Cando isto escribo, faltan menos de seis días para que rematen as votacións ao Parlamento Europeo, 'as europeas'. Pese á escasa atención que se lle está adicando en relación a outras eleccións, aparecen varios titulares que tratan o tema, día tras outro, nos diversos xornais. E, mesmo a pesar desa escasa atención, xa dende os titulares os medios soen decantarse ofrecendo máis opinión ou tentativas de creación de opinión que feitos contrastados. Máis aínda: a intoxicación informativa chega a que, comparando diversos medios con calma, moitos titulares que aparecen presentando a información dun xeito máis ou menos neutro, poden destacar como un xeito máis de tendencia partidista se se fai a comparación cun pouco de présa ou con algo menos de coidado.
Pode que sexa en temas políticos onde máis se vexa ese tipo de situacións, pero tamén é evidente que pode suceder na difusión mediática de calquera tema, guiada por calquera tipo de interese. E a máis, tendo en conta que a medida que pasa o tempo hai unha tendencia á concentración (sexa de sociedades que tenden a federarse, empresas que medran máis canto maiores son xa, partidos políticos que se integran en redes internacionais...), unha tendencia que fai que eses intereses tendan asemade a medrar e polo tanto a ter máis influenza.
Aínda que non o mencionei antes, chega con falar só de titulares en xeral, sen entrar no desenvolvemento do que vai baixo deles. Un exemplo? Collo o titular dunha nova de onte nun xornal galego. A nova aparece doutros xeitos noutros medios, pero neste caso -cito textualmente-, di: "Altri tomará la decisión final sobre su implantación en Galicia una vez resuelva su licencia ambiental y una financiación con el 25 % de fondos públicos. El CEO de la compañía señala que detrás de las críticas al proyecto de Palas «hay mucha desinformación y muchos argumentos que no son correctos»". Unha nova de actualidade. Quen fala é un xefe da compañía que quere construír unha fábrica en Palas de Rei. Di que detrás das críticas hai moita falta de información, e fala de argumentos incorrectos. E é posible que haxa algo de desinformación, algo que non da a empresa. Sinala argumentos incorrectos, mais de xeito xenérico, sen citar, de forma que, que está a dicir el á súa vez? Iso no subtítulo. No título, está expoñendo un xeito de facer as cousas. Neutral... non? Pensando en que o mesmo título pode poñerse de xeito 'non menos neutro' como 'Altri tomará a decisión despois de que lle concedan o que quere e lle den cartos de todos para facer o que quere', coido que o que se chama neste caso neutralidade, aínda sen comparar con outros titulares equivalentes doutros medios, está claro.
Nun escrito pequeno coma este, sempre queda fóra a maioría das cousas tratables dentro do tema, sexa o que sexa, que se está a desenvolver. Mais esa falta evidente non impide neste caso aproveitar o anterior para facer un chamamento tanto a quen escribe (eu incluído) como a quen le (repito o 'eu incluído' anterior) na procura dunha claridade que permita identificar o límite entre información e opinión, a falta moitas veces de posibilidade de identificar sinxelamente o que é mentira.
[Nota. Definición de mentira segundo o Dicionario da R.A.G: "Aquilo que unha persoa presenta como verdadeiro sabendo que é falso."]