O discurso (con tintura inquisitorial) sobre o axuizamento moral e político da loita armada como forma de expresión política volve ser unha tentación para o PP. Máis unha vez, o terrorismo empregado como elemento de confrontación política partidaria. Ben for polos GAL ou por ETA (polo Batallón Vasco-español ben caladiños que fican), cada certo tempo o partido conservador español ha de recuncar nesta cuestión co ánimo de sacar tallada política. Non é casual que, tras un ano horríbel, mesmo dramático para a súa acción de goberno (tanto no goberno central como na Xunta e en moitos concellos), procure espertar o interese por un tema que apenas é visto con preocupación por entre un 0,3 e un 0,6 por cento da poboación segundo o último estudo do CIS.
Cómpre poñer un pouco de sentidiño á hora de abordar o tema, pois houbo algunhas declaracións ao longo destes días que botan para atrás do tufo autoritario que zumegan
O pretexto, nesta ocasión, é o xuízo contra catro independentistas galegos (Eduardo Vigo, Roberto R. Fialhega, Antóm Santos e Maria Osório) acusados de pertenza a organización armada, tenza de explosivos e falsificación de documentos. Cómpre poñer un pouco de sentidiño á hora de abordar o tema, pois houbo algunhas declaracións ao longo destes días que botan para atrás do tufo autoritario que zumegan.
De entrada, non podemos máis que comezar reclamando un xuízo xusto para Eduardo, Roberto, Antóm e Maria. Deles, como de calquera outro cidadán axuizado, podemos defender a súa presunción de inocencia ata que se demostre o contrario. E tamén para eles, como para calquera outro cidadán, podemos reclamar que se respecten os dereitos humanos en materia de prisión preventiva (neste caso manifestamente longos de máis) e en materia de afastamento dos presos do seu contorno. Unha xustiza lenta non pode xustificar un abuso da prisión preventiva. Non se pode dar por suposto, en fin, o que hai que demostrar ao longo do xuízo, no cal a defensa ten que ter posibilidades reais (e non só formais) de defender aos acusados. Rexeitar unha testemuña por considerar que falta ao respecto ao Ministerio Fiscal semella pouco garante, tendo en conta que tales garantías si foron contempladas, habería que dicir que incluso forzadas, mesmo indo contra as máis elementais leis da estatística, en casos ben famosos estes días por histriónicos, rocambolescos, de España cañí e contrarios á máis elemental das lóxicas procesais. Admitir que ata en 13 ocasións se cometeu o mesmo erro tenche moito aquel. Que un coñecido banqueiro saia da cadea pouco menos que pedindo xuíz instrutor á carta é de pura desvergoña. En todo caso, e volvendo ao xuízo que nos ocupa, haberá que agardar á sentenza. Mentres tanto, podemos seguir coas valoracións feitas en torno a este tema desde o contorno político e mediático do PP, nas cales sinálase abertamente ao BNG e a AGE como case cómplices por omisión ou actitude pusilánime contra o terrorismo. O dito: o ano foi moi duro para o partido do goberno.
Mentres tanto, podemos seguir coas valoracións feitas en torno a este tema desde o contorno político e mediático do PP, nas cales sinálase abertamente ao BNG e a AGE como case cómplices por omisión ou actitude pusilánime contra o terrorismo
Ante esta enxurrada inquisitorial contra o BNG e contra AGE, nomeadamente contra Francisco Jorquera e Xosé Manuel Beiras, non podemos máis que comezar lembrando que o nacionalismo galego ten dado mostras ben claras de rexeitamento da loita armada como método para defender os seus ideais e levar á práctica o seu ideario político. Ten condenado sen paliativos o terrorismo. Pero diso a comungar con rodas de muíño (inquisitorial) vai un mundo. E nin Beiras nin Jorquera son amigos de achantar ante o poder na súa vertente máis autoritaria. Coa súa actitude, eles dous, e as organizacións ás que representan, están a mostrar a toda a sociedade que por vías políticas é posíbel defender calquera ideal. Que haxa, segundo algúns gurús da pseudoinformación, informes policiais advertindo do cambio de rumbo da liña política deste ou aquel partido político como se asinaran un pacto co diaño, non é máis que a exemplificación da orxía autoritaria á que nos queren levar algúns namentres desmantelan o país e o estado de benestar.
