Tarde en Vigo. Dou un paseo cun amigo. O verán e as vacacións lle permiten a un estas licencias, tan difíciles no inverno. Sentámonos na Praza da Constitución. O sol é maino, o día está claro e despexado, libre das néboas que ás veces embazan a luz na costa galega. Todo está en orde e poñémonos á sombra, entre os arcos, contemplando o relativo balbordo dos pícaros xogando, correndo de aquí para alí como felices funámbulos e tamén as súas familias, e à xente que pasa. Unha das miñas vocacións máis profundas é a de flâneur, esa palabra que está xa para sempre asociada a un dos meus ídolos verdadeiros, Walter Benjamin.
O meu interlocutor é Xosé Carlos Morell. Un tipo curioso. Morell é o autor dun libro sobre Xaime Illa Couto, que aínda non veu a luz pero que esperemos que o faga a non tardar. A Xosé Carlos coñecino hai xa máis de vinte anos, formaba parte dun grupo de rapaces reunidos baixo o maxisterio de Xaime Illa. Saefes era o label que os agrupaba. Eran Alberte Meixide, Iolanda Galanes, Xavier Martinez Cobas, entre outros. Eran nacionalistas atípicos, de clase media alta para o estándar usual e católicos. O seu fogar natural, se Galicia fose outro sitio, sería algo do tipo do PNV ou Convergència, moderación centrista e galeguismo pétreo. Algúns deles fixeran, de feito, os seus pinitos nas Mocedades Nacionalistas, as xuventudes de Coalición Galega, pero cando eu os coñecín facían campaña por Unidade Galega, a marca coa que se presentou en coalición Esquerda Galega xusto antes de quedar noqueada polos electores.
O libro de Morell sobre Illa Couto contén unha especie de teoría do nacionalismo galego. Non estou seguro de que a voz que resoe con máis forza sexa a de Xaime Illa ou, máis ben, á do propio autor. Sexa como fora, o autor fai unha crítica das cosmovisións liberais e socialistas, do seu estatismo, e unha defensa do comunitarismo que o autor ve como afín aos presupostos filosóficos do nacionalismo.
O matiz cristián, na liña de Emmanuel Mounier, axuda a completar o cadro. Aínda que hai elementos que proceden da tradición galeguista -o papel da parroquia, etcétera- o que Morell formula realmente é unha teoría política que tal vez non resultaría tan estraña no ámbito do PNV, pero que na Galicia contemporánea é excéntrica. Pero beizóns para os excéntricos: tal vez o que máis me impresionou na miña adolescencia da lectura do libro de Stuart Mill Sobre a Liberdade foi, precisamente, o seu cántico aos que se saen da liña. Eles son a sal da terra.
Na conversa, como é regra nestes días, Morell saca a colación o fenómeno de moda, as Mareas e o que pode pasar nas Xerais. Pídeme unha opinión. Cóntolle as miñas cábalas. Xa que mo piden fago o papel de gurú: como mo dixo onte mesmo Xosé Manuel Pereiro xa teño a calva, só me falta o manto. Nas Xerais Galicia elixe 23 deputados no Parlamento español. Agora, se non me equivoco, son 2 do BNG, 6 do PSOE e 15 do PP. Como vivimos ás portas dun xiro hai que supoñer que esa relación podería cambiar e que, de feito vai cambiar.
Como? Tal vez o PP perda 4 ou 5, o PSOE gañe algún e Podemos, as Mareas e o BNG&co se repartan os restos. Supoño que o PP andará polo 40% do voto, o PSOE non baixará do 20% e que os outros tres comparecentes poden andar en torno a, digamos, o 12%, o 11% e o 10%, por dicir algo. Se van todos divididos a xente e a Lei electoral farán o seu traballo. A división será un grande regalo para os dous grandes, unha contribución á estabilidade de España, pero quen consiga fraguar unha coalición de éxito non só obterá máis deputados: tamén estará poñendo a directa cara o goberno galego dentro dun ano.
O que lle conto a Morell non é, naturalmente, nada científico. Só un supoñer. Divagacións, imaxinacións dun flâneur político. E nese supoñer estipulo que se houbera unha candidatura unitaria bonita podería quedar por riba do PSOE e, por tanto, gañar non só os votos senón as proporcións que o señor D´Hondt deixou establecidas. Tal vez estariamos falando dos oito deputados. E, repitámolo, o horizonte de ser o eixo dun goberno alternativo na Galicia post-feijóo.
Agora ben, de haber tres candidaturas aparte das do PP e PSOE, cal quedaría primeira, despois da dos dous partidos maioritarios? Podemos? as Mareas? É un misterio, aínda que Podemos parece telo claro pola forma en que se comporta. Pero todo depende do envoltorio. Se o produto se envolve ben, tal vez o elector, ese animal tan sufrido, se anime a compralo. É claro que a marca Podemos loce, pero tamén as Mareas poden vestir ben o santo. Menos o BNG, que queimou hai tempo as súas naves e tal vez aínda non é consciente. Pero só é unha opinión, naturalmente.
Morell, polo seu lado, opina que ANOVA e Podemos pactarán. O seu argumento é sinxelo “son profesionais e non teñen as manías do Bloque”. Despois de pensalo infiro que ten razón, ou que podería tela. Podemos e ANOVA, Podemos e as Mareas teñen algo que gañar de ir xuntos. No entanto, nin en pintura quererán ver ao BNG, que xulgan un fardo pesado que a nada axuda. Iso fai felices a todos, dado que o propio Bloque tampouco quere estar en compañía. Ou polo menos así o expresa algún dos seus ideólogos. Tarde de verán en Vigo, divagacións, imaxinacións, os pícaros que xogan...