O domingo, tras coñecer os resultados do referendo de Grecia no que o pobo se manifestou con claridade contra a chantaxe desa camorra criminal que podería responder perfectamente ao nome de Tríade, fóronseme ocorrendo algunhas leccións que ás xentes e ás esquerdas de Europa, principalmente do Sur, nos podía ir deixando o acontecemento.
Fóronseme ocorrendo algunhas leccións que ás xentes e ás esquerdas de Europa, principalmente do Sur, nos podía ir deixando o acontecemento
Porque o que ocorreu foi exactamente iso, un acontecemento, un salto cualitativo a partir do que nada será xa como foi. Outro máis.
Nos últimos tempos, xusto cando todo parecía destinado a ensumirse nunha especie de plasma informe, inanimado, eternamente inmutable, ese doce encanto da inmobilidade, a Historia quixo acelerarse e ofrecernos algúns acontecementos que constantemente desvían e revolucionan o seu pausado curso. Pero a Historia, xa o sabemos, movémola nós.
O referendo grego espertou certas consideracións que fun introducindo nas redes sociais como pequenas reflexións de urxencia, consecutivas, instantáneas. Nada importante nin, por suposto, tan transcendente como para escapar do momento exacto dos debates que se producen nas redes sociais. Desde o meu punto de vista, porén, todo o que pasou e está pasando ten tamén o valor de alertarnos e avisarnos arredor dos pasos que colectivamente podemos dar xa e no futuro inmediato. Pasos obrigados, e non só estes, se queremos que as nosas vidas vaian mudando. Empecemos por parar de afondar nos abismos que os sicarios nos obrigan a cavar coma tumbas.
O domingo, o Pobo Grego sóubose soberano. Vive en certa medida nun momento fundacional. Non é este un acontecemento illado senón un dos resultados dun proceso que leva anos fermentando
O domingo, o Pobo Grego sóubose soberano. Vive en certa medida nun momento fundacional. Non é este un acontecemento illado senón un dos resultados dun proceso que leva anos fermentando e construíndose con xenerosidade, intelixencia, conciencia das necesidades e determinación. Colectivamente. E a cousa non fixo máis que empezar. Sexa como for, para todo o camiño que queda, que é longo e sinuoso, Grecia está a darnos leccións. Eu quixen destacar só algunhas desas Leccións Gregas.
1. O Pobo apoia a proposta dun goberno dirixido pola organización chamada Coalición da Esquerda Radical (Syriza). O eixe dereita-esquerda parece funcionarlles aos gregos. E aos europeos que nos identificamos e acompañamos o seu proceso. Non é, pois, un eixe que non explique o que ocorre nin que signifique necesariamente derrota. Talvez sexa máis necesario redefinilo, outorgarlle novas identificacións, apartalo de simplificacións e mistificacións, que obvialo ou atacalo ou suprimilo.
O eixe dereita-esquerda parece funcionarlles aos gregos
2. Fronte ao Parlamento Grego, a xente celebra a vitoria no referendo con bandeiras vermellas e cantando a Internacional. Coas súas bandeiras e os seus cantos. Os símbolos non fan a acción política, pero tamén a poden acompañar. Porque os símbolos son poderosos catalizadores de identidade colectiva. Non substituamos discursos nin accións con símbolos, pero non temos por que renunciar a eles nin desprezalos gratuitamente.
O liderado é o resultado dun proceso de construción de poder popular, non é unha imposición mediática. É o pobo organizado quen determina e sostén liderados
3. O liderado é o resultado dun proceso de construción de poder popular, non é unha imposición mediática. É o pobo organizado quen determina e sostén liderados, quen pode mantelos mesmo en momentos de refluxo e de condicións de precariedade. O proceso é de abaixo a arriba. Cando o proceso se quere e se planifica á inversa, o liderado pode converterse nunha operación política democraticamente discutible. Esa caste de liderado piramidal, con certo éxito no mundo dos negocios, é socialmente moitísimo máis efémero do que pode parecer. O liderado non é unha luz que irradie desde o pico dunha montaña sagrada; xorde na lama multitudinaria.
