Un mundo en equilibrio

Como viñamos dicindo, hoxe a realidade estase a desenvolver deica unha progresiva polarización social, ao tempo que afonda na  fragmentación e no debilitamento da dimensión subxectiva como consecuencia do absoluto dominio da razón instrumental  sobre as demais dimensións da vida, e do control que sobre esta esfera racional exercen os poderes económicos. Por conseguinte, o seu imperio e case que absoluto sobre toda a realidade, aínda que moitas destas dimensións non se rexan pola lóxica do funcional, o que produce importantes disfuncións. Este poder colonizador cómpre enraizalo na eficacia que o coñecemento funcional acadou nos campos tecno-económico e administrativo, permitíndolle transcender o seu propio eido para dominar tamén, como xa dixemos, outras esferas da vida que non lle son acaídas.

Este fenómeno de tiranía do funcional sobre o mundo das necesidades humanas está a producir, en cada vez máis individuos, grandes doses de inconformismo, desacougo e incluso impotencia; en definitiva, un amplo malestar ante o progresivo poder e  autonomía que está a acadar o eido do instrumental xa que dificulta respostas integradoras ao abano de problemas que se nos presentan acotío nas diferentes dimensións da realidade. En consecuencia, limita a realidade e afonda no reducionismo da vida, onde se concretan as verdadeiras necesidades humanas e se constrúen os valores e o sentido.

Se a fragmentación do coñecemento e da continuada tiranía da dimensión instrumental sobre a totalidade da realidade son problemas dabondo para o mundo de hoxe, cómpre engadir o progresivo monopolio que no seu beneficio está a exercer o poder económico sobre este tipo de coñecemento funcional. Este monopolio vén causado, ao noso entender, por un continuado deterioro do control democrático que ata o de agora viñan exercendo as sociedades occidentais ao traveso das institucións políticas. Este déficit democrático que pon de manifesto o debilitamento dos  actores sociais e políticos ante o gran poder económico e financeiro está a desartellar, con graves consecuencias para amplos sectores sociais, a dimensión política da dimensión social, xa que a maioría dos actores políticos de hoxe están secuestrados polo gran poder económico, o que abre a posibilidade dunha desintegración definitiva do actual sistema democrático que neste intre está ao servizo dos intereses do gran capital.

Ante a envergadura e gravidade da situación, coidamos que cómpre dar unha resposta radicalmente democrática e cohesionadora que atinxa á maioría social e vaia máis alá da lexítima defensa dos intereses particulares ou de clase, que nos permita rachar coa progresiva desigualdade e fragmentación na que se está a converter a realidade de hoxe. Así, Habermas inclínase polo diálogo integrador entre as distintas realidades mediante a creación de institucións intermedias con capacidade de vertebrar a realidade, para que o mundo da vida, onde acontece o encontro interpersoal e se xestan os valores e o sentido, domine sobre a lóxica sistémica que impera na actualidade. Pero, ademais, ante a falta que hoxe temos de referentes externos que motiven e cohesionen aos individuos na loita polos seus lexítimos dereitos, pensamos que necesitamos, como vimos reiterando, envorcar a mirada sobre nós mesmos, única realidade substancial existente fóra dos mercados e dos distintos integrismos que ameazan os nosos dereitos fundamentais, para encontrar neste si mesmo o fundamento e a motivación desta loita; non en función de ideas abstractas, senón da concreción de ser home, muller ou homosexual; galego ou catalán; mozo ou da terceira idade, etc. Todas estas categorías unidas baixo a defensa incuestionable dos dereitos humanos.

Este principio é o único capaz de posibilitar hoxe unha unidade de acción, xa que transcende os intereses das distintas escalas sociais, ao tempo que integra a diversidade do ser na loita pola defensa dos devanditos dereitos. Todos unidos baixo unha mesma necesidade: a de ser dende a nosa singularidade. A partir deste suxeito portador dunha dignidade inviolable teremos que unir vontades que loiten pola radicalidade democrática, afondando e estendendo o seu exercicio para ancorar nas institucións os intereses da gran maioría da poboación, na que a igualdade e a liberdade sexan realmente valores centrais; e as institucións políticas, a expresión dun novo suxeito con vontade de ser que integra en si mesmo os dereitos fundamentais, a diversidade cultural e o pensamento racional.

Este novo proxecto permitiranos rachar coa polarización e integrar as distintas dimensións da realidade nun único mundo, asumindo a cidadanía o absoluto control democrático desta nova realidade para pola ao servizo do desenvolvemento do ser humano, do seu crecemento integral. Coidamos que por este camiño encontraremos o equilibrio entre a esfera da vida e a esfera do funcional.

Esta nova conciencia transcende os intereses materiais para situarse no propio ser do individuo, substanciado na concreción da súa singularidade e na universalidade dos seus dereitos. Aparece así a galeguidade como un atributo esencial do noso ser, anterior a calquera idea política ou relixiosa e que contribúe a individualizarnos ao tempo que nos universaliza  como creadores dun anaco do ser da humanidade, que non é algo abstracto, senón que se concreta na diversidade de culturas que lle dá forma ao devandito ser. Ante o ermo ideolóxico que nos arrodea, volver sobre nós mesmos supón, polo tanto, non só encontrarnos coa nosa condición humana con todas as súas potencialidades; senón tamén co que máis nos particulariza e nos motiva, porque emerxe da nosa dimensión espiritual. Estou a falar do noso sentimento de galeguidade que se encontra máis alá das nosas ideas e crenzas e que foi abrollando a partir da nosa relación coa comunidade galega, coas distintas formas culturais que dela emanan e lle deron concreción a este sentimento e tamén da relación coa terra, particularizada na paisaxe, que foi capaz de transferirnos en simbiose co noso espírito, a emoción maternal, que afondou aínda máis na nosa humanidade e na nosa singularidade.

En base a este contexto e tendo como principios os dereitos fundamentais, o pensamento racional e a defensa da diversidade cultural, debemos construír un proxecto con vocación transformadora e emancipadora; con decidida vontade de institucionalizar unha nova sociedade na que impere a radicalidade democrática como método para potenciar a igualdade e a autonomía individual e colectiva que garanta aos individuos e ás comunidades a liberdade para construír o sentido da súa propia existencia en base a valores nacidos da relación intersubxetiva e polo tanto compartidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.