Cando se fundou o PSOE, en 1879, a igrexa católica amosábase radicalmente contraria a calquera compromiso coa Ilustración e co Estado liberal. Na encíclica Quanta cura, de 1864, o papa Pío IX condenara os “principais erros desta nosa triste idade”, entre os cales estaban a liberdade relixiosa, o socialismo e o cuestionamento do status e da autoridade da igrexa. Non sorprende, polo tanto, que o PSOE se escorase cara a posturas anticlericais. Pero non foi até o ano 2000, co acceso de José Luis Rodríguez Zapatero á secretaría xeral do PSOE, cando o laicismo se converteu nun elemento central da axenda do partido. O sorprendente é que os socialistas sigan sen poder facer unha proposta laicista solvente, de maneira que agora, con Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España, o PSOE se atopa de novo ante unha pregunta decisiva para a cal carece dunha resposta ideolóxica e programaticamente sólida: como formular e implementar políticas laicistas dun xeito pragmático e sen pór en perigo a centralidade do partido?
Agora o PSOE atópase de novo ante unha pregunta decisiva para a cal carece dunha resposta ideolóxica e programaticamente sólida: como formular e implementar políticas laicistas dun xeito pragmático e sen pór en perigo a centralidade do partido?
En realidade, todos temos pendente un debate sosegado sobre os costumes simbólicos das nosas autoridades. Asumimos tan acriticamente as prácticas neonacionalcatólicas, é dicir, estamos tan afeitos a convivir con todo tipo de violacións simbólicas da aconfesionalidade do Estado, que agora, tras a toma de posesión estritamente aconfesional de Sánchez e do seu gabinete (incluído o seu único membro católico practicante, a ministra portavoz e ministra de Educación e de Formación Profesional, Isabel Celaá), é cando nos decatamos do anacrónico que sempre –desde Adolfo Suárez até Mariano Rajoy– foi este acto celebrado ante A Biblia e un crucifixo. O curioso é que a propia norma xurídica que regula esta toma de posesión, o Real decreto 707/1979, do 5 de abril, polo que se estabelece a fórmula de xuramento en cargos e funcións públicas (BOE do 6 de abril), non alude en ningún momento á colocación de símbolos relixiosos no lugar onde se organiza o acto, conque a decisión de impor ou non a presenza destes símbolos parece depender das preferencias protocolarias da xefatura do Estado.
Nas tomas de posesión, os católicos adoitan recorrer ao xuramento, mentres os que non se manifestan como católicos prefiren normalmente a promesa. O presidente do Goberno de España e os ministros toman posesión dos seus cargos na sala de audiencias do palacio de La Zarzuela, ante unha mesa onde se situaron tradicionalmente dous elementos propios do universo simbólico católico: un crucifixo (unha imaxe de culto que representa a execución de Xesús de Nazaret polos romanos) e mais un valioso exemplar d’A Biblia de 1791, que pertenceu ao rei Carlos IV, aberto polo “Libro dos números” (cuxo capítulo 30, sobre “Os votos e as promesas”, contén –dato curioso– unha detallada e patriarcal regulación das manifestacións da vontade da muller). O crucifixo e mais A Biblia mesmo se colocaban cando ningún dos integrantes do executivo central xuraba o seu cargo, como sucedeu tras as eleccións lexislativas xerais do 9 de marzo de 2008. Hai que precisar, en honor á verdade, que nisto España non era un caso illado. De feito, son moitas as democracias cuxos actos de toma de posesión conteñen elementos relixiosos.
Os nosos poderes públicos van ser escrupulosos e prudentes á hora de estabelecer os límites da súa participación en actos relixiosos? A poderosa igrexa católica vai admitir a redefinición do seu lugar na nosa democracia?
O problema podía xurdir se alguén esixía a retirada dos símbolos católicos ou a presenza de símbolos doutras confesións. A estas alturas xa non é inimaxinábel que haxa ministros musulmáns, por exemplo. Pero se é posíbel organizar esta cerimonia simplemente ante a Constitución aberta polo seu artigo 99, como acaba de suceder con Pedro Sánchez e o seu equipo, podemos sentar entre todos as bases dun debate público sereno e rigoroso sobre esta materia? Os nosos poderes públicos van ser escrupulosos e prudentes á hora de estabelecer os límites da súa participación en actos relixiosos? Cando van ser os nosos políticos respectuosos coa aconfesionalidade constitucional do Estado e deixar de aproveitarse das celebracións católicas para captaren votos? A poderosa igrexa católica vai admitir a redefinición do seu lugar na nosa democracia? Os nosos concidadáns católicos renunciarán a todo privilexio, tendo en conta a protección de que goza a súa liberdade relixiosa e a xenerosidade con que esta sociedade trata a súa confesión? O laicismo de Pedro Sánchez aínda está por acreditar, pero a súa toma de posesión foi toda unha lección. Esperemos que sexa só a primeira.
Publicidade