Unha inxenua proposición

O sábado asistín ao Encontro Cidadán pola Marea Galega. Na primeira parte do evento oito partidos distintos tomaron posición sobre unha hipotética candidatura unitaria. En realidade o que alí se escoitou foron as posicións convencionais dos distintos grupos e, nese sentido, foi un conclave de Divinas Palabras no que ninguén se saíu do guión. No entanto, como a prensa, case por unanimidade, decidiu que aquel era un paso importante cara a que esa Candidatura prospere o certo é que esa candidatura está agora un chisco máis cerca.

No entanto, cal é o fondo da cuestión ? Se o entendo ben, Podemos preferiría unha candidatura unitaria con Anova e as Mareas, deixando fóra ao BNG. É evidente que, de producirse esa situación podemos imaxinar que os que sairían perdendo serían os do BNG que poderían quedar ao sumo no entorno do 10% e que só con moita sorte sacarían un único deputado pola Coruña. Beiras e Pablo Iglesias; Podemos e as Mareas na mesma candidatura deixarían ao BNG previsiblemente KO. Ao tempo, Podemos está condicionada pola famosa decisión, un pouco imprudente, de Vista Alegre.

Polo seu lado o BNG avanza dúas importantes novidades: a renuncia á propia marca e a disposición a ir na mesma candidatura con forzas estatalistas, sempre que o obxectivo sexa formar un Grupo Parlamentar Galego. No entanto, podería suceder que, en realidade se trate dun mero movemento táctico para crear contradicións no campo alleo e, en definitiva, torpedear a alianza entre Anova e Podemos. Un efecto colateral desa táctica sería mellorar as posicións propias para a confrontación electoral e desenvolver unha campaña cun obxectivo implícito: o reagrupamento do nacionalismo. De ser así, creo que se trata dunha visión miope, que só produciría unha desas vitorias pírricas ás que o nacionalismo nos ten acostumados. Camiñar con tambores cara ao precipicio.

Non vexo por que unha denominación Podemos-Mareas Galegas tería que ser causa de frustración. Ao día seguinte, o mundo segue, tanto en Madrid coma en Santiago e cada forza terá que despregar os seus recursos e iniciativa

De ser a descrición acertada, e supoñendo que as forzas minoritarias non frustrarían esta posibilidade, tal vez o que podería cimentar esa candidatura sería un pacto cruzado, de dobre vínculo: A) a aceptación por parte do BNG da marca Podemos nas papeletas. B) a aceptación por parte de Podemos do Grupo Parlamentar Galego. Sería un intercambio no que os uns aceptarían, para usar a expresión castelá el fuero –o BNG-, e outros el huevo –Podemos-. Non vexo por que unha denominación Podemos-Mareas Galegas tería que ser causa de frustración. Ao día seguinte, o mundo segue, tanto en Madrid coma en Santiago e cada forza terá que despregar os seus recursos e iniciativa. Anova perdería parte do seu quiñón nesta hipótese pero podería recoller outros beneficios ao maximizarse as posibilidades dunha opción alternativa en Galicia.

En concreto, esa candidatura debería formalizarse incluíndo un acordo para as próximas eleccións galegas. Esa candidatura para as autonómicas, non estando marcada por ningunha decisión de Vista Alegre podería e debería rexistrar outra denominación: talvez puramente Marea Galega. Por tanto, os aspectos programáticos, sempre partindo do mínimo común denominador, deberían incluír esa perspectiva. Derrotar a Feijóo e crear un goberno que saque a Galicia do marasmo do dominio conservador, impulsando formas de modernización alternativas, centradas en Galicia, ás que son puro reflexo das políticas centralistas. E contribuír, desde ese goberno ao debate constitucional que naquel momento estará en curso e ao esforzo por sacudirse as políticas da austeridade neoliberal.

Esa candidatura debería formalizarse incluíndo un acordo para as próximas eleccións galegas

Xa se sabe que esta hipótese entra en conflito co combate de Podemos, Anova e BNG, entre outros, por manter as súas marcas, a súa perspectiva e, o último pero non o menor, os respectivos espazos políticos. Ese combate é lexítimo e sen dúbida se producirá. Pero nin Podemos, nin o BNG, nin Anova, nin EU, nin os demais están para tirar foguetes. E xa se sabe que, para que unha candidatura así non acabe como o rosario da aurora, ou coma o bipartito, tería que desenvolver unha franqueza e un sentido de comunidade inédito na tribal política galega. Pero a alternativa é o caos ou, deus non o queira, Feijóo recuncando.

A alternativa é o caos ou, deus non o queira, Feijóo recuncando

Un último punto: esa candidatura debería ter un efecto multiplicador, erguendo unha esperanza, pero tamén incorporando xentes que non están agora mesmo nos circuítos da política ao uso, especialmente xentes formadas nos distintos ámbitos que son obxecto da acción dun goberno. Mesmo se se gañan as eleccións ao día seguinte a vida continúa. E non vale calquera para xestionar a Sanidade, a Facenda e a Educación. Non perdamos a perspectiva de para que se goberna. Non para repartirse o poder, senón para facer as cousas ben, que dicía Anxel Casal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.