Unha perspectiva cidadá da pandemia en Galicia

CC-BY NIAID

Un grupo de investigadores, co apoio da Universidade Nacional de Colombia, lanzamos entre o 6 e o 15 de abril un sondeo 'online' sobre as percepcións cidadás en torno á pandemia pola COVID-19 en Hispanoamérica. Hai unha semana, presentabamos en eldiario.es un adianto dos principais resultados. A mostra, que inclúe un bo número de enquisados galegos, permite extrapolar unha perspectiva da cidadanía galega en canto á xestión desta crise global.

A análise desenvolveuse atendendo a tres eixos principais de interese: as inquedanzas e accións individuais en torno á pandemia, as percepcións sobre a xestión da crise por parte das autoridades e as perspectivas de futuro postcovid-19

A análise desenvolveuse atendendo a tres eixos principais de interese: as inquedanzas e accións individuais en torno á pandemia, as percepcións sobre a xestión da crise por parte das autoridades e as perspectivas de futuro postcovid-19. Polo que se refire ao primeiro eixo, maniféstase en Galicia unha preocupación maioritaria pola saúde, equivalente á do conxunto do Estado, coa particularidade de que no noso caso contaxiar a familiares e achegados sitúase 12 puntos por riba da media estatal (42%). Ao igual que no resto do España, declárase un acatamento das recomendacións das autoridades, tales como o estado de alarma, por riba dos 95 puntos.

En Galicia, os actores implicados na xestión da crise, tales como sanitarios, forzas e corpos de seguridade do estado e servizos esenciais reciben o recoñecemento de en torno a un 90% dos enquisados. Só no sector das multinacionais e as grandes empresas reflíctese unha baixada destes elevados niveis de apoio, ata pouco máis do 50%, o que supón 5,5 puntos por debaixo da media estatal.

O papel da oposición política ao goberno central rexistra un rexeitamento por riba do 80% por parte dos enquisados en Galicia

En canto á xestión dos diferentes niveis da administración, prodúcense así mesmo elevadas taxas de aprobación, sendo os gobernos central e municipal os que colleitan a maior simpatía. Cun 76% cadanseu, sitúanse a certa distancia da Xunta, que acada o visto bo do 63% dos enquisados. No caso do mando único, mentres a aceptación de medidas como o confinamento acadan o 85%, as súas políticas económicas ven baixar o seu nivel de avais ata o 69%. Fronte a isto, o papel da oposición política ao goberno central rexistra un rexeitamento por riba do 80% por parte dos enquisados en Galicia.

A nivel internacional, os galegos manteñen a perspectiva xeral para toda Hispanoamérica de rexeitamento maioritario das accións de resposta á crise dos Estados Unidos e Brasil, o mesmo que para as da UE, sendo China o único actor que recibe unha avaliación positiva (no noso caso, oito puntos por riba da media estatal, no 67%). E consonancia coa opinión favorable que amosa a maioría da mostra coas técnicas de control biométrico, como necesarias para controlar a pandemia. Non obstante, polas limitacións na privacidade que poden implicar, amósase tamén a preocupación por que este tipo de medidas poidan perpetuarse no futuro.

Polo que se refire ao goberno da globalización, fronte á actual tendencia nacionalista, máis da metade dos entrevistados galegos consideran que deberían prevalecer as decisións adoptadas a nivel supranacional por organizacións como a OMS ou a UE (59%, cinco puntos por debaixo da media estatal), así como que a toma de decisións debería incluír a participación de sindicatos, patronal e sociedade civil (tamén no 59%).

A enquisa amósanos unha cidadanía galega que sitúa a saúde da familia como a súa principal preocupación, moi por riba da economía

En conclusión, a enquisa amósanos unha cidadanía galega que sitúa a saúde da familia como a súa principal preocupación, moi por riba da economía, e cuns elevados niveis de satisfacción coa acción do conxunto de actores socioeconómicos e autoridades, máis elevados para os gobernos municipal e estatal. A nivel internacional, o de China é o único caso que recibe unha avaliación positiva. Por último, como para o conxunto de Hispanoamérica, cabe sinalar unha percepción política desfavorable respecto dos retos latentes, conforme a unha perspectiva de certa ambigüidade para o futuro do conxunto do planeta, en liña co noso consubstancial “depende”.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.