Unha lectura rápida das eleccións catalás

Co risco de non coincidir de ningures coas avaliacións que dende diferentes medios altofalantes, partidos políticos, círculos de opinión …. fanse dos resultados das derradeiros eleccións ao Parlamento de Catalunya, quero nembargantes facer pola miña parte unhas sinxelas e curtas consideracións. Consideracións para as que me apoio tanto nos resultados conseguidos por cada quén e representado no número de escanos – Junts pel Si: 62 deputados, Citadans: 25, PSC: 16, Catalunya Si que es Pot: 11, PP: 11 e a CUP: 10- como no nivel de participación -77% record histórico-.

 

Maioría pola independencia

Se o trasladamos o número de escanos a porcentaxe sería: Junts pel Si: 42,5%, Ciutadans: 17,1%, PSC: 11%, Catalunya Si que es Pot: 7,5%, PP: 7,5%, CUP: 6,8%. Coido que logo de veren estes resultados, xunto co nivel de participación, pouco habería que dicir. Pero vexamos:

1º. ENORME LECCIÓN  cívica e democrática por parte do pobo catalán (77% de participación) que a pesares das impresentables e antidemocráticas presións recibidas tanto por parte dos establishments políticos e financeiros españois i europeos como dos seus altofalantes que verteron ameazas, insultos e improperios incontables co gallo de condicionar o voto, aquel foi quen de votar con tranquilidade, alegría e responsabilidade. Parabéns cataláns vides de dar unha nova lección de civismo a España e a Europa!

Algúns outros partidos, como por caso Catalunya Si que es Pot, defende o “dereito a decidir” polo que o número de deputados que están a prol dun referendo decisorio pode seren aínda moi superior (83: 61%)

2º. VICTORIA ABRUMADORA da coalición Junts pel Si que con 62 deputados copa o 42,5% dos asentos no Parlamento catalán e marca unha diferenza co segundo (Ciutadans: 25 deputados) de nada menos que 37 deputados, unha diferenza (case triplica en número) que coido non debe teren moitos paralelismos con calquera outro parlamento europeo.

3º. MAIORIA INDEPENDENTISTA no novo Parlamento catalán posto que entre Junts pel Si e a CUP suman 73 deputados (54% do total). Téñase en conta que nalgúns outros partidos, como por caso Catalunya Si que es Pot, deféndese o “dereito a decidir” polo que o número de deputados que están a prol dun referendo decisorio pode seren aínda moi superior (83: 61%).

4º. DESFEITA do partido que goberna en España (PP). Que nunhas eleccións tan relevantes, e nas que se implicou tanto a fondo, este partido (PP) liderado polo inefable M. Rajoy consegue so 11 deputados (o 7,5% do conxunto parlamentar) un número so superior ao da CUP. A súa feroz campaña de hostilidade contra a Generalitat e contra Catalunya pásalle factura converténdoo nun partido coase irrelevante no parlamento catalán.

5º. NOVO FRACASO –logo das eleccións europeas, autonómicas e locais- do bipartidismo (PP, PSOE). Entre ámbolos dous partidos suman 25 deputados que non chegan nin ao 20% do total da cámara. Resulta indiscutible que unha alianza entre eles non tería, con esta bagaxe, ningún potencial alternativo.

6º. MUDANZA NA DEREITA ESPAÑOLA co desprazamento do PP (11 deputados) por Ciutadans (25) quen, nembargantes, parece aínda moi lonxe de seren unha alternativa de goberno en Catalunya (17% dos deputados). Resultan, xa que logo, extemporáneas as declaracións dos seus dirixentes (reclamando a dimisión de A. Más e/ou a convocatoria de novas eleccións) cando o seu peso no parlamento    –que reflicte a súa real relevancia política- vai seren tan minguado.

