Unha pantasma recorre Europa, é a da xenofobia, a do medo ó descoñecido, a da covardía e da islamofobia. Unha pantasma que toma forma en partidos políticos de extrema dereita, cando non directamente filofascistas. Partidos que medran ó fragor da crise económica e dun debate ficticio entre liberdade e seguridade, que pechan fronteiras e levan ós diferentes gobernos a mudar de postura para aprobar tratados que condenan á morte a miles de persoas e vulneran os máis elementais dereitos humanos. Ata The Times advirte de que a policía turca está disparando a sirios que escapan da guerra porque intentan cruzar as súas fronteiras. Incrible e indignante que novas como estas non ocupen as portadas de todos os xornais.
Sen embargo, pese a que o foco mediático está a milleiros de quilómetros de Siria, de Turquía, da dor e das bombas, esta vez non poderemos dicir que non sabíamos; sabemos e non queremos ser cómplices. Por iso, cando finalmente o señor Rajoy acuda ó Congreso esta semana, ten a obriga política, pero tamén moral, de responder de imaxes como esas. Debería responder porqué, pese a ter un mandato parlamentario claramente en contra, decidiu facernos cómplices dun tratado que nos avergoña e dá o golpe definitivo a calquera posible idea dunha Europa social e de dereitos. Debería, en condicional, por iso de sinalar que as expectativas de que verdadeiramente o faga e respecte a casa da soberanía popular, son, sendo xenerosas, escasas.
Igualmente incomprensible resulta que o interese dos medios tampouco estea nas novas máis alentadoras que chegan dende Francia. Polo pronto, atopamos escasas referencias na prensa tradicional ó que xa se está chamando 15M francés. “Non o verás nos medios de comunicación”, reza algún tweet que bule baixo a etiqueta NuitDebut, noite en pé, e que engarza miles de comentarios que axudan a entender o que está pasando en Francia.
É inevitable trazar paralelismos entre as imaxes que están chegando desta primavera francesa co movemento do 15M español. Desa experiencia, e doutros movementos semellantes que se coñeceron como dos indignados grazas ó famoso libro-manifesto que Stéphane Hessel publicou en 2010 (non en vano, francés, como aquel maio do 68), puidemos aprender que a semente da indignación é unha arma poderosa de transformación social e política. Unha ferramenta capaz de derrubar gobernos e de alumear partidos políticos, de repolitizar a axenda, sinalar culpables e poñer as palabras precisas para nomealos.
Como no 15M, a NuitDebut trátase dunha convocatoria fraguada nas redes sociais á marxe de partidos políticos ou sindicatos. Todo comezou cunha manifestación multitudinaria en contra da reforma laboral que propón o goberno de Hollande (á española). Ese primeiro non fundacional do que falou Albert Camus, un non que marca a fronteira entre antes si pero a partir de agora non vamos aceptalo nunca máis. Un non dirixido ós recortes en dereitos laborais, ós partidos tradicionais e moi especialmente ó Partido Socialista Francés, acusado de traizoar os principios da socialdemocracia; un non á extrema dereita da Fronte Nacional, á Europa neoliberal, un non, en definitiva, a ter que seguir pagando as consecuencias dunha crise que non provocaron. Por iso, as consignas que se escoitan van moito máis lonxe das reivindicacións contra a reforma laboral, mesturan política e poesía e falan da ledicia do cambio.
Aínda que é demasiado pronto para sacar conclusións acerca do percorrido que poda ter o incipiente movemento, reconforta ver que nesta Europa agonizante, aínda hai algunhas imaxes de esperanza: persoas que saen ás rúas para poñer o foco no importante, que non se resignan, que gritan “non no noso nome”, plans B, gañas de cambio, xente que en Francia canta alto “Podemos, nous aussi podemos”.