Unha fiscalidade inasumíbel

É un lugar común  que a queda da actividade económica xere de seu unha queda na recadación fiscal. Mais os estudos do economista galego Manuel Lago demostran que o grande burato fiscal entre a recadación do 2006 e ao 2011 foi o Imposto de Sociedades (IS), que pagan as compañías mercantís polos seus beneficios. No 2006 a recadación estatal acadou os 183,5 mil millóns de euros, que caeu no 2011 a 158,5. Pois ben, estes 25 mil millóns menos foron responsabilidade exclusiva do IS, que caeu en 28 mil millóns (duns 43,7 mil millóns de euros a só pouco máis de 11 millóns de euros), mentres a recadación por IRPF subía en case 4 mil millóns e o IVE e os Impostos especiais mantiñan, en xeral, os seus números.

Os estudos do economista galego Manuel Lago demostran que o gran burato fiscal entre a recadación do 2006 e ao 2011 foi o Imposto de Sociedades (IS), que pagan as compañías mercantís polos seus beneficios

Evidentemente, a caída nos beneficios explica parte desta queda, mais non a meirande parte. No ano 2011 os beneficios das empresas societarias sobardaron os 115 mil millóns de euros, dos que máis de 46 mil millóns de euros ficaron exentos de tributación, por mor dun conxunto de complexas  bonificacións, exencións e deducións fiscais e outras ferramentas de enxeñería tributaria que só benefician ás grandes corporacións, que veñen pagando de media só un 11,6%, fronte á media do 12,2% das familias na renda ou o case 18-19% de media que pagan as pemes societarias.

As grandes corporacións, que veñen pagando de media só un 11,6%, fronte á media do 12,2% das familias na renda ou o case 18-19% de media que pagan as pemes societarias

Velaí que o problema do déficit haxa que velo, sobre todo, dende a perspectiva do ingreso. A recadación fiscal española perdeu quizais máis de 20.000 millóns de euros (máis da metade do que paga o Estado polos elevadísimos xuros da débeda) por mor dunha lexislación  fiscal regresiva que non axusta o pagamento dos Impostos ao beneficio real das grandes empresas, únicas que teñen na súa man as complexas ferramentas de enxeñería financeira precisas.

O problema do déficit hai que velo, sobre todo, dende a perspectiva do ingreso. A recadación fiscal española perdeu quizais máis de 20.000 millóns de euros

Semella que unha normativa fiscal  xusta e progresiva achegaría moitos máis recursos á caixa. E achegaría unha perspectiva moi diferente a respecto dos recortes sanitarios, educativos e sociais que a dereita vende como inevitábeis. Malia que fose o PSOE, por certo, quen aplicara esta lei fiscal tan pouco social.


A Arrincadeira: Gran parte da sociedade quere máis galego

O éxito da manifestación a prol da nosa lingua non debería facermos esquecer a necesidade de combinar (e mesmo transcender) esta caste de respostas na rúa con medidas eficaces e proactivas para recuperar falantes e presenza social nos sectores até de agora pouco receptivos á nosa lingua.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.