Grecia estase convertendo nun epicentro cada vez menos “periférico” das resistencias contra as preponderantes políticas de austeridade da Unión Europea. Con diversos matices e obviamente con marcadas diferenzas en canto a tendencias políticas e ideolóxicas, o “protectorado” grego sometido aos designios da “troika” desde 2010 fai deste país mediterráneo unha especie de laboratorio político e de “centro neurálxico” de movementos e partidos “alternativos” ao sistema, movéndose radicalmente no péndulo político dende a esquerda ata a extrema dereita.
En maio de 2012, previo ás eleccións lexislativas gregas celebradas en xuño dese ano, o cada vez mais popular Alexis Tsipras, líder da esquerda grega SYRIZA (Coalición de Esquerda Radical), formación creada entre 2001 e 2004, iniciou unha xira por Europa, basicamente de cara ao escenario mediterráneo (Italia e España) así como do mesmo centro de poder da UE (Francia e Alemaña), como toma de contacto para eventualmente fomentar marcos de cooperación con movementos e partidos de esquerda contrarios ás políticas de austeridade e ao predominio das elites financeiras en Bruxelas.
O “protectorado” grego sometido aos designios da “troika” desde 2010 fai deste país mediterráneo unha especie de laboratorio político e de “centro neurálxico” de movementos e partidos “alternativos” ao sistema
Evitando reunirse con funcionarios de goberno, Tsipras reuniuse co ex candidato presidencial francés Jean-Luc Melechon (Partido da Esquerda) e cos alemáns Gregor Gysi e Klaus Ernst (Die Linke ou A Esquerda). Nos comicios lexislativos de xuño de 2012, SYRIZA foi o segundo partido máis votado, atribuíndose un peso político chave na conformación de calquera coalición de goberno en Atenas.
Máis Europa, menos “tecnocracia”
Esta xira europea de Tsipras marcou o comezo dunha serie de contactos focalizados en concretar eventuais escenarios de cooperación e incluso de “irmandamento” político con formacións alternativas de esquerda e colectivos cidadáns identificados dentro dos movementos de “indignados”.
Entre outubro de 2012 e maio de 2013, SYRIZA volveu a reproducir estes contactos con reunións con partidos e sindicatos españois (Esquerda Unida, CC.OO e UXT) e novas formacións políticas como a galega ANOVA. Do mesmo xeito, SYRIZA asistiu en Italia a reunións con diversas agrupacións, entre as que destacaron algúns membros do recen constituído “Movemento 5 Estrelas (M5E) do comediante Beppe Grillo, que alcanzou excelentes resultados nos comicios lexislativos italianos de febreiro pasado.
No contexto grego, Tsipras está ascendendo en canto a popularidade e aceptación entre unha mocidade atribulada e “pauperizada” por unha crise económica e financeira con case nulas alternativas profesionais e sociais.
No contexto grego, Tsipras está ascendendo en canto a popularidade e aceptación entre unha mocidade atribulada e “pauperizada” por unha crise económica e financeira con case nulas alternativas profesionais e sociais. As enquisas lle outorgan unha especie de empate técnico contra o tradicional bipartidismo grego conformado polo socialista PASOK e o conservador Nova Democracia (actualmente no poder co primeiro ministro Andonis Samaras), ó mesmo tempo que supera incluso en intención de voto ao histórico Partido Comunista grego.
Cómpre observar que, aínda que con distintos matices e posicións nalgúns casos incluso diverxentes, tanto SYRIZA como os movementos alternativos de esquerda que están ascendendo nos contextos políticos mediterráneos, non supoñen exactamente partidos “antieuropeístas” contrarios á idea da integración europea. Incluso, Tsipras defende a permanencia grega dentro do Euro.
Estas alternativas atacan o predominio das políticas de austeridade e de recortes fiscais que están minando o Estado social de dereito e do benestar vixente dende a posguerra, así como combater o peso das elites financeiras e económicas inseridas nos gobernos “tecnócratas” saídos das recentes eleccións a nivel europeo. Con políticas inclusivas, estas alternativas fomentan a participación política cidadá cara outras modalidades como a “democracia participativa”, advertindo do marcado “retroceso democrático” existente na Europa sacudida pola crise.
O “amencer” dos populismos “neonazis”
Pero o curioso é que SYRIZA non está só neste cometido de hipoteticamente observar unha especie de “Fonte Sur” contra a Europa “tecnócrata” da crise. Diametralmente oposto dentro do péndulo político e ideolóxico a SYRIZA, outra formación política grega, a extrema dereita xenófoba de Amencer Dourado (AD, tamén coñecido como Aurora Dourada), avanza igualmente con forza no escenario político grego, sendo a terceira formación política mais votada nas eleccións lexislativas gregas de 2012, así como no marco mediterráneo, en particular cara Francia, Italia e incluso España.
