Unha nova esquerda fronte a unha vella dereita

“...as condicións actuais de produción preséntanse como abolíndose a si mesmas e xa que logo como poñendo os supostos históricos para un novo ordenamento da sociedade”.
Grundrisse
Karl Marx

Padecemos hoxe a hexemonía omnímoda do sistema capitalista e habitamos un mundo onde as posibilidades de transformación da orde socio-política semellan bastante reducidas e para moitos non hai máis medios para emprender calquera transformación que a crebra democrática, a ruptura co actual establishment por medio dunha rebelión cívica. Nesta perspectiva, a palabra soberanía popular é, nos nosos días, incompatíbel co contexto socio-político no que se desenvolve a vida parlamentaria e institucional. O capitalismo é presentado polo séquito de corifeos da democracia burguesa como a única alternativa viábel para calquera sociedade e para calquera pobo. A propaganda reaccionaria, hai só un lustro, pretendía facernos crer que o modo de vida consumista e o paradigma de sociedade mercantilizada, xurdida das revolucións burguesas, debía ser a base de calquera colectividade que pretendese progresar, desenvolverse economicamente e, principalmente, que quixese consolidar os ideais democráticos e as liberdades cívicas. O capitalismo era –para eses propagandistas– “sinónimo” de desenvolvemento, progreso, democracia e liberdade, e só el podía facer virar toda a engrenaxe socioeconómica de xeito eficiente.

É importante salientar a orixe da actual conxuntura socio-política e a natureza das ignominias históricas das que foi responsábel o capitalismo. Con todo, o esborralle da ex-URSS e a derrota dos réximes do mal chamado “socialismo real” do leste Europeo foron factores que contribuíron a que o mundo chegase á actual situación. É evidente que o capitalismo non tería chegado á posición hexemónica que alcanzou hoxe se os réximes burocráticos deses estados non contribuísen de xeito decisivo ao apontoamento do actual marco sociopolítico. Non pretendo aquí discutir cales foron os factores que nos conduciron a esta derrota da esquerda, nin se esas equivocacións e desorientacións foron debidas a erros programáticos e estratéxicos da devandita esquerda tradicional ou á propia fragmentación e enfrontamento entre as distintas tradicións e sensibilidades (mesmo dentro das propias organizacións revolucionarias).

A nova esquerda galega, xurdida tras a caída do Muro de Berlín e ao comezo da actual crise estrutural do capitalismo globalizado, particularizouse por un relativo distanciamento en relación a fracasadas posicións social-liberais (representadas polo PSOE) mais tamén respecto do stalinismo. O afastamento dos proxectos mencionados, significa que os ideais de igualdade social xa non están máis asociados as concepcións obsoletas, a non ser nalgúns poucos grupos da esquerda que aínda retoman eses piares.

Hai que realizar unha nacionalización dos bancos e dos principais sectores estratéxicos da economía galega. Nacionalizar quere dicir que se traslada o sector bancario da esfera privada cara ao sector público, ou sexa, prodúcese unha nacionalización sen indemnización, unha verdadeira confiscación. Ou sexa, trátase de que o Estado (galego) tome conta do sector bancario sen indemnizar aos grandes accionistas. É preciso ir máis lonxe, na medida en que os grandes accionistas e os administradores de bancos seguiron unha política que é responsábel desta crise financeira global e, principalmente, pola quebra de toda unha serie de bancos. Do que se trata é de que o Estado nacionalice estes bancos, é dicir, de recuperar o custo da operación sobre o patrimonio de grandes accionistas e administradores.

É necesario que devanditas reformas inclúan, tamén, un conxunto de medidas políticas e económicas que procuren potenciar un desenvolvemento global e integral, cun gran poder de influencia, que estea, fundamentalmente, baseado e asentado nun amplo proceso de redistribución da riqueza e reformulación do papel do país e tamén, nun procedemento efectivo de reforma agraria, pesqueira e dos demais sectores estratéxicos da economía galega. De forma que sexa un desenvolvemento que estimule e incentive, efectivamente, o crecemento dos salarios e que estimule tamén o aumento significativo da participación dos devanditos salarios no propio encaixe nacional, carrexando, con iso, o medre do poder adquisitivo da clase traballadora, dos mariñeiros, autónomos, emprendedores, campesiñado e do resto dos sectores populares.

Pero, como afirmaba Paul Mattick, “a historia dos fracasos tamén é a historia das falsas ilusións que se perden e da experiencia que se gaña, se non para o individuo, si polo menos para a clase. Non hai razón para supoñer que o proletariado non pode aprender da experiencia. Pero, deixando estas consideracións separadamente, as circunstancias obrigarano a atopar a forma de asegurar a súa existencia fóra do capitalismo, cando xa non poida asegurala dentro del. As características concretas desa situación non poden determinarse a priori, pero unha cousa si é segura: que a liberación da clase traballadora do dominio capitalista só pode conseguirse mediante a propia iniciativa dos traballadores e que tal socialismo só poderá realizarse eliminando a sociedade de clases mediante a fin das relacións capitalistas de produción. A realización dese obxectivo será á vez a verificación da teoría marxiana e a consumación do marxismo”.

Descarga o texto completo nesta ligazón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.