Un paseo cultural

Visitar Barcelona é sempre unha mantenza cultural e social. Se a visita coincide co Sant Jordi, o entusiasmo é contaxioso. A Praza de Cataluña, ramblas e carrés enchidas de casetas con libros, e unha multitude con cadansúa rosa vermella e ollada curiosa, pescudando un exemplar dese obxecto de pracer, que non se adquire nun sexshop, senón nunha libraría. Ver tanta xente nova facendo longas quendas para conseguir unha sinatura da ou do novelista ou poeta da súa preferencia ou espazos na rúa onde se le, se recita ou se fala de literatura indica que o lecer non acaba.

Apenas podemos circular entre tantas rosas e tantos libros nos que se abre paso a alegría dun pobo que le e fala na súa lingua con normalidade e responde noutras dun xeito afable e xentil.

Xa quixeran en Cataluña ter unha lingua universal como a nosa! Aquí só valoramos “o noso”, enxebre, íntimo. Lingua para o sentimento. As autoridades, xordas ás críticas, determinaron festivo O Día das Letras Galegas, para que a cidadanía folgue nas praias e aldeas, en lugar de mergullarse en libros e compralos, descubrir historias, metáforas e un sen fin de florecementos creativos, con camelias, mimosas e outros galanos afectivos. Afastan á cidadanía dos libros e do  recoñecemento do valor da propia cultura. 

De cultura sigo falando. Entre as exposicións que puiden ver destaco unha do Macba, A herencia inmaterial. Ensaiando desde a colección, nome do título do libro de Giovanni Levi, que percorre a arte dos 70 a comezos dos 90, enxergando a microhistoria. Magnífica mostra dunha humanidade simbólica. 

En fotografía cómpre destacar a denominada A tentación de existir con imaxes do magnífico sueco CHR, Christer Strömholm (1918-2002), vagabundo con cámara en Francia, España, Xapón e EEUU, e director da escola de fotografía Fotoskolan en Estocolmo do 62 ao 74. As fotos que formaban a exposición pertencían á súa serie As amigas da Place Blanche preto de Pigalle, en Paris do 1959 ao 1968, anos que convive cos “paxaros da noite”, os  trans, sexo inquietante, prostitución, vidas transgresoras, imaxes en branco e negro.

Na mesma exposición ofrece fotos desapiadadas,  Anders Petersen ( Estocolmo 1944), outro sueco que retrata a xente, prostituída, vagabunda, que fai dun local de Hamburgo, Café Lehmitz, o fogar provisional, onde, entre a sordidez, o sexo, o alcohol, a violencia, agroma a amizade e o amor enchido de patetismo.

Máis delicadas e discretas son as fotos da fermosa actriz Jessica Lange, que segundo di só pretenden facer visible o movemento da nada. Case nada. Destacan as fotos infantís e as do seu paseo por México.

Non debo esquecer unha exposición de arquitectura vangardista, un deseño liso, claro, limpo, para unha existencia diáfana, obxectos nítidos e útiles e un water como un trono cubista chamado Lagares, nome do río que rega parroquias de Vigo e vai morrer á praia de Samil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.