Un pequeno gran libro sobre o horror cotián das rendas condicionadas para pobres

© Anagrama

Poucas veces un libro removérame tanto por dentro. Supoño que cando un viviu de certa maneira o que o relato mostra, o natural é que o hipocampo comece a funcionar e conforme avanzamos na lectura, escarbemos nas nosas lembranzas máis dolorosas. 

Silencio administrativo. La pobreza en el laberinto burocrático (Anagrama) é o libro máis recente de Sara Mesa (Madrid, 1976). É unha das autoras de narrativa que con máis forza irrompeu no panorama literario, e os seus títulos Cicatriz (2015) e Cara de Pan (2018), ambos editados por Anagrama, foron éxitos de crítica e vendas. 

Na nota inicial desta obra, a autora fai un repaso moi rápido sobre os datos de pobreza no Reino de España. Á súa vez, dá nome a este drama social introducíndonos no termo aporofobia, acuñado por Adela Cortina fai xa dezanove anos. Foi unha sorpresa moi grata para min descubrir que Sara Mesa é defensora da Renda Básica, xa que nesta nota inicial fai referencia a esta idea e a algúns dos autores máis relevantes sobre este tema, como Daniel Raventós, Philippe van Parijs ou Guy Standing. 

Neste libro atoparemos a historia de Carmen, unha muller sen fogar e enferma que malvive mendigando nas rúas de Sevilla. Beatriz, unha muller que no seu camiño ao traballo pasa todos os días diante de Carmen, un día repara nela. 

Como pode ser que esta muller estea a pasar todo tipo de calamidades, se existen uns servizos sociais que velan polas persoas sen recursos? A partir dese momento, Beatriz tenta axudar a Carmen a acceder á Renda Mínima de Inserción Social da Junta de Andalucía, unha axuda para persoas con baixos recursos que oscila entre os 420 e os 780 ao mes, en función dos membros que compoñan a unidade familiar. 

Carmen, debido ás súas experiencias anteriores cos servizos sociais, mostra a súa incredulidade ante a posibilidade de que a Administración lle vaia a sacar da súa situación. En cambio, Beatriz amósase esperanzada xa que o goberno andaluz fixo gala de que esta “renda para pobres” chegará a 42.000 familias andaluzas. Durante o relato iremos vendo como se van chocando unha e outra vez coas paredes do labirinto burocrático. 

A medida que se van atopando cos obstáculos para acceder a esta renda condicionada, a autora expón que a excesiva burocratización e os requisitos absurdos para acceder a este subsidio levan a que as súas potenciais perceptoras non se atopen en risco de exclusión, senón que se atopen excluídas desde un primeiro momento ao non cumprir os requisitos. 

Mesa fai fincapé nos “namentres”, os longos períodos que suceden desde o primeiro contacto con servizos sociais ata que finalmente recibes (se é que a recibes) a axuda. Eu vivín nas miñas propias carnes os “namentres”, e non me entra na cabeza que a unha persoa nun despacho da administración de turno parézalle que alguén poida estar sen ningún tipo de sustento económico durante seis ou sete meses. E como isto, moitos exemplos que nos atoparemos neste libro. 

Por exemplo, un requisito para cobrar calquera axuda deste estilo é o empadroamento no municipio. Cando es unha persoa sen fogar e enferma, acceder ao padrón pode non ser posible. Se non estás no padrón, non existes para a Administración, e por tanto, non tes dereito a nada. Como expresa a autora, para solicitar a axuda hai que ser pobre, pero non tanto. 

Este é só un exemplo do que nos podemos atopar neste marabilloso relato, cheo de realidade que ás veces nos golpea na cara para facernos ver que estamos a vivir nun sistema que non garante unha existencia digna. 

A través de libros como este, fáciles de ler e cunha carga emocional significativa, quen defenda un sistema de protección social diferente, no que a Renda Básica Incondicional proporcione unha rede de seguridade que millóns de persoas neste país perderon, poderemos chegar ao público xeral. 

A pobreza está invisibilizada, e temos que facer que salga ao debate público. Que a xente do común poida ver cos seus ollos o resultado do fracaso dun Estado do benestar mermado e desigual no que o único que crece é a aporofobia. Segundo indica a autora, esquecemos que a orixe da pobreza é a desigualdade. Nos compadecemos ao ver os síntomas da enfermidade, pero preferimos ignorar o diagnóstico. 

Sen ningunha dúbida, Sara Mesa soubo identificar e plasmar nun libro a tolemia do labirinto burocrático, relatando con claridade, sinxeleza e sinceridade como as rendas condicionadas teñen demostrado sobradamente a súa ineficacia na loita contra a pobreza. Silencio Administrativo é un pequeno gran libro sobre o horror cotián das rendas condicionadas para pobres.

Fonte: http://www.sinpermiso.info/textos/un-pequeno-gran-libro-sobre-el-horror-cotidiano-de-las-rentas-condicionadas-para-pobres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.