Unha banca avariciosa e insolidaria que provoca crises recorrentes

Paso dunha manifestación ante unha oficina bancaria en Santiago CC-BY-SA Merixo

A banca, como se puxo en evidencia nas crises financeiras dos últimos decenios, converteuse na principal fonte de inestabilidade económica e malestar social. E incomprensible que as autoridades económicas non se den conta do cancro que supón manter á banca baixo as prerrogativas e os privilexios que se lle concederon” (Juan Torres)

Seguramente que o titular deste artigo poida parecer esaxerado e incluso inxusto pero basta con revisar o comportamento da grande banca nas últimas décadas para comprobar que sobran motivos para tales cualificativos. Unha banca cuxo comportamento esnaquiza economías e provoca crises recorrentes como podemos ver a continuación. 

Empecemos, por caso, coa crise internacional do 2007-2008. Unha crise na que si é verdade que interviron varios factores o comportamento dos directivos bancarios, favorecido pola desregulación do sistema bancario, tivo moito peso. Unha crise na que se puxo en evidencia tanto a inmensa avaricia da grande banca como a súa insolidariedade co resto dos axentes económicos. Unha grande banca que, aproveitando a falta de regulación do sistema bancario foi quen de asumir elevadísimos riscos -ariscarse mais para gañar moito mais- sin importarlle que as previsións puideran fallar e, como neste caso, a burbulla inmobiliaria rematara por estourar co conseguinte derrube dos prezos das vivendas, o disparo das débedas privadas e a crise de liquidez duns bancos que tiveron que ser rescatados. Un rescate que en España lle costou ao erario público, segundo o propio Banco de España, preto de 66.000 millóns de euros
 

O recurso a un elevado apalancamento

Parecería lóxico agardar que desta crise se sacaran algunhas ensinanzas que permitirían que non se repetiran novas crises bancarias. Ensinanzas como que na orixe das mesmas estivo a querenza da grande banca por practicas financeiras de moi alto risco. Prácticas de inxeriría bancaria como un elevado apalancamento (endebedarse mais para gañar mais) que so funciona cando a rendibilidade do proxecto seleccionado é superior ao tipo de xuro que se paga polo préstamo. Unha práctica que ten un risco moi elevado, superior canto mais se práctica, e que sempre remata provocando episodios bancarios de falta de liquidez e de solvencia que foron o preludio das crises bancarias nas últimas décadas. Pero a pesar destas secuencias a grande banca non parece disposta a abandonar estas prácticas de inxeriría financeira e así cando as autoridades monetarias (como ven de pasar coa Reserva Federal) intentan poñerlle freo a grande banca lanza fortes ofensivas (mediáticas, políticas e xudiciais) coas que conseguen que aqueles so volvan atrás e paralicen as medidas orientadas a obrigar aos bancos a incrementar os requisitos de capital (porcentaxe de recursos propios).

 

Montañas de produtos estruturais

Por si esta práctica bancaria moi temeraria non fora dabondo perigosa o grande banca seque mantendo como activos montañas de produtos estruturais que son auténticas bombas de reloxería (“armas de destrución masiva” para Warren Buffet). Segundo a prensa especializada a grande banca española co gallo da burbulla inmobiliaria converteuse nunha experta nestes produtos confeccionados a partir de créditos hipotecarios de dubidoso cobro. Dada a súa elevada rendibilidade os grandes bancos non renuncian a este tipo de políticas a pesares do seu grande risco polos crecentes impagos dos créditos. Impagos que levan aos bancos a insolvencia e a falta de liquidez pero sin que estes acepten subir o ratio de requisitos de capital por que son sabedores que cando se produza a crise, sempre remata producíndose, os gobernos acudiran na súa axuda subministrándolles abondosa liquidez.
 

