punitivo
En conclusión podemos dicir que todo isto reforza as estruturas patriarcais máis asentadas da nosa sociedade, aquelas que están constituídas sobre a desigualdade no exercicio de poder.
Folga dicir que o presente artigo non pretende servir de base a unha xustificación da violencia sexual, senón que procura unha reflexión colectiva sobre a necesidade de plantexarmos un concepto de xustiza realmente emancipatoria e non dependente de estruturas de control.