Creado a comezos de 1980 polo ex oficial do Exército Nikos Michaloliakos e herdeiro dos movementos fascistas gregos que reivindican o réxime fascistoide de Ioannis Metaxás (1936-1941), AD alcanzou o seu éxito electoral en 2012, sendo a terceira formación política mais votada para o Parlamento grego. Este éxito permitiulle ao seu líder Michaloliakos asestar unha advertencia postelectoral sumamente lacónica: “Témannos, xa chegamos”.
Esta organización neonazi imbuída cun discurso xenófobo, antieuropeísta, populista e extremadamente patriótico, avanza a carón da crise económica (especialmente dentro dos sectores populares) e ante a caracterización de Grecia como ponte de entrada a Europa de inmigración ilegal, especialmente musulmá e africana. A diferenza de SYRIZA, Amencer Dourado xa ten certa incidencia no espazo político europeo, formando parte da Fronte Nacional Europea, unha plataforma de partidos de extrema dereita creada en 2004 e na que están incluídos movementos neonazis e de extrema dereita de Francia, España (Falanxe Española das JONS), Bulgaria, Portugal, Romanía, Italia e Países Baixos.
Entre finais de 2012 e comezos de 2013, Amencer Dourado proseguiu dalgún xeito o exemplo de SYRIZA de iniciar contactos con partidos de extrema dereita no Mediterráneo e Europa, a fin de eventualmente procrear unha alianza política marcadamente antieuropeísta.
A semellanza do partido neonazi e antisemita húngaro Jobbik (actualmente no poder nese país), Amencer Dourado igualmente posúe unhas especies de “corpos especiais de defensa” que gozan de certa impunidade policial, coa finalidade de realizar “redadas” e “cazas” contra inmigrantes ilegais, xitanos e outras minorías como os homosexuais, baixo a denominación de “operacións escoba”.
Entre finais de 2012 e comezos de 2013, Amencer Dourado proseguiu dalgún xeito o exemplo de SYRIZA de iniciar contactos con partidos de extrema dereita no Mediterráneo e Europa, a fin de eventualmente procrear unha alianza política marcadamente antieuropeísta. Non obstante, non existen evidencias concretas dunha concreción de intereses de AD con outras formacións de extrema dereita cunha maior presenza e peso político en Europa, como a Fronte Nacional en Francia (de notable ascenso electoral nas eleccións municipais de marzo pasado), a Liga Norte italiana, o FPÖ alemá, a neerlandesa Vlaams Belang o anteriormente mencionado Jobbik en Hungría ou outras formacións neonazis e de extrema dereita en Suecia, Finlandia, Holanda ou Austria.
Paso aos “euroescépticos”
Paralelo ao éxito electoral de Amencer Dourado, as eleccións municipais británicas de maio pasado igualmente entronizaron o ascenso do Partido da Independencia (UKIP) creado en 1993 e liderado por Nigel Farage. Actualmente a terceira forza política británica a nivel local, UKIP desafía ao bipartidismo tories-laboristas con marcadas expectativas de cara ás eleccións lexislativas de 2015.
Contrario ao ultranacionalista e politicamente marxinal Partido Nacional Británico, UKIP conforma un discurso populista, dereitista, nacionalista e sumamente crítico con Europa aínda que non necesariamente antieuropeísta e extremista. Non obstante, o “euroescepticismo” de UKIP pode atraer diversos votantes da extrema dereita que observarían a esta formación como un baluarte dos seus ideais.
No horizonte político da maioría destas formacións políticas están as eleccións para o Parlamento europeo previstas para maio de 2014
Noutro contexto, Alemaña igualmente observa o ascenso dun movemento nacionalista e euroescéptico aínda que non necesariamente xenófobo e de extrema dereita, denominado Alternativa para Alemaña (AFD en alemá), con eventuais expectativas de superar o 10% dos votos nas eleccións parlamentarias de Alemaña previstas para setembro próximo, onde a chanceler Ánxela Merkel xógase a reelección.
De forma tanxencial, no horizonte político da maioría destas formacións políticas están as eleccións para o Parlamento europeo previstas para maio de 2014. Este test electoral pode evidentemente calibrar o eventual avance electoral e posible peso político destas formacións “alternativas” que se moven no péndulo da esquerda ata a extrema dereita, dos euroescépticos ata os antieuropeístas, dos progresistas antisistema ata os xenófobos antiinmigración. Consecuencias visibles da preponderancia da prolongación da crise socioeconómica, do abafante poder das elites tecnócratas e económicas e das críticas cara a lexitimidade dos partidos políticos tradicionais e do modelo europeo.