Un país corrompido ou corrupto?

Unha vez máis, Galicia, ese vello país á deriva, eternamente resignado, eternamente laiando, pronunciouse. Aló van as eleccións. Aló vai a vaporosa esperanza… Unha vez máis, vitoria asoballante do PP. Non caben disimulos. Moitas galegas e galegos sentimos impotencia. Gobernar dende a arrogancia, sen unha mínima concesión á ética e á xustiza social, é posible. Imposible! Que teremos que padecer, aínda, para que a cidadanía decida deixar de confiar nun partido político que goberna a favor dunha minoría social privilexiada a costa de someter, cando non humillar, a unha maioría social hipnotizada, narcotizada, desnortada…? Como é isto posible? De onde sae a maioría absoluta? As palabras de Castelao recobran unha vixencia cruel: “Mexan por nós e din que chove”. Como é posible?

Vexamos:

Penso que ninguén poderá dicir que minto se afirmo que o PP é un niño de corrupción, no que aniñan as gaivotas,  e outras aves…. E todos sabemos que nisto da corrupción só “ve a luz” unha porcentaxe, que non sei cal pode ser; pero que, seguramente, non irá moito máis aló do 50%.

Dende o escuro caso Naseiro ata o incrible caso Rita Barberá, foron pasando polo escenario da indecencia e do cinismo un mangado de casos vergoñentos. Algúns pagaron simbólicas condenas. Outros… Bárcenas, Rato, Blesa, Mata,  Camps, Fabra… son algúns protagonistas principais dunha película de terror que todos e todas coñecemos ben. Estes son os actores e as actrices estrela; detrás veñen tantos e tantas personaxes de reparto e figurantes de cuxo nome non consigo, nin quero, acordarme. E, logo, están os que “son” , pero non “están”… Xa me entenden.

Apropiarse do alleo (queda máis fino) a mans cheas, ben para o partido, ben para beneficio persoal e familiar, ben para as dúas causas, está duramente castigado polo cristianismo (esa relixión na que case todos eles e elas se acollen) e polas máis elementais normas da  ética e da xustiza humana. Mais, como é sabido, a maioría das e dos pecadores, ben por “defectos de forma”, ben porque se escorren polos aliviadoiros  dos sumidoiros da xustiza cómplice, non pagan máis pena ca un certo “desaxuste emocional”; o que produce a privación momentánea de privilexios, e algunha que outra “dor de cabeza”. De que serve que algunhas fabas contadas durman algúns meses, ou algún ano, no cárcere? Iso non repara nada. A única forma de redimir delito tal é devolvéndolle á facenda pública o dobre do que levaron; ou, como mínimo, outro tanto como pillaron.

Pero… das cantidades reais, eh. Claro!  Ai, xa… Como as leis están feitas polos que gobernan e ao servizo dos que gobernan… tíralle do aire! Uns exempliños: a lei da financiamento dos partidos políticos, a lei que atinxe aos aforamentos,  as leis que lles afectan á existencia dos paraísos fiscais, a lei de concesión de indultos (que vergoña!), a lei das incompatibilidades… Aí lle doe! Quen fai a lei…

Deixemos a corrupción, que fede que apesta. O PP é o responsable da última Reforma Laboral, non si? Debe selo. Unha reforma que xera unhas condicións de traballo indignas e humillantes, cando non fame e miseria; e afonda na desigualdade social ata límites impensables no século no  que nos tocou vivir. E isto vai consonte cun modelo de sociedade absolutamente inhumana, na que a persoa se volve escrava do sistema. Unha reforma que enterra algúns dos dereitos laborais e sociais básicos acadados ao longo de séculos. Unha reforma que expulsa talento, talento que outros países aproveitan.

Máis… quen deseñou e impuxo a LOMCE? Seica foi o PP, non? Haberá lei máis inxusta, absurda e inútil? Ten algo que ver esta lei coa calidade do ensino? Canto cinismo! E veña e dálle ao Informe PISA como pretexto! Xa me pisa o callo o Informe PISA! Comparar resultados sen valorar o proceso é xusto? Pois iso é o que fai o Informe PISA. Que se saiba dunha vez! Unha auténtica estafa! Unha vez máis, a LOMCE deseñouse para recuperar os privilexios perdidos e para contribuír a restaurar un modelo de sociedade ao servizo das clases privilexiadas. Non mintan, señoras e señores do PP. Unha educación que non contribúa a compensar os desequilibrios sociais é unha educación mal educada. Iso é a LOMCE. E ben o saben.