As elites políticas e mediáticas españolas seguen sen entearse do que pasa en Catalunya, do que pensa a maioría dos cataláns e de que hai un problema político que segue sen se resolver

7º. FRACASO DE PODEMOS na súa pretensión de seren alternativa a A. Mas (Junts pel Si). A coalición na que se presentou (Catalunya Si que es Pot) sacou a duras penas 11 deputados (7,5% da cámara), converténdose na cuarta forza do país, superada polo PSC e con nulas posibilidades de liderar unha alternativa a A. Mas e os seus aliados (Junts pel Sí).

8º. AS ELITES POLÍTICAS E MEDIÁTICAS ESPAÑOLAS seguen sen entearse do que pasa en Catalunya, do que pensa a maioría dos cataláns e de que hai un problema político que segue sen se resolver. Aínda peor: parecen empeñadas en votarlle gasolina ao lume alimentado así o independentismo catalán o tempo que semella quereren potenciar un nacionalismo español que ademais de seren moi rancio resulta profundamente antidemocrático e, xa que logo, moi perigoso para a convivencia entre os distintos pobos de España.

 

Maioría neoliberal

Resulta indiscutible que o resultado das eleccións cataláns permite varias lecturas. Agora quixera expoñer a lectura socio-política que tamén permiten estes resultados.

O goberno catalán último liderado por Converxencia e apoiado por Esquerra Republicana desenvolveu durante o seu mandato unha política fortemente neoliberal

O goberno catalán último liderado por Converxencia e apoiado por Esquerra Republicana –que substituíu ao tripartito PSC, ICV, ERC- desenvolveu durante o seu mandato unha política fortemente neoliberal. Foi un goberno caracterizado por un fortísimo axuste fiscal, un apoio decidido e firme a rebaixa salarial e a precarización do mercado laboral e a unha crecente privatización do patrimonio público.

Tal goberno aplicou unha política fiscal que provocou un moi pronunciado deterioro das funcións públicas de benestar –moi salientable no caso da atención sanitaria- e unha crecente privatización dos servizos públicos, o tempo que apoiaba a (contra) reforma laboral imposta pola goberno español (PP) provocando así que en Catalunya as desigualdades medraran mais que nunca, que a pobreza se disparara (28,2%), que o desemprego se multiplicara (o número de familias sen ningún membro empregado multiplicouse por 6) o tempo que a precariedade (o 11,7% dos traballadores empregados vive por baixo do umbra da pobreza). Podendo dicirse, as evidencias aí están, que o goberno catalán (Ciu) moveuse en liña co goberno español (PP) e no marco da estratexia que a nivel europeo dirixe a troica (FMI, BCE, CE).

Unha política neoliberal (CiU) que coincide coa política aplicada en España polo goberno de M. Rajoy (PP) e que, en nada, se diferenza da que defende a “nova” organización política de Ciutadáns que, como é ben sabido, non é mais que a representación política do IBEX 35.

Pois ben, se sumamos a representación parlamentar de estes tres partidos ou coalicións (PP: 11; Ciutadans: 25, Junts pel Si: 62) o conxunto conta con un total de 98 parlamentarios partidarios do neoliberalismo copando así o 72% dos escanos.

Poida que Catalunya consiga a independencia –teño moitas dúbidas- ó tempo que as súas clases populares seguen pagando moi duro os efectos e consecuencias derivados das políticas económicas do vindeiro goberno catalán

Moitas veces “as árbores” non deixa veren o bosque. Neste caso poida que o debate identitario –independencia si/non- non deixe veren que o novo Parlamento de Catalunya ten unha grande maioría de ideoloxía e práctica política neoliberal, unha grande maioría partidaria, xa que logo, do austericidio fiscal, a rebaixa salarial e a venda de activos públicos.

As clases de rendas medias e baixas cataláns, as clases populares, poida que estean agora moi preocupadas diante do que se lles ven enriba. Poida que Catalunya consiga a independencia –teño moitas dúbidas- ó tempo que as súas clases populares seguen pagando moi duro os efectos e consecuencias derivados das políticas económicas do vindeiro goberno catalán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.