As declaracións de Samuel Juárez a LVG o domingo 9 de xuño foron moi intensas e propias dun debate político-electoral, unha perfecta arenga para chamar ao voto ao seu partido
As declaracións de Samuel Juárez a LVG o domingo 9 de xuño foron moi intensas e propias dun debate político-electoral, unha perfecta arenga para chamar ao voto ao seu partido, pero totalmente fóra de lugar desde o cargo que ostenta: a información á que ten acceso supón unha vantaxe na loita política partidaria impresentábel e imperdoábel. Se ao mesmo tempo tamén pode decidir sobre posíbeis sancións administrativas aos seus rivais políticos (véxase o caso de Jorquera no desafiuzamento de Aurelia Rey na Coruña) a cousa ponse seria. A sombra do bigote de Aznar (a do de Álvaro Pérez achégase cada vez máis por aquí, pero non por este tema precisamente) e a súa intención de procesar a todo aquel que se lle arrepuxera, entra de novo en escena.
Curiosamente, dúas semanas despois de tales declaracións, o señor Juárez non era tan explícito nin enfático declarando ante o xuíz da Sala do Penal nº 3 da Audiencia Nacional. Había que medir máis as declaracións. Un non sabe se pensar que cando Alfonso Rueda acusaba a algunhas testemuñas no xuízo de adoptar unha posición “morna” ante os actos terroristas tamén puidera ter en mente ao seu compañeiro de partido dada tal diferenza de intensidade entre unhas e outras declaracións. Ou se tamén puidera estar pensando en Pedro Puy por non saber concretar que organización podería estar detrás das accións violentas cometidas ao longo dos últimos anos contra distintos locais políticos, empresariais ou gobernamentais. Pareceríalle igualmente timorata a expresión “causar preocupación” aos militantes?
Postos a intentar sacarlle tallada política ao tema, Paula Prado, voceira do PPdeG no Parlamento Galego, anuncia unha iniciativa para levar a todos os concellos a condena expresa e explícita do terrorismo de Resistencia Galega
Xa postos a intentar sacarlle tallada política ao tema, Paula Prado, voceira do PPdeG no Parlamento Galego, anuncia unha iniciativa para levar a todos os concellos a condena expresa e explícita do terrorismo de Resistencia Galega. Volvamos a Pedro Puy no xuízo: non foi quen de indicar de xeito expreso e explícito quen puido ter sido o causante dos atentados con explosivo ao longo dos últimos anos a varios locais políticos, empresariais e gobernamentais, pero Paula Prado si que se atreve a pedir a todos os concellos galegos que se pronuncien sobre un grupo armado concreto do que aínda está por precisar a súa existencia como tal grupo denominado dese xeito. Chama a atención a intención (tamén inquisitorial) de querer clasificar aos concellos como bos (os do PP, que van aprobar esa moción) e os outros (os malos, aqueles que se supón que non a van aprobar por estaren gobernados por pusilánimes que non condenan coa suficiente intensidade ̶ sempre marcada polo que se arroga o papel de inquisidor ̶ a violencia terrorista).
