Recoñezo que non coñecía ao recente gañador do Nobel de literartura, o noruegués Jon Fosse, mais levei unha grata sorpresa, como espero que moitos outros galegofalantes reivindicativos, ao saber que o escritor noruegués fai a súa obra en “nynorsk” (neonoruegués), unha das dúas normas oficiais de noruegués, pro a menos usada pola poboación con menos dun 15% fronte ao hexemónico “bokmål”.
O escritor noruegués fai a súa obra en “nynorsk” (neonoruegués), unha das dúas normas oficiais de noruegués, pro a menos usada pola poboación con menos dun 15% fronte ao hexemónico “bokmål”
Se o noruegués non é unha lingua moi grande, cuns cinco millóns de falantes, que a forma minoritaria desta pequena lingua alcance tal premio demostra ás claras que non é unha lingua nin a ortografía en que se escriba a mesma a que obtén suceso, senón a pura e simple excelencia dun escritor. No caso actual, un escritor que antes de recibir o premio Nobel xa fora traducido a unhas corenta linguas e obtivera numerosos recoñecementos, nin a súa lingua pequena nin a súa norma minoritaria supuxo atranco ningún pró seu éxito. Mais se cadra o que vale pró espazo nórdico non vale en España, onde escribir en galego sempre recibe a crítica, máis ou menos velada, da súa menor transcendencia pola súa menor visibilidade cultural tanto a nivel estatal coma mundial. Obviando que esta certa “invisibilidade” é mero produto da ideoloxía supremacista española que nega a plena igualdade do resto das linguas de España co castelán, a única que goza do privilexio de ter tódolos dereitos e obrigas lingüísticos dunha lingua oficial.
Que a forma minoritaria desta pequena lingua alcance tal premio demostra ás claras que non é unha lingua nin a ortografía en que se escriba a mesma a que obtén suceso, senón a pura e simple excelencia dun escritor
As dúas normas do noruegués proveñen do conflito que se estende ao longo do s.XIX e XX, trala independencia do país, sobre a norma ortográfica que se debía escoller como oficial, se a máis parecida ao danés, que fora a lingua oficial no país durante a pertenza de Noruega a Dinamarca, ou outra máis baseada nos dialectos falados que mellor conservaban unha mor semellanza coa antiga lingua nórdica, a falta dun acordo unificador levou a adoptar como solución a cooficialidade das dúas normas que obtiñan os maiores apoios entre as dúas tendencias normativas en disputa: a máis semellante ao noruegués literario usado nos séculos anteriores (bokmål = lingua do libro) e a máis próxima aos dialectos falados mellor conservados sen interferencia danesa, os do oeste do país, que recibiu a denominación de neonoruegués (nynorsk) porque se conservara esencialmente como fala oral pro non como forma escrita. Esta é a que practica o recente premio Nobel Jon Fosse.
As dúas normas do noruegués proveñen do conflito que se estende ao longo do s.XIX e XX, trala independencia do país, sobre a norma ortográfica que se debía escoller como oficial, se a máis parecida ao danés, que fora a lingua oficial no país durante a pertenza de Noruega a Dinamarca, ou outra máis baseada nos dialectos falados que mellor conservaban unha mor semellanza coa antiga lingua nórdica
Con todo, non é a primeira vez que a Academia Sueca concede un premio Nobel a un escritor dunha lingua pequena, así o finés, o islandés, o provenzal, o yiddish e mailo hebreo teñen cadanseu premiado, o mesmo ca linguas maioritarias coma o portugués, o árabe ou o turco, e só un menos ca outras como o chinés ou o xaponés. Loxicamente a Academia Sueca premia máis os escritores das linguas occidentais máis coñecidas e das linguas nórdicas próximas ca calquera doutras máis alleas: a inglesa en 29 ocasións, a francesa en 16, a alemá en 15, a castelá en 11, a sueca en 7, a rusa, polaca e italiana en 6 cada unha, a norueguesa en 4 e a danesa en 3. Porén a evidencia demostra que tamén se pode acadar o recoñecemento global dende unha lingua pequena, aínda que é moito, moitísimo máis difícil cando o teu propio Estado che pon as primeiras e principais trabas.