Unha estratexia de libro

Cando o principal favorito destas eleccións e principal rival a bater, o Partido Popular (PP), pode desenvolver a súa estratexia sen sobresaltos, é que hai moita xente facendo as cousas mal. De feito, o principal problema do PP nesta precampaña galega está sendo el mesmo, pegándose tiros ao pé cunha xestión deficiente de temas tan estratéxicos como PEMEX –emprego nas comarcas de Ferrol e Vigo- ou a Operación Pokemon –ética política e corrupción. Se non fose porque no PPdeG tampouco andan finos, terían enriba da mesa unhas enquisas máis alentadoras aínda do que xa lle son –estimando un resultado probable de 39 escanos cando na actualidade no Hórreo ocupan 38 asentos.

Cando o principal favorito destas eleccións e principal rival a bater, o Partido Popular (PP), pode desenvolver a súa estratexia sen sobresaltos, é que hai moita xente facendo as cousas mal

A causa principal disto é que mentres no PP optan por unha estratéxica analítica e estruturada, nos demais partidos a improvisación e o amaterismo estratéxico leva a fialo todo á comunicación. Case semella que se pense que cunha boa comunicación crítica con Feijoo, e estando como está o clima social de descontento e indignado coa súa acción política, fará que os votos vaian marchando ata baleirarlles a saca da maioría absoluta. Unha visión ilusa que parte dun erro fatal: o cabreo social co PP xa se encarga de que perdan polos seus problemas na xestión da crise.

Semella que se pense que cunha boa comunicación crítica con Feijoo, e estando como está o clima social de descontento e indignado coa súa acción política, fará que os votos vaian marchando ata baleirarlles a saca da maioría absoluta

Outro erro desta actitude xorde do descoñecemento do sistema electoral galego, e especialmente dos seus efectos e como lle afectan ao PP. Primeiro, o sistema favorece á formación máis votada que, aínda estando as cousas como están, en todas as circunscricións será o PP. Segunda, o PP ten o electorado máis fiel de todo o arco político galego, garantindo un solo mínimo máis alto ca calquera outra formación, independentemente do contexto xeral e o clima social. E terceiro, todo isto lle permite ao PP afrontar con solvencia cada elección en Galicia independentemente da participación estimada, pois obtivo maiorías absolutas tanto coa porcentaxe histórica máis alta (Feijóo 2009) como coa máis baixa (Albor 1985).

O 21-O nin Mario Conde nin UPyD, nin CxG nin CXXI, serán capaces de minar a base electoral do PPdeG –axudado tamén pola precipitación e/ou a falta de recursos dos rivais

Todo isto nos leva ao erro global máis importante: minusvalorar ao PP como rival e á súa organización como forza sociopolítica e electoral. Ata cando está nun momento baixo como o actual, a vitoria costa moito máis ca cederlle á inercia e á comunicación a meirande parte do protagonismo. O problema está na raíz do noso sistema de partidos. No excelente traballo Os partidos políticos en Galicia (Xerais, 2003) danse algunhas das claves e, entre elas, unha paréceme especialmente importante: a baixa institucionalización dos partidos da oposición política. O PP ten unhas raíces fortemente chantadas na estrutura social de Galicia, o que lle permite ancorar o seu voto e xogar cunhas previsións, mesmo nos peores contextos, mellores ás dos demais partidos. Ata o momento non existe outra organización capaz de competir aquí e, xa que logo, capaz de desestabilizar esta forza de base que o PPdeG ten en exclusiva entre os partidos galegos.

Consecuencia disto, e con moita probabilidade, o 21-O nin Mario Conde nin UPyD, nin CxG nin CXXI, serán capaces de minar a base electoral do PPdeG –axudado tamén pola precipitación e/ou a falta de recursos dos rivais.

Existe marxe estratéxica para que o PPdeG perda estas eleccións e marxe sociolóxica para que o PPdeG perda a hexemonía en Galicia

Sen embargo, e permítanme insistir aínda a risco de ser pesado, existe marxe estratéxica para que o PPdeG perda estas eleccións e marxe sociolóxica para que o PPdeG perda a hexemonía en Galicia. O PPdeG está exercendo e gozando dunha hexemonía que non está sabendo xestionar e manter adecuadamente. Ademais de que, socioloxicamente, os valores da sociedade galega están cambiando con velocidade cara a esquemas moi diferentes a aqueles sobre os que o PPdeG ten construído o seu dominio actual –consecuencia disto é a tensión que afecta ao seu electorado.

O cambio de tendencia esixe con todo, para materializarse, de organizacións partidistas que saiban aproveitalo

O cambio de tendencia esixe con todo, para materializarse, de organizacións partidistas que saiban aproveitalo. Novas formas de organización máis eficientes e mellor chantadas na realidade social de Galicia. Novos valores e novas formas de facer política e de ser políticos. Esta campaña pode ser un bo punto de partida para comezar a facelo. A ver se isto se anima algo, e deixa de ser todo tan cómodo, previsible e aburrido como está a ser.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.