4. A Unión Europea redefiniu o concepto de soberanía, e non naquel sentido infantil do nacionalismo autonomista, segundo o cal aquela Europa dos mercados, a de Maastricht e os tratados das elites, a da mal chamada Constitución Europea, garantiría as máximas cotas de autogoberno das nacións sen Estado. Era aquel un idealismo infantil que o tempo se encargou de desmontar. Baseábase nunha confianza cega en que os poderes financeiros e políticos europeos, xenerosos e progresistas por natureza dada a súa insubornable e indiscutible convicción democrática, terían a bondade de concedernos unha nova carta de soberanía que os estados endexamais estarían dispostos a conceder. Por suposto, a Unión Europea foi sempre un proxecto de redefinición da soberanía popular, pero nun sentido limitador. Un proxecto de expropiación e acumulación de toda a soberanía en órganos antidemocráticos e antipopulares cuxa finalidade é preservar o negocio e protexelo de toda tentación democrática e minimamente reformista. A Unión Europea insírese no proxecto de ataque terminal do Capital contra o Traballo, chamado liberalismo, que consiste en recuperar o terreo perdido mediante a privatización dos bens públicos, a destrución sistemática de dereitos e conquistas colectivas e a imposición de condicións de explotación e de extracción próximas ao escravismo. É o thatcherismo do século XXI.
A soberanía do pobo galego depende en primeiro lugar da nosa capacidade de derrotar a Troica en alianza cos pobos do sur
5. A soberanía do pobo galego depende en primeiro lugar da nosa capacidade de derrotar a Troica en alianza cos pobos do sur. Todo proxecto de recuperación de soberanía, que será popular ou non será soberanía, terá que enfrontarse aberta e solidariamente contra a armazón política e económica da Unión Europea. Combatela. Derrotala. O suxeito de soberanía non é unha idea nin unha imaxe máis ou menos ideal de nación. É a multitude, no sentido dunha colectividade humana de intereses pero diversa, irredutible e irrepresentable. Pensar a multitude en termos de oposición entre o nacional e o mundial é unha aberración. O suxeito social e político do cambio e de soberanía é galego e comprende que a súa capacidade de decisión sobre todas as cousas, e non só sobre o grao de autogoberno que lle concedan, non se disputa xa só, nin sobre todo, no Congreso dos Deputados de España. É a UE quen acumula todo o poder expropiado, e a por el haberá que ir en colaboración con outros suxeitos que, sobre todo no sur de Europa, adquiren consciencia de idénticas necesidades. De Compostela a Atenas, compartimos necesidades e necesitamos compartir proxecto. A soberanía non é unha cuestión formal relacionada co autogoberno dunha nación, é a capacidade dunha colectividade para decidir sobre todos os asuntos do común.
Os medios de comunicación tradicionais xa non son determinantes. Derrotámolos nas municipais, rompemos o seu cerco, votamos as candidaturas de unidade popular contra as súas advertencias
6. Os medios de comunicación tradicionais xa non son determinantes. Derrotámolos nas municipais, rompemos o seu cerco, votamos as candidaturas de unidade popular contra as súas advertencias. E acaba de derrotalos estrepitosamente a razón popular en Grecia. A comunicación de masas clásica tamén é desbordada por novas fórmulas de comunicación social nas que se creba a unidireccionalidade e as vellas xerarquías comunicativas. Contra o que ocorre na comunicación humana, esas vellas xerarquías comunicativas fosilizadas nos medios tradicionais separan un emisor privilexiado e investido de poderes máxicos sobre a configuración da realidade dunha multitude de receptores aos que se lles asignan funcións pasivas. Ese esquema comunicativo, sen o cal sería imposible entender os múltiples modos de submisión, alienación, control e imposición do consenso das elites, está en profunda crise. Ante esta evidencia da derrota dos medios de imposición de consenso, das fendas do propio consenso en si, a multitude debe estar precavida. A coerción e o fascismo, nas súas diversas formas, asoman o fociño. A Lei Mordaza, por exemplo, non é máis ca un sinal desa noite.