E… como anda de saúde a sanidade do PP? Creo que bastante ben. A da privada, claro; a da pública, infartada! Quen manda na sanidade pública? Non sei,  non sei… non serán os donos da sanidade privada? Onde se fan as operacións e os tratamentos máis custosos? A onde levan os casos que deixan cartos? Seica van externalizar ata as consultas externas… Non sigo…

Imos dar unha volta polo sector primario… Os labregos en loita. Os poucos que quedan din estar a piques de quebrar. Os mariñeiros en loita… Haberá cousa máis irracional que tirar o peixe ao mar? Que pasa cos mares? A minaría en loita… A quen votan os labregos e labregas, os mariñeiros e as mulleres do mar, os mineiros e as súas familias? De onde sae esta maioría absoluta asoballante? Esquizofrénico!                

Quixera recortar e podar este texto. Porque vou canso. E para non cansar. Pero non podo. Para recortes xa está o PP. Haberá lei máis inxusta e inhumana que aquela que non atende ás necesidades básicas das persoas máis desfavorecidas da sociedade? Sempre enchendo a boca na defensa da constitución para o que lles interesa e veña a aprobar leis inconstitucionais. Non fala a constitución do dereito ao pan, á vivenda, á educación, á sanidade, á atención das discapacidades, do tipo que sexan? Non, isto non está na constitución… Por que meten a tesoira aquí? No que sería o último lugar, por non dicir un lugar intocable? Non recortan en privilexios, eses si que son intocables, carballo! Cago no váter!

Voume desdicir. A úlcera duodenal vai chegando a límites insoportables. Deixo no tinteiro falar das leis e das normativas salvabancos e caixas, das leis dos desafiuzamentos, das leis que lle afectan á Xustiza e ao Poder Xudicial, das leis que protexen o medio ambiente e a saúde pública, da cultura, da ordenación do territorio... Da rede legal que o PP foi tecendo ao longo destes últimos anos con toda a lexitimidade democrática. Unha rede legal que lle garantiu as últimas maiorías absolutas ao PP do señor Feijoo. Ben sei que o señor Feijoo non ten responsabilidade directa en moitas desas leis. Ben sei que neste mundo global no que vivimos moitas leis cócense máis aló dos ámbitos nacionais. Ben o sei. Pero, como mínimo, o PP galego é culpable de ser cómplice e executor de toda esa rede legal.  E deixo tanto no tinteiro…

E tamén sei que desa asoballante maioría absoluta do domingo non hai que responsabilizar unicamente ao PP. O PSOE, galego e español, deixou hai anos de ser un partido socialista obreiro e agora dedícase a investigar o sexo dos anxos; a esquerda máis progresista e nacionalista vai de experimento en experimento… E non dá atopado a fórmula. Co único obxectivo de sumar forzas, sumamos sensibilidades de dubidosa conxunción e botamos a andar proxectos inmaduros, sempre baleiros de contidos e de enraizamento. Agora demos cun líder ilusionante, quizais; pero falta deseñar e desenvolver unha personalidade política propia, coherente e convincente. Parece que as présas non levan a ningures. Ou que comezar a casa polo tellado non dá resultado.

Aínda así, a pesares da doenza crónica que padecen a esquerda auténtica e o nacionalismo, un non pode entender como un pobo, supostamente máis culto e con máis capacidade crítica ca en ningún outro momento da súa historia, un pobo maltratado, pode entregarlle o seu presente e o seu futuro á vontade dun partido político no que campa a corrupción. Un partido político que carece do máis elemental sentido da xustiza e do equilibrio social e que só persegue a perpetuación,  cando non o incremento, dos privilexios dunha minoría social. A ese partido vótalle a maioría deste país. Un país no que se confunde moi a miúdo o “amigo dos seus amigos” co amiguismo. Quizais esta sexa a razón última. Un país que se acomodou a comer as faragullas que lle sobran a esa minoría privilexiada. Un país que fai seu  un partido baleiro de cultura ética. Daquela, será certo o dito de que “temos o que merecemos”. Por iso, facendo uso dunha sinécdoque, figura que identifica o todo coa parte, digo e penso que vivo nun país enfermo, nun país corrompido. Porque un país que lexitima tanta corrupción e tanta inxustiza é un país corrupto. Só un pobo que participa da corrupción, nos seus diferentes graos, pode avalar un partido tan saturado de lixo.  E ben que me doe dicilo. Mais… queda dito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.