O BCE colabora as fabulosas ganancias da grande banca

Prácticas bancarias avariciosas que poden adoptar outras fórmulas como as facilitadas polas políticas monetarias do BCE. Asi a suba dos tipos de xuro aprobadas polo BCE (25 puntos nun solo ano) co gallo de combater a inflación está sendo aproveitada pola grande banca privada para facer negocio unha vez mais e, de novo, con diñeiro público. Como se produce tal negocio?: de xeito moi fácil e tamén moi escandaloso. A grande banca toma prestado do BCE un diñeiro, que consegue a un tipo de xuro moi baixo (con frecuencia entre o 0 e un 1%), que logo deposita no mesmo BCE, diñeiro por tanto que non vai a actividade produtiva, polo que recibe un tipo de xuro superior (ultimamente ao 4%) o que lles permite a directivos a accionistas da banca privada ter unhas ganancias extraordinarias que son perdas do BCE, unha banca pública. 

Son todo un conxunto de prácticas bancarias que, compre non deixar de subliñalo, non teñen nada que ver coa marcha da economía real (produción e consumo de bens e servizos) senón que son maioritariamente (85%) froito dunha actividade especulativa da que as familias e as empresas non se benefician. Practicas especulativas que a grande banca lle reportan enormes ganancias: no ano 2023 os cinco grandes bancos españois gañaron mais de 26.000 millóns de euros, un 26% mais que en 2022. Velaí xustificado que se cualifique ao negocio bancario como totalmente insolidario.
 

A elisión fiscal da grande banca

Unha insolidariedade que se pon de novo de manifesto na súa contribución ao fraude fiscal que a grande banca practica en gran escala grazas, entre outras, a existencia de paraísos fiscais incluso no seno da Unión Europea. Centros off-shore nos que, favorecidos pola absoluta liberdade de movementos do capital, a grande banca crea sedes nos que se ocultan as súas multimillonarias ganancias en claro prexuízo das facendas públicas dos estados. Segundo o Observatorio Fiscal da Unión Europea a riqueza das grandes fortunas españolas depositadas en paraísos fiscais ascende a uns 140.000 millóns de euros. Segundo OXFAM os 20 maiores bancos europeos rexistran o 26% dos seus beneficios en paraísos fiscais. Debe sinalarse que unha parte nada desprezable deses fondos son “diñeiro sucio” propiedade do crime organizado e a delincuencia internacional, contrabando e tráfico de drogas, ditadura militares e monarquías corruptas.

Pero a elisión fiscal dos bancos non so se produce a través das filiais en paraísos fiscais senón tamén aproveitando a propia legalidade e así vemos como a grande banca española, como sucede con practicamente todo o IBEX35, pagan polos seus beneficios menos impostos que a inmensa maioría das sociedades. Como é posible que isto suceda?: maiormente ao través das vantaxes que lle reportan as distintas normativas fiscais a nivel europeo. Así grazas a que, por caso, o Imposto de Sociedades establece que o seu pago se faga no estado no que se localice o domicilio da sociedade da empresa basta con que estas trasladen os seus beneficios a territorios de baixa tributación (Irlanda, Países Baixos, Luxemburgo. Malta....) para así conseguir “pagar menos impostos” co conseguinte prexuízo para as arcas públicas nacionais. Unha práctica de elisión fiscal que se viu favorecida pola revolución dixital.

 

Crises bancarias recorrentes que xustifican a necesidade dunha banca pública

Prácticas múltiples do negocio bancario que conducen a crises bancarias recorrentes (151 entre os anos 1970 e 2018) que esnaquizan as economías e deterioran a democracia. Prácticas que por tales razóns deberan ser consideradas incompatibles coas do resto da sociedade pola súa avaricia e falta de solidariedade. Prácticas que, como ben sinala o meu amigo Juan Torres, “si viviramos nun mundo decente non se permitiría que ocorreran. A actividade bancaria se consideraría un servizo público esencial para a economía e os bancos estarían obrigados a proporcionar recursos a empresas e familias solventes, sen poder provocar a súa escaseza artificial. Cabría unha banca pública para encargarse do financiamento non necesariamente rendible pero imprescindible e a privada tería que someterse a ese principios, ser transparente e render contas: exactamente o mesmo que os bancos centrais que non poden seguir sendo meros instrumentos ao servizo do interese privado”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.