Non hai máis alternativa ca a Unidade Popular. Quen opoña e enfronte a súa propia marca e o seu rostro á Unidade Popular terá que acabar respondendo ante a xente
7. Non hai máis alternativa ca a Unidade Popular. Quen opoña e enfronte a súa propia marca e o seu rostro á Unidade Popular terá que acabar respondendo ante a xente. A profunda e irreversible crise do réxime de representación política, que non é máis ca a constatación crecente dun desaxuste material, dunha disfunción entre a base material, as necesidades das clases populares e o simulacro institucional, non dá lugar xa á competencia por colocar unha marca no mercado electoral. A Unidade Popular é cooperación, non competencia. E a cooperación é incompatible co mercado. Ou sexa, a Unidade Popular é incompatible co interese particular dunha marca por preservar o seu espazo e garantir a súa autorreprodución e a dos seus cadros dirixentes.
8. A esquerda tamén sabe gañar, sobre todo cando non pon o interese de parte por diante. Unha persoa, un círculo, unha célula, un comité central, unha executiva, un partido non constrúe pobo. Pode contribuír a construír poder popular, sen dúbida, e a darlle á multitude esa fortaleza e cohesión necesaria para constituírse en Pobo Soberano ou en Cidadanía Constituínte. Pero non se constrúe pobo cun discurso. A esquerda é filosofía da praxe, pensa para actuar e actúa pensando colectivamente. Sempre colectivamente. E cando é así, tamén sabe gañar e desfruta na vitoria. Porque a vitoria, neses casos, non é de parte tampouco. É colectiva. Aínda que cada vitoria non faga máis que preparar un novo combate nesta guerra de posicións inescusable.
A esquerda tamén sabe gañar, sobre todo cando non pon o interese de parte por diante
9. A socialdemocracia europea, co SPD á cabeza, co PSOE, o PSF e o ridículo partido de Matteo Renzi, etc., é un restroballo inerte e sen capacidade nin para xestionar o seu propio funeral. A chave para reorganizar o taboleiro político, para remexelo ata reconfigurarlle a forma e as funcións, non é negar o eixe dereita-esquerda, porque é precisamente o usufruto indigno deste eixe o que lle permite sobrevivir aínda a este inxente engano político. Todo o contrario. A chave é non permitirlle á socialdemocracia que se apropie da esquerda por abandono. A chave é apelar á súa militancia e aos seus votantes, na súa inmensa maioría traballadoras e traballadores, clases populares e persoas de esquerda, para que contribúa a construír unha verdadeira alternativa popular ao estado de cousas, ao réxime e ao sistema.
A socialdemocracia europea, co SPD á cabeza, co PSOE, o PSF e o ridículo partido de Matteo Renzi, etc., é un restroballo inerte e sen capacidade nin para xestionar o seu propio funeral
10. A Historia non terminou!
Coda. Yannis Varoufakis acaba de contribuír ás leccións gregas con dous últimos apuntamentos que, desde o meu punto de vista, deberan atravesar toda acción política da esquerda nos tempos que se están abrindo. Por unha banda, o orgullo de sermos odiados polos inimigos. Pretender contribuír a transformar materialmente a sociedade na que vivimos, cambiar as cousas, alterar o sentido común dominante quedando ben xusto con aquelas elites cuxos intereses determinan as nosas necesidades é unha quimera, cando non outra aberración máis. Pola outra banda, a conciencia de que na esquerda sabemos sempre actuar colectivamente sen que importen os privilexios individuais nin certas luces que ameazan constantemente con cegarnos.
E, como din os nosos clásicos, a loita continúa