Ante esta moción non cabe máis que reaccionar cunha condena das distintas formas de violencia, unhas explícitas, outras solapadas
Ante esta moción non cabe máis que reaccionar cunha condena das distintas formas de violencia, unhas explícitas, outras solapadas. Poden ser exercidas con explosivos, é certo; pero tamén o poden ser desde o anonimato dunhas complexas organizacións nas que se dilúen as responsabilidades ata tal punto que, comparecendo os seus máximos responsábeis nunha comisión de investigación, poidan rir dos afectados, tal é o caso, das preferentes, e de toda a sociedade en xeral dicindo que eles nunca mandaran vender preferentes, que era cousa dos traballadores e traballadoras da súa empresa/caixa; lémbrese que neste tema houbo mortes derivadas deste problema na forma de suicidios provocados pola indefensión sentida por algúns afectados e a conseguinte desesperación; tamén é violencia a que se exerce(u) baixo a forma dunhas cláusulas chan abusivas (desproporcionadas con respecto ás cláusulas teito) e en moitos casos non formuladas de xeito explícito no contrato asinado polo cliente; tamén o é calquera desafiuzamento sen piedade no que non se perdoan nin un día nin un mes, namentres que se unha empresa tapadeira e pantasma che fai un cobro abusivo no teu recibo de teléfono, por exemplo, podes tardar ata un ano en recuperar ese diñeiro (e mentres tanto fódeste coma un cabrón); así mesmo tamén é violencia a que se exerce a través dunhas políticas que recortan en sanidade ou educación deixando sen atender a moita xente, cando non asistimos abertamente á privatización de servizos e despois vemos como o responsábel político que levou á práctica dita privatización acaba sendo contratado pola empresa beneficiada por tal privatización; xa poden os nosos maiores estar tempo e máis tempo agardando por residencias que pouco importa, hai diñeiro para o que queren e para o que non queren non o hai e xa está.
E se non se cobren baixas de facultativos e o servizo mingua en calidade, todo será en aras da (súa) eficiencia. Pouco importa que haxa persoas que non se vaian poder operar de cadeira, por poñer un exemplo, por non poder adiantar o diñeiro para a prótese, que xa logo aparecerá alguén que opine que estes vellos son uns soberbios que queren bailar ata os 110 anos, ou que digan que as estudantes queren bolsas de estudos para operárense as tetas. E tan campantes (quen sabe se á espera de algún sobre, que 47 millóns de euros aínda dan para repartir, oes). En fin, son tantas as formas de violencia, exercidas de xeito explícito ou implicitamente, por mor dunha crise provocada pola aplicación cega de políticas neoliberais…!
En fin, son tantas as formas de violencia, exercidas de xeito explícito ou implicitamente, por mor dunha crise provocada pola aplicación cega de políticas neoliberais…!
Todos eles son argumentos empregados polas distintas forzas da oposición. Pode ser este un momento acaído para mostrar que se aposta polas vías de traballo político, tanto institucional como reivindicativo na rúa. Mesmo se se considera oportuno baseado fundamentalmente na reivindicación na rúa. Pero sempre en contra de calquera forma, de todas as formas, de violencia que se exercen na nosa sociedade.
E tamén é o momento de lle volver a lembrar ao PP que non todo vale en política
E tamén é o momento de lle volver a lembrar ao PP que non todo vale en política. Eles, que tanto presumen de que non debe haber folgas nin protestas para non escorrentar inversións, e invéntanse unha situación de terrorismo que pouco menos que atemoriza a todo o mundo en Galiza. A ver como van poder vender a oportunidade de realizar inversións no país ao mesmo tempo que sosteñen que temos un problema de terrorismo grave. Só falta que canais sensacionalistas británicos, franceses, alemáns, etc., empreguen o tema para profundar na longa listaxe de topicazos sobre o Reino de España. Tan inoportuna é esta campaña (tan tendenciosa como interesada por parte do PP) que xusto no comezo do verán vai semellar que Galiza é un contorno dominado polo terror e que mellor sería visitar outros lugares. Non: non pode valer todo.
Non pode ser que na mesma semana que se lanzan a poñernos o barómetro de demócratas, de defensores da orde constitucional, da unidade de España e da paz, pelexe o señor Rajoy por incorporar a CiU, si a de Artur Mas, nese pacto por fixar unha posición conxunta ante Europa. A mesma semana na que Mas, continuando co seu plan separatista, di que lle vai pedir a Rajoy autorización para a consulta soberanista. É de supoñer que esa brigada policial que tanto vixía ao BNG (como a outros tamén) xa andará a buscar información para podérennos advertir (de ser o caso) da posíbel deriva soberanista do PP, ben por acción, ben por omisión e trato pusilánime cos malvados separatistas que queren subverter a orde establecida.