Unha pequena historia, comezos de ano. Unha luva como protagonista que queda, coa desaparición da (ou das) protagonista principal.
A historia de fondo é curta: paseando con tranquilidade e tempo, un día frío e con chuvia intermitente, empuñando paraugas e unha bolsa, a rúa case baleira, perdo unha luva. Como? Despois de deixar unha man libre para manexar o móbil. Volvo sobre os meus pasos ata onde lembro que a tiña posta, revisando coa vista de xeito minucioso o chan, beirarrúa ou calzada ou herba, e mesmo os peches de fincas próximos nos que poidera quedarse trabada nunha caída. Non a atopo, e volvo facer de novo o recorrido. Sen resultado, volvo xa camiño da casa, mais polos mesmos lugares, fixándome unha última vez. Nisto, decátome de que as casas da zona que atraveso nese momento, antigas, teñen un oco das fiestras onde se poden deixar cousas. E se tivera caído por alí e alguén a recollera e pousara? De novo, retrocedo uns metros. Abondos para decatarme de que si tiña habido un alguén que deixou atrapada a luva nun tirador dunha porta sen uso. Non se mollara, e volvín á casa cun exercicio inesperado e coa luva na man acompañando un sorriso na face.
Nada que non teña sucedido de xeito máis ou menos parello a moita xente. Mais a comezos de 2021, coas noticias bombardeando con novos casos e novas cepas de covid, terceira onda, contaxios irresponsables polas festas non menos irresponsables, xel de mans para antes e despois de visitar tendas... Só cando levaba varios minutos pensando, dando as grazas de xeito mental a quen recollera a luva do chan e a deixara a salvo, dicíndome a min mesmo que como non se me ocorrera mirar alí xa na primeira pasada, que seguro que xa estaba, que parezo parvo, que que fría tiña a man, pasouseme pola cabeza o tema da pandemia. A cousa rematou cun 'Luva contaminada? Probabilidades próximas a cero, e de calquera xeito, luva posta'. Entre os pensamentos do comezo e o final, a cabeza aínda deu unha volta a como sería o comportamento da persoa este pasado fin de ano: tería posta a máscara no bar? Tería estado en celebracións con máis de dez persoas? Viviría nun concello con restricións de movemento e viría a Ribadeo saltándose o control? Ou sexa, saltaríase as normas, pero sobre todo, o sentido común que indica a protección dos demais e propia? O tema estaba derivando e expandíndose na miña cabeza, de xeitos diversos, á diferencia entre norma e sentido común ou entre deber e responsabilidade, ós pequenos incumprimentos e (ou) irresponsabilidades que todos temos, ao menos, por ser humanos e non máquinas, ás aparentes (ou reais) inconsistencias normativas, á dificultade de estar ó tanto das normas que afectan en cada momento, cando decidín volver ó agradecemento dun acto sinxelo. Un acto humano que pode aledar unha parte de día. E dun noutro de acto sinxelo en acto sinxelo, da vida enteira. Si, por suposto, mentres tentamos poñer os catro sentidos para non ter boletos dunha lotería fatal. Mentres tentamos sorrir e poñemos un gran de area cara ó futuro.