Un perigoso paradoxo

Parlament de Catalunya © Parlament de Catalunya

Cataluña votou en febreiro a composición do Parlament. Fíxoo despois dunha lexislatura certamente infértil, marcada pola loita contra a pandemia e que acabou sen President. O longo desenlace da anterior lexislatura non axudou a mellorar as relacións entre os dous socios de goberno: Junts per Catalunya e Esquerra Republicana. O resultado das eleccións situou á formación de esquerdas lixeiramente por encima do seu socio liberal, abrindo as portas a unha reedición do pacto de goberno pero esta vez cos roles cambiados: Aragonès ocuparía a presidencia e alguén de Junts asumiría a vicepresidencia. Este pacto, recoñecido como o máis probable a nivel aritmético por parte de todos os analistas, segue negociándose en múltiples reunións das que participan os dirixentes de ambas as forzas.

Cataluña ten até o día 26 de Maio para investir a un novo Presidente. De non facelo, activaríase de novo a conta atrás para a celebración duns novos comicios. Un fracaso do parlamentarismo do que a antipolítica tentaría aproveitarse

O certo é que a abraiante facilidade de Esquerra Republicana para alcanzar un acordo coa CUP -historicamente dura negociadora- fai pensar que é a formación liderada por Puigdemont a que está a acabar de encaixar no seu novo papel no arco parlamentario. O partido dos presidentes botará de menos contar entre as súas filas co inquilino do Palau da Generalitat, pero ao mesmo tempo desexa continuar formando parte do goberno autonómico. O primeiro paradoxo deste artigo, pero non o último. O acordo entre as forzas independentistas de esquerda pon a Junts entre o eixo e a roda: ou apoian un goberno soberanista cun marcado carácter social, ou serán os responsables dunha nova convocatoria electoral. Eleccións cando ninguén quere volver falar de eleccións. 

O primeiro intento de investidura de Aragonès atopou moi verde ao espazo posconverxente, que aproveitou aquel momento político para relegar a Laura Borràs a un papel relevante pero secundario: a Presidencia do Parlament. Mentres, o seu secretario xeral Jordi Sánchez, afirmaba nunha entrevista a La Vanguardia que estaban dispostos a permitir un goberno en solitario de Esquerra. Máis aló das súas palabras, a realidade é túzara. Convergència e as súas posteriores marcas electorais levan dirixindo parcialmente a administración da Generalitat desde decembro de 2010. Case 11 anos que nos tempos que corren é case unha eternidade. Desde entón celebráronse 4 convocatorias electorais de ámbito catalán e ocuparon a Presidencia tres persoas distintas. Por non falar da ruptura con Unió, a creación de marcas electorais ou o xiro ideolóxico cara ao soberanismo. Durante todos eses transos, só había un denominador común: o espazo converxente continuaba no goberno. Non é necesario ser moi intelixente para entender que as palabras de Sànchez son un farol para reforzar a súa postura negociadora. E para gañar tempo.

Junts atópase ante un perigoso paradoxo. Na actualidade, forzar unha convocatoria electoral é certamente arriscado, xa que gran parte do independentismo podería sinalar aos de Puigdemont como os verdadeiros culpables dese fracaso. Despois de chegar a un 52% dos votos e co apoio garantido da CUP, non existe un relato alternativo para xustificar a falta de acordo. Probablemente, o meirande temor de Junts sexa que Aragonès teña a vontade de exercer como President sen tutelas de Waterloo ou de calquera outro actor do panorama político. Así, Junts necesita ofrecer unha imaxe de negociación activa, de posibilidade de acordo e de boa vontade ante unha hipotética investidura exitosa do candidato republicano. E é que, a final de contas, ERC é o único socio co que poden pactar a nivel catalán. 

Doutra banda, Junts tenta fortalecer a súa posición negociadora aprazando a resolución das conversas até o último minuto, onde previsiblemente a intervención e a xenerosidade de Puigdemont serán claves para un goberno de coalición independentista. O relato tuitero xa está escrito: Aragonès deberalle a súa Presidencia á bondade de Waterloo e á xenerosidade do Consell per a República. 

Junts tenta fortalecer a súa posición negociadora aprazando a resolución das conversas até o último minuto. Esta estratexia de dilación é comprensible en termos negociadores pero é tremendamente perigosa no contexto social no que nos atopamos

Esta estratexia de dilación é comprensible en termos negociadores pero é tremendamente perigosa no contexto social no que nos atopamos. A antipolítica ábrese paso a marchas forzadas da man dunha crise económica incipiente. A campaña electoral en Madrid dános pistas sobre o noso futuro próximo: polarización, espectáculo, provocación e feitos alternativos. O mellor xeito de combater a ameaza da extrema dereita e da dereita populista é con políticas tanxibles que axuden ás persoas que o están pasando mal. Non serven parches nin ideas pouco ambiciosas -como as de Gabilondo na capital do Reino-. O momento de reaccionar é agora e aqueles que antepoñan o seu interese político á xestión do común pódeno pagar caro. E o independentismo catalán non se pode permitir derrotas deste tipo.

Cataluña ten até o día 26 de Maio para investir a un novo Presidente. De non facelo, activaríase de novo a conta atrás para a celebración duns novos comicios. Un fracaso do parlamentarismo do que a antipolítica tentaría aproveitarse, por suposto. Estou convencido, iso si, que haberá pacto de última hora e que teremos perdido uns meses valiosos para aprobar un novo orzamento e reaccionar antes, desde a administración, a moitas cousas que están por vir. Pero iso a quen lle importa? O que guía a actuación dalgúns é a batalla de twitter, o marco que impoñen e que o tempo corra ao seu favor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.